A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, informounos ao Colectivo Ecoloxista Luita Verde en documento asinado o pasado 4 de setembro deste 2020 que trala falta de resposta por parte do Concello de Moaña ás recomendacións formuladas desde esa institución os días 4 de febreiro, 27 de abril e o 3 de xuño deste ano nas que se dirixiu nos seguintes termos “Que se proceda á inoación do expediente de caducidade de licenzas de obras no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, no Concello de Moaña e que se resolva nos plazos legalmente previstos.”, advertía ao concello que, a partir dese día no suposto de non recibir da Administración afectada a resposta aínda pendente no prazo de 5 días, entendería desatendida a obriga legal contida no artigo 32.2 da Lei 6/1984, de 5 de xuño, da Valedora do Pobo, e rexeitada de xeito tácito a resolución.
Por iso, procedería de acordo co disposto no artigo 32.2 da citada Lei, que sinala que se non se obtivara unha xustificación adecuada para a non actuación de acordo co indicado, o asunto incluirase no Informe Anual ou Especial correspondente, con mención do nome ou nomes das autoridades ou funcionarios que persistan na actitude hostil e entorpecedora das súas funcións, de considerarse que era posible unha solución positiva e esta non se dera. Así pois, no mencionado Informe dirixido ao Parlamento de Galicia subliñaríase esta circunstancia.
Malia que a Valedora do Pobo sinala no final do seu escrito que se poñería en contacto con Luita Verde unha vez que o citado concello lle remita a resposta, dándonos conta da súa actuación, mentras o goberno municipal BNG-PSOE, ao igual que outros anteriores e de distintas cores políticas, é cómplice unha vez máis desta operación claramente especulativa e fraudulenta que ten a orixe nas datas 12-02-2001 e 09-06-2003 cando a Comisión de Goberno do Concello de Moaña acordou concede-la licenza de obra de 50 vivendas Exp. 139/2000 e 52 Exp.81/03 respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio.
O requerimento por parte da Valedora xa é o terceiro desde que o 9 de agosto de 2019 iniciara ante o concello as accións oportunas mais a falta de resposta por parte do concello de Moaña sucede na realidade desde hai case 18 meses cando Luita Verde solicitou a Rexistro por escrito dirixido ao Concello de Moaña o xoves 14 de marzo de 2019 a aplicación do artigo 145 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o inicio do expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas e así mesmo a paralización das obras de construcción e a suspensión dos usos que destas se derivan, polo deterioro ambiental da paisaxe, do medio e dos recursos naturais como é a auga.
O escrito presentado daquela baseouse en que con datas 14-08-2000, 09-10-2000 e 12-03-2001 a través de alegacións e un Recurso Potestativo de Reposición presentado por Luita Verde advertiuse ao Concello de Moaña da manifesta ilegalidade da concesión de calquera licenza de construcción do Plan Parcial S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, polos incumprimentos da legalidade vixente indicado no informe do Arquitecto Técnico Municipal Alfonso Lage Pérez, do que a Comisión de Goberno non fai caso, e que basicamente vén dicir que non se pode edificar sen antes urbanizar e como moito só poderá outorgarse a correspondente licencia de obras sempre que se asegure a urbanización simultánea da urbanización e edificación.
Que o informe do Arquitecto municipal Gumersindo Ferro Pichel, de data 24-01-2008, di que a maioría das vivendas non estan iniciadas e ningunha rematada, e das obras de urbanización estímase que está executado únicamente un 50% do total da urbanización, polo que, por resolución da Alcaldía nº 31/2008 e 32/2008 de 28-01-2008, acordouse a incoación de expediente de caducidade.
Que o 12-01-2010 o Alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, sen ningún apoio nin argumento legal, adoptou a Resolución 18/2010 pola que declara a caducidade dos expedientes de caducidade das licenzas outorgadas o 12-01-2001 e o 09-06-2003, e deixar sen efecto as medidas cautelares adoptadas de paralizar as obras de construcción e a suspensión dos usos que destas derivase.
Que con data 13-09-2018, a suposta sociedade Agrupación de Interés Económico-Urbanización Golf Domaio, creada polos propietarios das poucas vivendas ilegais rematadas ao amparo das licenzas concedidas con data 12-02-2001 Exp. 139/2000, convoca unha reunión nas instalacións do club de golf Ría de Vigo onde, asistidos polo bufete de abogados Auren, na mesma hai membros do Consejo Rector de la Junta de Compensación e se confirma novamente a paralización das obras de Urbanización e a imposibilidade da urbanización do S.A.U A-7, plantexando a constitución dunha Agrupación de Interese Económico co obxetivo da venta global das parcelas do sector B a un “inversor”, por non dicir “fondo buitre”, para recaudar fondos e poder urbanizar e así mesmo legalizar as súas vivendas.
Que na Asamblea Xeral da Xunta de Compensación da Unidade de execución “Residencial Golf Domaio S.A.U. A-7 do 15-07-1994, acordouse polo 100% dos membros o Proxecto de Compensación e o Aproveitamento edificable correspondente ao Concello de Moaña, dito aproveitamento acordase sustituilo polo pago en metálico do importe que se valora a cesión e que se estima en 200 millóns de pesetas (1.202.024,21€), con data 28-05-1998 foi aprobado polo Pleno do Concello. A día de hoxe -na actualidade un ano máis-, a Xunta de Compensación soamente pagou 76.500.000 pesetas (459.774,26€), e o resto tería que estar pagado o 29-12-2001.
Que despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas -na actualidade un ano máis-, non hai aval das obras de urbanización das 102 vivendas e, por engadido, a maioría das mesmas non están executadas, soamente o están unha ducia delas que representa menos do 10% do total, despois hai un lote que non chega ao medio cento que están iniciadas sen rematar e o restante está sen construír, polo que se incumpre as obrigas de edificación e urbanización simultánea, nin existe conexión de abastecemento e saneamento de auga nin informes ao tanto da empresa concesionaria Aqualia, e dende hai 8 anos nin existe a mínima obra de continuidade.
E que, polo contrario, o que sobresae por toda a área urbanizable é o máis absoluto deterioro ambiental con paquetes de vivendas pantasma sen rematar, viales cubertos pola vexetación, con varios focos de verteduras incontroladas de lixo e entulleiras ás súas beiras, e con boa parte das parcelas sen construír a rebousar de matogueira e de eucaliptal, cun exceso de biomasa pirófita con alto risco de propagación de lume forestal máis de especies altamente invasoras como, en especial, a herba da pampa.
Axuntamos fotografías da urbanización realizadas no momento da presentación do escrito de solicitude das caducidades das licenzas de obras, onde se observa con toda crudeza a situación de abandono e degradación das obras de urbanización no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, no caso meirande de especulación urbanística existente ata a actualidade no Morrazo e un dos máis graves a nivel galego, que comezou a xestarse nos inicios dos anos noventa do século pasado na parroquia moañesa de Domaio coa construcción do campo de golf e posteriormente coa urbanización anexa a través de Plans Parciais, onde se recalificou 95 has. de solo rústico de protección forestal en 64 has. para o campo de golf como solo rústico ordinario e 31 has. para a urbanización como solo urbanizable, entre as concas e ribeiras dos ríos da Freixa e Miñouba.
Deixar unha resposta