O Concello de Moaña incoa un expediente de caducidade para as obras do hotel do golf de Domaio

A Xunta de Goberno Local do Concello de Moaña acordou o pasado 19 de outubro de 2020 incoar expediente de caducidade da licenza de obras a nome de Inter Burgo S.A. – a mesma propietaria do campo de golf- para a construción dun edificio de sotos e 2 plantas para hotel de 4 estrelas en San Lourenzo, Domaio, Moaña, concedida pola Comisión Municipal de Goberno o 28 de outubro de 2002.

Tal e como dita no primeiro parágrafo das conclusións do documento “O expediente para a declaración de caducidade da licenza iniciarase, neste caso, a instancia de Luita Verde, en exercicio da acción pública urbanística, unha vez constatado que expirou o prazo, ben para comezar as obras, ben para rematalas, sen que o titular da licenza as iniciase ou terminase.”

En efecto, o dito acordo municipal nace do escrito de petición presentado a rexistro polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde o 9 de xaneiro de 2019 e doutro posterior de xeito reiterado o 22 de maio de 2019 ao non ter resposta ao primeiro, ademais da queixa admitida pola Valedora do Pobo ao tanto e os requerimentos realizados por esta ao Concello de xullo de 2019 e febreiro de 2020.

Segundo o dito documento, o arquitecto municipal emite un informe o día 21 de setembro de 2020 no que indica que, tras unha visita ao lugar das obras, “as obras correspondentes ao Sector H do SAU A-7 de Domaio, correspondentes á licenza dun hotel do expediente 185/2002 non foron iniciadas neste momento, non existindo no lugar ningún elemento (tira de cordas, replanteo, movemento de terras ou algún outro feito) que faga considerar o seu inicio”.

No expediente consta o informe do asesor xurídico do 12 de outubro de 2020 que informa que “Á vista do informe técnico municipal do 21 de setembro de 2020 hai base para a declaración de caducidade da licenza concedida, pois á data do citado informe técnico as obras non se iniciaron, polo que o prazo de 6 meses establecido para o seu inicio na sentenza do 23 de novembro de 2009, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de Pontevedra, está totalmente superado.

Para rematar conclúe que “evidentemente, se non se iniciaron as obras de construción, tras ter transcorrido sobradamente o prazo de seis meses establecido na sentenza, e se tampouco se terminaron tendo transcorrido máis de 3 anos para a súa finalización, o Concello estaría obrigado a declarar a caducidade da licenza.”

Para Luita Verde este acordo aínda que tarde, con tempo non era, despois de máis de dez anos de incumprimento da dita sentenza xudicial e agora só espera que o concello acorde así mesmo e na máis brevidade o inicio do expediente de caducidade solicitado por este colectivo ecoloxista o 14 de marzo de 2019 das dúas licenzas que, con datas 12-02-2001 e 09-06-2003, a Comisión de Goberno do Concello de Moaña acordou concederlle 50 e 52 vivendas adosadas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, por incumprimento manifesto das obrigas de edificación e urbanización simultánea das mesmas.

Luita Verde salienta que hai máis de dez anos que non hai actividade no lugar, medio cento de vivendas aínda están sen construír, unha boa parte das restantes están a media construción, e unha minoría están habitadas sen licenza de primeira ocupación e sen servizos, resultado dun fracasado proxecto elitista, especulativo e impactante no medio ambiente, na paisaxe e na auga como recurso, procedente de finais de pasado século onde, en plena “burbulla urbanística e inmobiliaria”, se recualificaron 95 has. – 64 has. para o campo de golf como solo rústico ordinario e 31 has. divididas en sectores e unidades de actuación para a urbanización como solo urbanizable – de solo clasificado anteriormente como non urbanizable de protección forestal, e que, por engadido e para máis agravio, no dito sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, só está á espera da salvación económica a través da entrada de “fondos buitre”.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s