Arquivos diarios: Outubro 9, 2020

Cultura expedienta o concello de Cangas pola agresión directa ao castro da Igrexiña

A través dun documento asinado o pasado 11 de setembro de 2020 pola Valedora do Pobo, se nos informa que trala nosa queixa pola falta de resposta da Consellería de Cultura e Turismo á denuncia presentada o pasado 8 de febreiro de 2020 polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde pola agresión directa ao Castro da Igrexiña, na parroquia do Hío, conculcando a Lei 93/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, a dita Consellería remitíu finalmente a información solicitada respostando que unha vez consultada a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra, esta manifestou que, como consecuencia da denuncia formulada por Luita Verde o 8 de febreiro, aperturouse un expediente de dilixencias informativas co número VI.PO.019.20, requeríndose información ao concello de Cangas, quen respondeu aportando copia da licenza municipal de apertura de quioscos desmontables outorgada no expediente municipal 2562/2019, así como da autorización da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Para as citadas actuacións se nos informa finalmente que non consta que se teña solicitado autorización da dita Xefatura Territorial e que polo tanto se procedeu á incoación do dito expediente ao concello polo outorgamento de licenza municipal sen contar coa previa e preceptiva desta Consellería de Cultura e Turismo.

En base a ese expediente informativo incoado pola Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra, o Concello de Cangas nos contesta agora a través dun comunicado asinado polo alcalde do pasado 5 de outubro de 2020 con referencia ao escrito de denuncia presentado así mesmo por Luita Verde neste Concello con data 11.02.2020, remitindo a documentación que consta neste Concello así como os informes da inspección de obras deste Concello de data 16.06.2020, e o técnico municipal de datas 24.01.2020 e 10.03.2020 respectivamente, para o noso coñecemento e efectos oportunos.

En resposta a esta contestación e a documentación presentada polo Concello de Cangas, Luita Verde presentou onte 8 de outubro de 2020 o correspondente escrito a rexistro dirixido ao sr. alcalde presidente solicitando que, en plenas competencias municipais e amparado na legalidade que lle confire en materia de ordenación urbanística e de protección do patrimonio cultural o Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Término Municipal de Cangas, este concello proceda a paralización da concesión de máis licenzas de apertura, a prohibición da instalación do quiosco de praia e a retirada da conexión dos servizos de auga e saneamento solicitado polo seu promotor dentro da área de protección integral do xacemento arqueolóxico do Castro da Igrexiña.

Así mesmo solicitou que se presente a solicitude por parte deste Concello de Cangas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de revogación da resolución sobre a solicitude de autorización para a instalación dun quiosco desmontable na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre na praia de Nerga, no termo municipal de Cangas (Pontevedra) Expediente: A-PO-2019/247Q

Baseouse en que diante da consulta realizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao concello na tramitación previa da solicitude de autorización de instalación do quiosco de praia, o arquitecto municipal omitiu deliberadamente no seu informe de 24.01.2020 que o lugar da instalación solicitada do quiosco ademais de estar calificado urbanísticamente en solo non urbanizable de protección de costas, tamén o está en solo non urbanizable de patrimonio histórico segundo as vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento correspondente á área de protección integral do xacemento arqueolóxico do Castro da Igrexiña -dentro do propio recinto castrexo e na inmediación de varias pedras con gravados rupestres-, incluido así mesmo no Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Término Municipal de Cangas, co que iso implica de prohibición da instalación do dito quiosco de praia como da súa actividade hostaleira, polo grao de protección integral do dito xacemento.

En que posteriormente e, cando a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa resolvera autorizar a instalación do quiosco de praia no lugar, o mesmo arquitecto municipal copia e calca o mesmo informe de 24.01.2020 mais desta vez engade no último parágrafo que a parcela obxecto de informe emplázase dentro do ámbito de protección do ben catalogado “Castro e petróglifo da Igresiña” no seu informe do 10.03.2020 a través do departamento de urbanismo.

En que o Concello de Cangas ao final pretende ocultar as súas directas competencias ante o expediente informativo incoado pola Consellería de Cultura e Cultura pola licenza municipal de apertura do dito quiosco de praia sen a previa e preceptiva atutorización da mesma, amparándose nunha resolución de autorización dictada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda favorable á instalación do quiosco de praia desmontable no lugar, cando é o propio concello o que ten ao final a competencia exclusiva de non conceder a licenza municipal de apertura do dito quiosco de praia baseandose na protección cultural e integral do lugar onde se ubica que lle confire o catálogo complementario das normas subsidiarias de planeamento, feito que non o fixo no ano 2019 outorgándolle unha primeira licenza urbanística de instalación e conexión dos servizos de auga e saneamento ao promotor do quiosco e permitindo así mesmo que o voltara a instalar na tempada de verán deste 2020, feito este último denunciado por este colectivo o pasado 21.08.2020 e despois de que xa advertiramos que podía suceder na denuncia do pasado 11.02.2020, nos escritos presentados rexistro e dirixidas ao sr. alcalde presidente do concello.

En que esta situación ameaza con sosterse no tempo tres anos máis, habida conta que a Resolución dictada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda outorgou a autorización de instalación do dito quiosco ao seu propietario para a tempada de verán dos anos 2020, 2021, 2022 e 2023.

En que tendo en conta que o Castro da Igrexiña está así mesmo incluído no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e que calquera actuación no seu ámbito de protección necesita a correspondente autorización da Consellería de Cultura e Turismo segundo a LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, é o propio Concello de Cangas o que, a sabendas da existencia dunha actividade que afectaba a un ben cultural catalogado no seu concello, tiña que haberse dirixido a dita Consellería para solicitar o seu informe preceptivo e autorización sectorial, feito que lamentablemente tampouco sucedeu e daí tamén a orixe do expediente de dilixencias informativas ao concello por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra.

En que segundo o apartado e) do art. 130 da dita LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o outorgamento de permisos, licenzas ou autorizacións municipais sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural para calquera intervención en bens de interese cultural ou catalogados ou nos seus contornos de protección ou na súa zona de amortecemento, cando esta sexa preceptiva, está considerada unha infracción grave.

Luita Verde advertíu finalmente que, de seguir esta reiterada actitude a nivel funcionarial como administrativa por parte deste Concello de Cangas, pode incurrir no suposto delito de prevaricación por omisión de competencias co que iso implica para o persoal implicado.

Luita Verde presentou ao mesmo tempo hoxe 9 de outubro de 2020 outro escrito dirixido á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra solicitando así mesmo a paralización definitiva da actividade do quiosco de praia dentro da área integral de protección do Castro da Igrexiña, a apertura dun expediente sancionador ao promotor da instalación do quiosco e ao Concello de Cangas por concederlle licenza municipal de apertura sen a previa e preceptiva autorización desta Consellería de Cultura e Turismo e a restauración ambiental dos terreos ao seu estado anterior.

Por outra banda soliticou tamén que se presente a solicitude por parte desta Consellería de Cultura e Turismo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de revogación da resolución sobre a solicitude de autorización para a instalación dun quiosco desmontable na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre na praia de Nerga, no termo municipal de Cangas (Pontevedra) Expediente: A-PO-2019/247Q

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized