Arquivos diarios: Decembro 11, 2020

Luita Verde presenta comentarios e observacións ao borrador do DEUP do Porto de Vigo

O Colectivo ecoloxista Luita Verde formulou os correspondentes COMENTARIOS ou OBSERVACIÓNS á información pública do borrador e Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica Simplificada da Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do Porto de Vigo, onde ao final SOLICITOU da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico:

1) O informe desfavorable do presente borrador da Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios ( DEUP) do Porto de Vigo e do Documento de Inicio do procedemento da súa Avaliación Ambiental Estratéxica Simplificada exposto á información pública e que se proceda á súa substitución pola tramitación do correspondente procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria, segundo a vixente Lei 21/2013 de avaliación ambiental.

2) Que o estudo ambiental estratéxico e a súa trasposición posterior á correspondente declaración ambiental estratéxica contemplada na avaliación ambiental estratéxica ordinaria debe ter en conta unha avaliación completa dos efectos dos aterramentos, actividade portuaria e o transporte marítimo derivado do Porto de Vigo:

Sobre a avifauna e os mamíferos mariños, sobre a fauna e flora bentónica dos fondos, analíticas actualizadas da presenza de metais pesados e a súa relación coa actividade portuaria no conxunto da ría, avaliacións de impacto na paisaxe, acústico, atmosférico, de contaminación lumínica e sobre a dinámica e a xeomorfoloxía litoral e a súa alteración tendo como referencia desde mediados do século pasado empezaron os grandes recheos e ampliacións do porto de Vigo ata a actualidade.

E, finalmente, unha avaliación dos posibles efectos no futuro con respecto á súa directa implicación en Áreas de Risco Potencial e Significativo de Inundación ( ARPSI) costeiras e os efectos que os recheos realizados encima de lámina de auga poderían ter no futuro sumados ao previsible incremento do nivel do mar produto do cambio climático na xeomorfoloxía, a bioloxía e as actividades sociais e económicas a través da explotación dos recursos naturais no conxunto da ría.

3) A correcta adaptación dos terreos e augas competencia do Porto de Vigo ao Plan Director da Rede Natura e ás zonificacións correspondentes a cada un dos LIC afectados, na actualidade Zona de Especial Conservación (ZEC), máis o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais ( PORN), o Plan Reitor de Usos e Xestión ( PRUX) e o convenio OSPAR do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

4) Que a nova DEUP debe servir para o reordenamento dos espazos portuarios e a aprobación do correspondente Plan Director de Infraestruturas Portuarias, baseado na actividade esencial portuaria de carga e descarga, liberando espazos a tal fin e proceder á retirada progresiva das actividades non esenciais como as instalacións de almacenaxe, administrativas e recreativas existentes na actualidade, e recuperando doutra banda as áreas ocupadas de maior interese ambiental, en especial, nos recheos realizados de maior calado e cun impacto ambiental considerable como, por exemplo, o de Bouzas, e no caso de zonas integradas ou anexas á Rede Natura como, por exemplo, a Enseada de San Simón.

5) A prohibición expresa de calquera nova ampliación ou recheo portuario en terreos e lámina de auga competencia do Porto de Vigo.

6) A desafectación e a súa incorporación ao dominio público marítimo-terrestre das áreas costeiras que, dentro das competencias actuais do Porto de Vigo, hai décadas que non teñen actividade portuaria e teñen un alto interese social, patrimonial e ambiental susceptible da súa posta en valor na antiga canteira de O Cocho en Meira, Concello de Moaña, clasificada como reserva portuaria no borrador da presente DEUP, e a de O Salgueirón ata Punta Balea, no Concello de Cangas, fronte ás antigas instalacións do economato, comedor, e fábricas conserveira, baleeira e de salgadura inactivas máis os arboretos da extinta empresa Irmáns Massó, e os areeiros e fondos marítimos anexos, clasificado no devandito borrador unha parte como uso portuario-complementario e outra como uso vinculado á interacción porto-cidade.

7) O soterramento do actual tendido eléctrico aéreo que dá servizo aos faros da zona de Cabo Home na Zona de Especial Conservación ( ZEC) da Costa da Vela, integrada na Rede Natura.

8) Que ao Colectivo Ecoloxista Luita Verde se nos teña como parte interesada no procedemento administrativo de avaliación ambiental estratéxica desta DEUP.

Luita Verde baseouse entre outras motivacións porque:

As aproximadamente 13.000 has. de lámina de auga máis as 280 has. en terra competencia do Porto de Vigo, boa parte delas gañadas de forma impactante e artificial ao mar e con actividades industriais de relevante impacto dentro da ría, que afectan así mesmo o ámbito territorial de cinco concellos -Vigo, Redondela, Vilaboa, Moaña e Cangas- cunha alta densidade de poboación residente a ambas as marxes da ría, e onde se complementan os espazos naturais, parte deles protexidos na actualidade dentro da Rede Natura ou o PNMT das Illas Atlánticas, cos usos e autorizacións produtivas a nivel pesqueiro e marisqueiro máis os recreativos a nivel social e turístico, son razón suficiente e dabondo para que a Avaliación Ambiental Estratéxica desta DEUP realícese polo procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria e non pola Simplificada.

Durante máis de dúas décadas, desde o ano 1993 e sen o correspondente e legal Plan de Usos e Espazos Portuarios ( PUEP), incumprindo a Lei 27/1992 de Portos do Estado e da Mariña Mercante, o citado Porto a través da Autoridade Portuaria de Vigo ( APV), procedeu ilegalmente á autorización da realización de varias obras portuarias de aterramentos e sedimentación en forma de explanada e/ou de construción de diques protectores portuarios encima da lámina de auga – Bouzas, O Berbés, Guixar, O Areal, Rande, Punta do Mouro, O Salgueirón, …

Estes recheos sumados aos realizados anteriormente desde mediados do século pasado máis a propia actividade portuaria en forma de verteduras tanto orgánicas como de hidrocarburos e metais pesados, supuxeron unha grave afección á paisaxe, ao medio ambiente e á dinámica litoral, afectando á biodiversidade tanto a nivel pelágico en superficie como a nivel bentónico nos fondos mariños, e ao mesmo tempo tamén á propia circulación da auga, alterando as correntes mariñas e o proceso natural das mareas, chegando ao límite de modificar drasticamente a morfoloxía da liña de costa, motivo polo cal a propia comunidade científica está a alertar desde hai tempo da inconveniencia de realizar máis obras deste tipo xa que a ría é toda ela unha unidade funcional física e biolóxica onde calquera novo aterramiento ou dique portuario, por pequeno que sexa, vai incrementar insosteniblemente esa alteración en todo o seu conxunto.

O 13 de abril de 2015, a citada APV, procedeu á aprobación da anterior DEUP mais sen a correspondente avaliación ambiental estratéxica segundo a Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, ou a propia Lei 21/2013, de avaliación ambiental, motivo polo cal a Audiencia Nacional fallou anular o 4 de decembro de 2017 dita DEUP, ratificado por sentenza do Tribunal Supremo de xaneiro de 2019.

Revestido baixo a etiqueta de “estratexia azul” ou “ blue grouth”, a Autoridade Portuaria a través do Plan Estratéxico 2018-2028 do Porto de Vigo pretende xustificar agora o “crecemento” do porto á conta dun novo sacrificio ambiental, social e económico totalmente inasumible por parte da ría, a través de máis de 200.000 m² de novas obras futuras de recheos – 8.300 m2 en Beiramar, ampliación exterior do recheo de Bouzas máis 15.000 m² dentro da súa dársena, 55.000 m² do espazo de lámina de mar entre o Peirao Transversal e o Comercial, así como a “posibilidade futura” de ampliación da terminal de contedores de Guixar- Teis ou a transformación de diques en liñas de atracada desde Teis ata a propia Enseada de San Simón-, o que nos parece ademais unha auténtica burla á cidadanía, as institucións e á propia lexislación ambiental a nivel estatal e europea.

O documento actual desta DEUP vén pois viciado pola mala praxe ambiental e a falta de cobertura legal durante as últimas décadas por parte da Autoridade Portuaria do Porto de Vigo que, véndose agora forzada polo peso da lei a nivel ambiental, presenta a información pública un borrador e un documento inicial de avaliación ambiental estratéxica mais pola artimaña legal da versión simplificada, pretendendo abreviar os prazos de aprobación a través dun simple informe anbiental estratéxico e dar a entender que a nova DEUP non ten efectos significativos sobre o medio ambiente, mais, por outra banda, evadindo a correcta avaliación completa e os correspondentes estudo e declaración ambiental estratéxica dos seus efectos sobre o medio ambiente no conxunto da ría, que non veñen de agora senón de hai tempo, que permanecen en boa parte, e que ademais o Porto de Vigo pretende incrementar no futuro.

As propostas realizadas no borrador da presente DEUP de desafectación de varias zonas pertencentes ao ámbito de competencia do Porto de Vigo e a súa posterior incorporación ao dominio público marítimo terrestre son insuficientes e de forma totalmente interesada, xa que segue mantendo da súa competencia terreos que están integrados dentro da Rede Natura na Zona de Especial Conservación ( ZEC) da Enseada de San Simón, ou das Illas Cíes, dentro do propio Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas.

Por outra banda segue mantendo tamén varias zonas costeiras no interior da ría sen actividade portuaria desde hai décadas e susceptibles de ser desafectadas e recuperadas cos terreos anexos para a súa posta en valor ambiental, social e patrimonial como, por exemplo, as frontes marítimas e augas anexas da antiga canteira, humidal e praia de O Cocho en Meira, Concello de Moaña, clasificado como reserva portuaria no borrador desta nova DEUP e que non se corresponde co chan rústico de especial protección de costas anexo en terra segundo o PXOM en vigor deste concello.

Ou a do Salgueirón ata o lugar de Punta Balea, no Concello de Cangas, fronte ás antigas instalacións do economato, comedor e fábricas conserveira, baleeira e salgadura máis arboretos da extinta empresa Irmáns Massó e cos areeiros e fondos marítimos anexos, clasificado unha parte como uso portuario-complementario e outra como uso vinculado á interacción porto-cidade no devandito borrador da nova DEUP, cando a área anexa en terra no futuro non vai ser a industrial a nivel municipal no PXOM en tramitación senón que eses terreos son a zona de áreas libres, zonas verdes e patrimonio que necesita na proximidade o maltratado núcleo urbano e fronte marítima de devandito concello, lembrando ademais que a propia Autoridade Portuaria de Vigo realizou un paseo marítimo inaugurado no lugar no ano 2015 e cun acordo posterior de cesión dos terreos ao propio concello. E que, por outra banda, non se debe esquecer que o porto deportivo autorizado pola propia Autoridade Portuaria de Vigo nestes terreos e a lámina de auga anexa na década anterior, ademais de ilegal, como se demostrou en sentenza xudicial, tivo como resposta un amplo rexeitamento social e do sector pesqueiro e marisqueiro polo alto valor biolóxico e produtivo da zona marítima afectada.

O porto de Vigo tamén ten dado varias mostras de non respectar a protección e a conservación do medio ambiente e a paisaxe así como a lexislación que os ampara, mesmo dentro das súas competencias en territorio protexido pola Rede Natura, en especial no apartado do transporte de enerxía aos faros de visualización marítima onde, por exemplo, no ano 2010 e estando xa integrado dentro da Rede Natura o Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) da Costa da Vela, no concello de Cangas, a Autoridade Portuaria de Vigo procedeu a reformar a antiga conexión eléctrica desde o lugar de Donón entre plantacións forestais, máis zona rochosa e matogueira costeira de gran valor paisaxístico, xeolóxico e biolóxico para dar servizo aos faros da zona de Cabo Home da forma similar a como estaba anteriormente, ou sexa, a través de postes de formigón e cableados aéreos, co consecuente impacto ambiental e paisaxístico no territorio protexido, máis a probabilidade de colisións ou electrocuciones na avifauna, cando o lóxico e legal é que debería facelo baixo terra para minimizar ou anular ese impacto.

Adxuntamos fotografías das zonas que solicitamos a súa desafectación da praia e antiga canteira do Cocho, en Meira (Moaña), e do Salgueirón coa súa fronte marítima fronte as antigas instalacións industriais de Massó, en Cangas, máis da conexión eléctrica con postes e cableado aéreo na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Costa da Vela, na parroquia canguesa do Hío, que solicitamos o seu soterramento.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized