A burbulla urbanística acaba coa Carballeira de Franco

O pasado 16 de setembro de 2020 o Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou escrito a rexistro ao sr. alcalde presidente do Concello de Cangas, á xefatura territorial da Consellería de Medio Rural, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e á Demarcación Sur de Augas de Galicia, onde expoñíamos que no lugar da Rúa, parroquia de Coiro, concello de Cangas, en solo non urbanizable común segundo as vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento do Término Municipal de Cangas, estase a levar a cabo grandes desbroces e cortas de arborado que están a afectar o contorno do lugar coñecido como a Carballeira de Franco ou Carballeira da Rúa.

Que este lugar está en terreo forestal con arborado e dentro del de grande valor biolóxico, paisaxístico e ambiental formado por varios exemplares adultos e de envergadura de carballo, vestixio histórico da antiga carballeira que predominaba na zona entre os lugares da Rúa e A Pedreira, digno de protexer e conservar, onde ademais calquera intervención ten que adecuarse ao contido no artigo 92 dos aproveitamentos madeireiros da Sección 2ª dos aproveitamentos en montes de xestión privada da dita Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia que no punto 1 dispón que os propietarios de terreos forestais privados que desexen realizar aproveitamentos de madeira ou leña terán que solicitar a preceptiva autorización do órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.

Que a Carballeira de Franco acolle así mesmo o achado arqueolóxico da Carballeira de Franco (GA36008ACH10), onde se atoparon materiais cerámicos e líticos de adscripción cultural variada – indeterminado, calcolítico e moderno – e que está ubicado na proximidade doutro, o de Cornelló (GA36008ACH22), onde se atoparon así mesmo materiais de adscripción cultural medieval, incluidos no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, onde segundo o artigo 45 de Réxime de intervencións no contorno de protección da LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, dispón que as intervencións que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados deberán contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Tendo en conta que as intervencións que se está a levar a cabo na actualidade no contorno de protección do achado da Carballeira de Franco afectan directamente cando menos ao apartado d do punto 1 de dito artigo 45 da LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e probablemente a varios dos apartados restantes no futuro tendo en conta que nesta zona, entre a Carballeira de Franco e Cornelló, se pretende planificar o Centro de Alta Resolución (CAR) do Morrazo a nivel sanitario, necesita polo tanto a correspondente autorización da Consellaría de Cultura a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Que a Carballeira de Franco acolle tamén un tramo do antigo “camiño real” que conectaba os lugares da Pedreira e A Rúa coa ribeira do rego das Saíñas, de grande valor así mesmo etnográfico e etnolóxico, digno tamén de protección e conservación.

Que, por outra banda, a zona está formando parte da conca do rego das Saíñas, tendo parte tributaria das súas augas e mesmo nacementos de mananciais, en especial no lugar de Cornelló, que poderían ver comprometido o seu caudal de auga no futuro diante de futuribles movementos de terras e que parte está integrada dentro dos 100 metros da zona de policía nas que se condiciona o uso do solo e das actividades que se desenvolvan dacordo co artigo 78 do Reglamento do Dominio Público Hidráulico onde para realizar cualquer tipo de construcción en zona de policía de cauces, esixirase a autorización previa ao organismo de conca, a menos que o correspondente Plan de Ordenación Urbana, outras figuras de ordenamento urbanístico ou plans de obras da Administración, houberan sido informados polo organismo de conca ou houberan recollido as oportunas previsións formuladas ao efecto.

Ao final Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura se procede dun expediente sancionador, que se apliquen os contidos dictados no artigo 92 dos aproveitamentos madeireiros da Sección 2ª dos aproveitamentos en montes de xestión privada da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no artigo 45 de Réxime de intervencións no contorno de protección da LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia e no artigo 78 do Reglamento do Dominio Público Hidráulico e a efectiva protección e conservación dos valores paisaxísticos, ambientais e culturais asociados ó contorno da Carballeira de Franco.

A día de hoxe non nos respondeu nengunha das catro administracións públicas e o que é de dominio público é que non se paralizaron as cortas senón todo o contrario, producíndose a corta da totalidade da carballeira presente no lugar.

Para Luita Verde esta corta a matarrasa, á parte do impacto e a agresión ambiental realizada, non é máis que unha mostra da burbulla urbanística na que está inmerso o concello de Cangas desde hai anos.

Ao tanto temos que lembrar que hai ao redor de vinte anos, unha das alternativas ao proxecto de construción da vía rápida do Morrazo, ao que nos opoñíamos varias organizacións e colectivos naquel momento, era a construcción dun hospital comarcal que, entre outros motivos, evitara ao máximo os desplazamentos da veciñanza por estrada a tal fin fóra da comarca.

Ao final a dita estrada, en forma de corredor de alta capacidade construiuse a mediados da década pasada, tendo o seu enlace con Cangas precisamente riba da conca do rego das Saíñas e ao carón de onde se pretende proxectar agora o citado Centro de Alta Resolución do Morrazo, esquecendo totalmente o proxecto do hospital comarcal e desaparecendo unha oportunidade histórica de consecución desta necesaria infraestrutura, reivindicada pola colectividade morracense.

Posteriormente, a principios desta década, construiríase o hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, o que provocaría unha maior dependencia sanitaria cara esta cidade para os veciños e veciñas dos concellos do Morrazo e, por engadido, máis gravosa por estar o novo hospital lonxe do centro urbano da cidade, ao contrario do POVISA, o outro hospital de referencia utilizado pola veciñanza da comarca.

Por último desde hai uns anos están a intentar convencernos da construcción do dito Centro de Alta Resolución, que non deixa de ser un “hospital sen camas”, como solución ao “afogamento” que se está a producir na área sanitaria de Vigo, precisamente pola súa excesiva centralización. Ao tanto os concellos de Moaña, Bueu e Cangas presentaron terreos nos seus respectivos PXOM cara a consecución desta infraestrutura, decidíndose finalmente pola opción do último municipio.

A fórmula para levar a cabo a construcción do dito CAR, de ao redor de 6.000 m², a través da cesión de terreos por parte dunha empresa inmobiliaria, Amgecabe, a cambio de que esta poida construir ao redor de 25.000 m² máis polos arredores e unha grande área comercial, lembra as argucias especulativas de antano de auténtico “axente urbanístico”, que rematou estourando en forma de “burbulla” insustentable a finais da década pasada e unha das principais responsables da posterior crise económica e financieira a nivel estatal.

Por se non fora pouco, o equipo de goberno municipal, ou parte del, pretende realizalo pola vía rápida a través dunha modificación puntual das vixentes normas subsidiarias de planeamento urbanístico.

Luita Verde salienta que mentras isto se produce e é obxeto mesmo de debate e polémica entre a clase política, é inxustificable que se producira e con total impunidade a corta e a matarrasa da Carballeira de Franco, o que está a amosar que detrás disto só prevalecen intereses políticos partidistas e económicos asociados á burbulla urbanística na que segue inmerso o concello de Cangas, por riba dunha correcta ordenación do seu territorio e que teña ademais en conta a debida protección cultural e ambiental. Advirte que o borrador do PXOM en trámite tampouco axuda a corrixilo senón todo o contrario, promove unha maior desprotección e un notable e insustentable incremento edificativo.

Luita Verde non está en contra dun centro sanitario integral que nos poida dar a atención debida e necesaria á veciñanza do Morrazo, mais dubida que este poida ser a través do dito CAR, do lugar onde se pretende construír e do modo en que se está a xestionar. Por outra banda, salienta que o deseño dos CAR entraron dentro do que se denominou “burbulla hospitalaria” noutras comunidades autónomas e está tamén dentro da planificación que acá está a levar a cabo a Xunta de Galicia, grandes centros e privatizacións encubertas.

Deixar un comentario

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑