Resposta de Luita Verde ao concello de Moaña pola solicitude de mellora ambiental dunar da Xunqueira

paxariños amarelos das praias (Silene polygalifolia subsp. polygalifolia)

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde, despois de que o concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente respostara por escrito o pasado 2 de decembro que a nosa solicitude de mellora ambiental do dunar da praia da Xunqueira é de competencia do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e polo que a mesma será trasladada a dita administración para a tramitación correspondente, respondeulle así mesmo que a nosa solicitude de 26 de novembro de 2020, non exime que o Concello de Moaña ten tamén as súas competencias e ten que aportar así mesmo a súa parte, tanto no apartado económico como loxístico e en recursos humanos.


Que conforme solicitou a correspondente autorización da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, da que depende o Servizo Provincial de Costas, e está a realizar con fondos públicos municipais a reforma do paseo marítimo ao carón do dunar, dentro do dominio público marítimo-terrestre e en tramos do propio límite interior da ribeira do mar, tamén o pode e debe realizar con respecto á mellora ambiental do sistema dunar da praia da Xunqueira, onde reiteramos que é de lamentar que ao mesmo tempo que proxectou e orzamentou a reforma do dito paseo marítimo,o concello non tivera ao seu cargo unha planificación integral das actuacións a levar a cabo no lugar na que ademais se recollera a mellora e recuperación ambiental do dito sistema dunar.

silene nizarda (Silene niceensis)


Respostamos así mesmo que as actividades a realizar dentro da mellora ambiental para o sistema dunar nas que solicitabamos que se procedera á retirada das especies arbóreas existentes na actualidade riba do areeiro, a erradicación das especies de flora alóctonas e invasoras baixo o método menos impactante e agresivo a nivel manual e que a plantación de novas especies autóctonas se realice de xeito naturalizado e non en liña como se realizou no pasado e que se proceda así mesmo á reparación do valado perimetral de protección de madeira e da cartelería informativa, poden e deben realizarse a nivel profesional e remunerado economicamente con fondos públicos procedentes do propio municipio e a colaboración solicitada da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, a través de persoal de servizos do propio concello ou contratado de xeito temporal, coa formación profesional das brigadas de limpeza de praia ou a través de brigadas medioambientais especializadas, á parte do servizo carpinteiría.


Por outra banda advertimos que para estas labores non se debe utilizar persoal de voluntariado social agás para actuacións puntuais e simbólicas e exclusivamente de concienciación ambiental, xa que as labores de recuperación e mellora ambiental teñen que axudar por unha banda á creación de postos de emprego público, e pola outra, porque esa creación de postos de emprego é a forma máis efectiva xa que sobre todo o proceso de erradicación de especies alóctonas e invasoras, e se se pretende ademais realizar baixo o método menos impactante e agresivo a nivel manual como o solicitado, ten que ser de xeito continuado e persistente e nalgunhas especies probablemente durante anos, daí tamén a solicitude da intervención plurianual.


Por engadido, salientamos que esta experiencia é extensible tamén no futuro ao conxunto do litoral moañés, dende a parroquia de Domaio ata a de Tirán, pasando pola de Meira, que é tamén onde está situado o propio dunar da praia da Xunqueira, na súa maioría en solo rústico de protección de costas e onde, a maiores, existen tamén praias, dunares e cantís dun grande valor xeolóxico, paisaxístico e ambiental e cunha flora e fauna silvestre e costeira digna de protexer e conservar, e o propio concello creou nalgúns tramos sendeiros municipais sinalizados, mais afectado tamén en moitas desas zonas pola presenza de especies alóctonas e invasoras, verteduras, deterioro ambiental…, lembrando ademais que estas zonas son, en maior ou menor grao, as que quedaron libres da intervención urbanística e da ocupación do dominio público marítimo terrestre con recheos onde se instalaron parques e paseos marítimos, zonas industriais e áreas portuarias ao longo do pasado século e principios deste, á parte de edificacións residenciais en primeira liña de costa, que fan do concello de Moaña na actualidade o municipio máis impactado e agredido dentro do litoral morracense.
Por outro lado e voltando ao asunto da praia da Xunqueira non quixemos deixar de lado as nosas queixas con respecto ao modelo escollido e non consensuado para a reforma do paseo marítimo, onde se está a proceder na actualidade á substitución na meirande parte do soporte de madeira do proxecto inicial por outro de cemento e zahorra e onde, por engadido, se proxectou instalar tamén iluminación que, aínda que esta sexa de procedencia LED, para Luita Verde non deixa de ser un gasto enerxético, un impacto ambiental e lumínico e unha artificialización a maiores dentro do dominio público marítimo terrestre, ao carón da ribeira do mar, do dunar e da ría, cando para esa función xa existe na proximidade un paseo cementado e con iluminación, con paso peonil e carril bici á beira da estrada PO-551.


Polo exposto Luita Verde solicitou que con respecto á nosa solicitude de mellora, restauración e mantemento plurianual do sistema dunar da praia da Xunqueira, o Concello de Moaña asuma as súas propias competencias e a través da correspondente autorización da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e así mesmo a colaboración económica por parte desta, proceda e colabore a súa vez con fondos propios e a través do emprego profesional de persoal municipal de servizos ou contratado de xeito temporal a través de brigadas de limpeza de praias e/ou especificamente de medio ambiente, á retirada das especies arbóreas existentes na actualidade riba do areeiro, á erradicación das especies de flora alóctonas e invasoras baixo o método menos impactante e agresivo a nivel manual, que a plantación de novas especies autóctonas se realice de xeito naturalizado e non en liña como se realizou no pasado e que se proceda así mesmo á reparación do valado perimetral de protección de madeira e da cartelería informativa.


Que, de utilizar o voluntariado social, este sea para actuacións puntuais e simbólicas e exclusivamente de concienciación ambiental.


Que esta experiencia sea extensible tamén no futuro ao conxunto do litoral moañés nas parroquias de Domaio, Meira e Tirán onde, en solo rústico de protección de costas segundo o vixente PXOM, existen así mesmo praias, dunares e cantís dun grande valor xeolóxico, paisaxístico e ambiental e cunha flora e fauna silvestre e costeira digna de protexer e conservar.


E que cando se trate de proxectos que afecten directamente ao medio natural e a súa contorna, como está a suceder co paseo marítimo da Xunqueira e dentro do dominio público marítimo terrestre, sean previamente consensuados co conxunto da colectividade social e en especial dos colectivos que, como Luita Verde, temos o ámbito da nosa actuación na defensa e protección do medio ambiente.


Adxuntamos desta vez fotografías dalgunhas das especies da flora autóctona presente no dunar da praia da Xunqueira, lembrando a súa importancia en biodiversidade a nivel local e así mesmo, entre ela, a presenza dun endemismo noroccidental ibérico, os paxariños amarelos das praias (Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia), que ademais, a nivel cromático, neste areeiro abonda en exemplares coa floración de tons violáceos, e, por engadido, a silene nizarda (Silene niceensis), pequena especie de ámbito mediterráneo que en Galicia só esta presente e en lugares dispersos pola costa da provincia de Pontevedra, sendo inexistente no resto do litoral no noroeste e asemade no norte ibérico ao longo da cornixa cantábrica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: