Arquivos diarios: Novembro 27, 2020

Luita Verde solicita a mellora ambiental do dunar da praia da Xunqueira en Moaña

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde solicitou baixo escrito presentado a rexistro que o Concello de Moaña solicite a autorización da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e así mesmo a colaboración económica por parte desta para a planificación da mellora, restauración e mantemento plurianual do sistema dunar da praia da Xunqueira, procedendo á retirada das especies arbóreas existentes na actualidade riba do areeiro, a erradicación das especies de flora alóctonas e invasoras baixo o método menos impactante e agresivo a nivel manual, que a plantación de novas especies autóctonas se realice de xeito naturalizado e non en liña como se realizou no pasado, que se proceda así mesmo á reparación do valado perimetral de protección de madeira e da cartelería informativa e deixar finalmente que a biodinámica litoral vaia realizando tamén a súa función reparadora.

Solicitamos así mesmo que a limpeza da praia se faga tamén de xeito manual e non con maquinaria pesada como aínda se realiza na actualidade e se deixe que as arribazóns de algas mariñas mineralicen na propia area.

escavación de area no dunar

Luita Verde baseouse en que hai máis de 10 anos da inauguración do proxecto de mellora ambiental da praia de Moaña, no areeiro da Xunqueira, acometido pola Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino e unha das súas principais accións, senón a máis importante, foi a supresión de parte dos recheos que se tiñan realizado neste espazo natural na década dos anos setenta do século pasado, para proceder a súa recuperación paisaxística e ambiental.

Mais dende aquela o cordón dunar recuperado tras esta actuación está sometido dende hai anos ao máis absoluto estado de abandono, o que está a provocar a introducción e incremento da presenza de especies vexetais arbóreas, arbustivas e herbáceas, moitas delas alóctonas, exóticas e invasoras entre a flora dunar presente.

cartel informativo tirado na duna

Por engadido, o valado perimetral de madeira que protexe o dunar e os carteles informativos están deteriorados, rotos e tirados polo solo e na propia duna; hai así mesmo verteduras puntuais de lixo -plásticos, redes, colchóns, cascallos,…- e escavacións da propia area dunar que, en xeral, xeneran unha imaxe moi preocupante de degradación que non se corresponde co fin de mellora do ambiente que en principio se proxectou para este lugar.

A lista de especies de flora alóctona e invasora é numerosa, entre outras atopamos as seguintes: falsa caléndula (Arctotheca calendula), herba da pampa (Cortaderia selloana), a grama africana (Pennisetum clandestinum), xuncia (Cyperus eragrostis), herba do asno (Oenothera glazioviana), coniza (Conyza canadensis), o millán (Digitaria sanguinalis) ou a grama (Cynodon dactylon), algunhas incluídas no propio Catálogo Nacional de Especies Exóticas Invasoras, que se están a espallar ata fóra da propia zona dunar, ao que se lle suma a arbórea de dous cedros (Cedrus atlantica), piñeiros (Pinus pinaster), ulmeiros (Ulmus minor), álamos (Populus alba) e falsas acacias (Robinia pseudoacacia), tanto en estado adulto como en fase de brotes novos, ou a arbustiva xesta (Cytisus scoparius) que procedentes da zona axardinada, por oportunismo biolóxico, por neglixencia humana ou porque as dunas son desiguais no entanto da súa formación areosa, contendo nalgunhas partes menos area e máis aportes de terras, están a colonizar o ecosistema dunar competindo e desplazando ás especies autóctonas.

Boa parte do feo da praia (Ammophila arenaria) plantado ao comezo da fase de restauración dunar perdeuse mais cabe subliñar que nos anos transcorridos dende a restauración tamén houbo unha paulatina e constante colonización natural do dunar por especies vexetais autóctonas propias deste medio e que hai tempo que non se observaban no termo municipal moañés.

Entre a flora dunar presente hai especies endémicas do noroeste ibérico como os paxariños amarelos das praias (Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia), outras escasas no noroeste e inexistentes no norte ibérico como a Silene niceensis e especies tan propias do dunar como o cardo da ribeira (Eryngium maritimum), a cebola das gaivotas (Pancratium maritimum), a herba leiteira (Euphorbia paralias), a grama mariña (Elymus farctus), a madroa das praias (Artemisia crithmifolia), a correola das praias (Calystegia soldanella), o fiuncho de mar (Crithmum maritimum), a melga mariña (Medicago marina), e tamén as orquídeas silvestres como o satirión corpudo (Dactylorhiza elata) e a lengüeira (Serapias lingua) nas zonas máis húmidas, todas dignas de protexer e conservar.

A introdución de especies arbóreas ademáis de afectar á comunidade florística propia do dunar faino tamén á faunística xa que supón una reducción dos espazos abertos que precisan as especies de fauna que se desenvolven exclusivamente neste tipo de ecosistemas.

A sabendas de que o Concello de Moaña e con fondos públicos municipais está a reformar nestes momentos o paseo marítimo que atravesa pola parte traseira a dita formación dunar, lamentamos que non tivera unha planificación integral na que ademais se recollera a mellora e recuperación ambiental do dito dunar.

colchón tirado na duna

O sistema dunar da Xunqueira, malia que recuperada hai unha década de xeito artificioso, representa na actualidade o maior areeiro e con meirande biodiversidade de todo o municipio e un claro referente social e ambiental non só do litoral moañés senón da ría como espazo de transición ao intermareal e ribeireño de grande valor ornitolóxico, ambiental e marisqueiro ao seu carón, que non se pode deixar máis tempo no abandono e degradación actuáis.

Ao tanto salientamos que existe o risco de botar abaixo os traballos de rexeneración ambiental e fondos públicos desembolsados no pasado, polo que cómpre seguir coa labor rexeneradora iniciada daquela, mellorándoa. ampliándoa e manténdoa sostida no tempo para o que evidentemente son necesarias as respectivas autorizacións e a aportación de fondos públicos destinados a tal fin.

Por outra banda, é unha ocasión excepcional para observar como da experiencia dunha formación dunar xerada de xeito artificial esta se pode ir rexenerando e finalmente adaptarse ao ciclo natural, lembrando que é tamén unha débeda histórica para este lugar, a praia da Xunqueira, que ata ben entrada a metade do século pasado aínda conservaba boa parte do seu areeiro, daquela utilizado como estacada e tendedeiro de redes, e que en cuestión de pouco tempo, a finais do mesmo século, tristemente só lle quedaba o nome, pasto de sucesivos aterramentos.

Nas fotogafías desta entrada pode observarse o deterioro do peche de madeira perimetral e da cartelería informativa, escavacións de area, vertedura de lixo e presenza de especies arbóreas e de flora alóctona e invasora.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized