Arquivos diarios: Novembro 24, 2020

Contra a urbanización do castro da Subidá (Marín)

As asociacións Irmandade Illa de Tambo, Umia Vivo, A Forneiriña, AnovaTerra, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco rexeitan as obras de “restauración e musealización” que se están realizando no castro da Subidá impulsadas pola Deputación de Pontevedra e polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, coa colaboración do Concello de Marín e co aval de Patrimonio da Xunta. Trátase dunha actuación prexudicial e agresiva para este xacemento castrexo polo movemento de terras e a instalación de mobiliario urbano sen garantías para a conservación das estruturas primitivas e dos gravados rupestres que as rodean, ademais de deturpar completamente a esencia do espazo natural no que se insire.

As entidades sociais, culturais e ambientais que denuncian a urbanización do castro da Subidá esixen a paralización inmediata das obras, que se anulen as autorizacións deses traballos así como do proxecto “Obras de restauración e musealización dos xacementos galaico-romanos de Pontevedra: trazas de Pontevedra (fase 1)” que, xunto coa Subidá, Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía), tamén afectará nun segundo lote os castros da Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui), Cruz do Castro (Cotobade) e nunha terceira etapa os castros de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis), suspendendo as tramitacións en curso.

Tamén reclaman que o Ministerio modifique os proxectos de musealización presentados e que os someta á sinatura preceptiva dunha dirección arqueolóxica, en cumprimento do Decreto 199/1997 que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actualmente o estado do castro da Subidá é moi preocupante, como alertan profesionais da arqueoloxía e expertos en patrimonio local e comarcal, pola transformación do espazo inmediato que rodea os restos arqueolóxicos en espazos de lecer de dubidosa utilidade coa instalación de bloques de pedra serrada a modo de bancos e lousas que pavimentan parcial e arbitrariamente o chan; tamén pola construción de zapatas de formigón ao carón dos xacementos que, ademais, están sendo utilizados como depósitos de material de obra; e ademais, pola retirada de pedras e terra sen que haxa garantías de que se están salvagardando os abundantes restos cerámicos que previsiblemente forman parte do terreo. Outro aspecto cuestionable deste investimento -cuxa primeira fase foi adxudicada á empresa murciana “Patrimonio Inteligente” por importe de 519.864,11 euros- é a plantación de especies de xardinería ornamental e exótica como “tradescantia purpurea”, “agapanthus africanus” e “paniculata” nun monte de carballeira natural.

O rexeitamento á urbanización do castro da Subidá vén precedido das queixas xurdidas entre a veciñanza de Silleda a conta dunhas obras similares realizadas no poboado castrexo de Toiriz, onde a instalación de mobiliario urbano para a creación dunha zona lúdica supuxo a realización de escavacións a unha profundidade considerable que atenta contra os valores arqueolóxicos e patrimoniais deste enclave pola presenza de restos de materiais cerámicos. Por este motivo, unha campaña na plataforma Change.org xa suma nos últimos días máis de 1.200 sinaturas contra o proxecto.

No caso de Marín, o malestar das entidades que critican esta iniciativa acentúase polo mal estado no que se atopa a inmensa maioría do patrimonio arqueolóxico catalogado neste termo municipal en territorios de gran valor paisaxístico, natural, forestal, rural e agrario. Precisamente, a parroquia de San Xián, á que pertence o lugar onde se están realizando as obras de musealización do castro, é a zona coa maior densidade de gravados rupestres que se atopan nunha situación de absoluto abandono, ademais de ter sufrido agresións pola ausencia de sinalización e a falta de mantemento dos xacementos.

Mentres que o Concello de Marín unicamente se ocupa da promoción dos petróglifos de Mogor, esta nova actuación na Subidá é susceptible de incidir na degradación deste patrimonio pola urbanización e posterior masificación humana, no deterioro dos recursos arqueolóxicos e na alteración medioambiental da contorna, tendo en conta ademais que o escavado na actualidade non chega a un 5% do castro e que, segundo o PXOM de Marín, só está protexido patrimonialmente unha mínima parte na zona alta, xa que o resto, compartido entre as parroquias de San Xián e de Mogor, está clasificado como solo forestal.

1 comentario

Arquivado en Uncategorized