Arquivos diarios: Outubro 3, 2020

A burbulla eólica e o parque eólico no Morrazo

Na actualidade, en plena pandemia sanitaria que comporta e coincide cunha nova crise económica, a través dos medios de comunicación estase tentando convencer a poboación da existencia dunha burbulla eólica na Galiza ao existiren proxectos que duplican a potencia actual en megavatios.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, esta burbulla da que se fala agora desde os medios, existe pero non agora, senón desde finais da década pasada, coincidindo co inicio da anterior crise económica, no ano 2008, cando o bipartito PSOE-BNG gobernaba a Xunta e adxudicara provisionalmente un concurso eólico, que despois de ser recorrido ante a xustiza, foi finalmente aprobado polo Partido Popular asignando 2324 mw de potencia na resolución do 20 de decembro de 2010.

Este concurso eólico está baseado nun plan sectorial aprobado no ano 1997 que carece da correspondente avaliación ambiental estratéxica no seu conxunto á que obriga a lei desde o ano 2006, despois de que a implantación da enerxía eólica na Galiza causara un grande e moitas veces irreversíbel impacto ambiental no territorio. Así a implantación dos máis de 100 parques eólicos e ao redor de 4.000 aeroxeradores nas áreas de maior potencial eólico de Galiza xa causaran importantes danos a nivel paisaxístico, ecolóxico e cultural nos montes da fachada atlántica, desde a Mariña Luguesa ata a Costa da Morte e pasando por grande parte da área occidental da Dorsal Galega.

A partir do anos 2005, cando remata a instalación destes parques eólicos, perdeuse unha oportunidade histórica de tentar modificar as políticas e a xestión técnica da implantación das enerxías renovábeis na Galiza, paralizando a construcción de novos parques eólicos e apostando por unha xestión máis sustentábel baseada na repotenciación e modernización do xa instalado, na diversificación das enerxías, na autoxestión e sobre todo na eficiencia e aforro enerxético.

Por desgraza, isto non sucedeu, e a aposta do goberno galego foi seguir co mesmo modelo produtivista, competidor e externalizador de recursos naturais, xa que, como é coñecido, Galiza é un territorio con excedente de produción de electricidade, en especial da derivada do sector eólico e o hidroeléctrico, que exporta fóra da comunidade sen a penas compensación. Máis ben todo o contrario, xa que isto resulta gravoso para o propio territorio tendo en conta do dano ambiental e as facturas da electricidade da poboación que non se ve diminuida malia soportar as consecuencias da produción.

A guerra de intereses económicos e empresariais, ligado ás preferencias dos gobernos políticos de turno, que comezaron co concurso eólico non son máis que unha mostra do gorentoso negocio que supón este sector e da burbulla eólica que existe dende a súa aprobación, acelerada na actualidade despois de aprobar a Xunta no ano 2017 a lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais, coñecida polos movementos sociais e ecoloxistas como “lei da depredación”.

Esta lei simplifica os procesos de tramitación e a avaliación ambiental dos proxectos empresariais e sérvese dunha falta de protección ambiental na maioría do territorio galego, que non chega ao 12% da súa totalidade protexido, promovido pola propia Xunta de Galiza que se nega a ampliar a rede galega de espazos naturais protexidos e máis en concreto a Rede Natura, da que esta Plataforma xa solicitou no 2012 a inclusión dun novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, que integrara os espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro, máis outros ampliables.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembra que entre os 91 parques proxectados polo territorio galego polo aínda vixente concurso eólico, foi incluído o parque eólico de Pedras Negras. Este parque eólico estaría situado na parte máis alta, entre os 450 e os 600 m. de altitude sobre o nivel do mar, cunha superficie total de afectación de 1725 has. en terreos de grande valor paisaxístico, ambiental, cultural, social e económico do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido segundo as daquela vixentes normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra e, na actualidade, aínda clasificado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa a través dos seus respectivos PXOM.

Nel se proxectaron 17,9 kilómetros de lonxitude de vías de acceso, dos que 13,48 km. serían viais de nova construción con maquinaria pesada dun ancho de 6 metros, para a instalación de 14 aeroxeradores de 175 metros de altura, con 119 metros de fuste e 112 metros de diámetro de rotor, cunha cimentación de cada aeroxerador de 20 m. de diámetro baixo unha explanada e plataforma de montaxe dunhas dimensións mínimas de 46 x 60 e cunhas afeccións de 70 x 92 m., máis a posta en funcionamento dunha subestación eléctrica de 66×20 KV.

A afección na fase de construción era moi negativa a nivel xeolóxico, biolóxico, edáfico, hidrolóxico, cultural e arqueolóxico, á parte da paisaxística entre as rías de Vigo e Pontevedra, cos altos dos montes Formigoso, Gagán, Coto do Home e as serras Basil e Domego, a contorna forestal e arqueolóxica de Chan de Arquiña e Os Lagucheiros, e a conca de nacemento da ribeira dos regos da Fraga, Neibó-Loira, Río Maior e Miñouva, con hábitats naturais prioritarios e fauna e flora silvestre endémica e de interese comunitario.

Alén disto, cómpre salientar a súa incompatibilidade cos usos tradicionais como son os forestais e do aproveitamento multifuncional do monte comunal, dos mananciais de auga, como así mesmo a práctica de certas actividades sociais como por exemplo o voo do parapente, ao que habería sumar a afección a visual e acústica a escasa distancia de núcleos de poboación humana e a máis que probable elevada mortandade de fauna, en especial de aves e morcegos, na fase de funcionamento do propio parque.

A oposición ao final a este proxecto na comarca foi moi grande, rexistrándose na súa fase de información pública, entre decembro do 2012 e xaneiro do ano 2013, miles de alegacións cidadanas na súa contra, a dos propios concellos afectados e a presenza así mesmo de varios centos de persoas en distintos actos reivindicativos como, por exemplo, as previas e sucesivas marchas in situ polas zonas afectadas organizadas por esta Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.

Desde aquela o proxecto, promovido pola empresa Enel Green Power España S.L., vencellada coa multinacional italiana ENEL e a española ENDESA, está paralizado e non temos novas oficialmente do mesmo pois a Consellaría de Economía e Industria non respondeu ata agora ás alegacións presentadas, aínda que se sabe polos medios de comunicación que a dita empresa adxudicataria seguía interesada no proxecto.

Cómpre tamén quitarlle a máscara ás grandes empresas eléctricas que pretenden agora pasar con grandes campañas publicitarias detrás por ecoloxistas, cando a súa aposta polas enerxías renovábeis non é froito da preocupación polo medio, senón unha adaptación a este e a un futuro sen materias primas para manter o seu gorentoso negocio. Por iso, no canto de faceren campañas a prol do consumo responsábel de enerxía e apostar pola redución deste, o que venden é que van ser capaces de manter o insustentábel nivel de consumo enerxético actual sen que isto teña consecuencias sobre o medio.

O consumo enerxético debería reducirse como mínimo aos niveis dos anos noventa do século pasado, que é cando se comeza a debatir a nivel internacional as actuacións contra os perniciosos efectos negativos da mudanza climática, tendo en conta por outra banda que xa se sabía dela cientificamente desde mediados de século e que xa comezaba a ser preocupante na década dos anos setenta.

A experiencia desta última pandemia sanitaria que estamos a sufrir a nivel planetario, de orixe zoonótica e relacionada probablemente con grandes desequilibrios ambientais a través da progresiva perda de hábitats naturais e biodiversidade por causa humana, debería servirnos de lección de que cómpre mudar xa as nosas actitudes antropocéntricas e globalizadoras para centrarnos nun futuro baseado na acción local e no efectivo respecto pola nosa contorna ambiental.

Por todo isto, para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo o parque eólico de Pedras Negras ten que desaparecer definitivamente da planificación eólica a nivel autonómico e substituilo pola autoxestión dos recursos naturais a nivel local, fóra de grandes proxectos en espazos naturais e libre de monopolios empresariais.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized