Arquivos diarios: Decembro 22, 2020

Luita Verde denuncia vertedoiros municipais incontrolados e ilegais no Casal en Moaña

O colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou a rexistro senllas denuncias dirixidas á alcaldía do Concello de Moaña e á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra, onde expuso que:

No lugar do Casal, parroquia de San Martiño, concello de Moaña, entre as inmediacións do campo de fútbol de titularidade municipal e do viaduto da Vía de Alta Capacidade de Cangas (VG-4.5) de enlace co corredor de alta capacidade do Morrazo (CG-4.1), o propio Concello de Moaña está a utilizar desde hai varios anos como vertedoiro varias parcelas clasificadas como solo rústico de protección agropecuaria anexo ao de augas e de infraestruturas segundo o PXOM, e dentro de corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), onde se está a verter con maquinaria pesada grandes cantidades de terras e entullos de obra sen control, contravindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Cunha altura de ao redor de 3 metros de altura, e ao redor de 50 metros de longo e 40 metros de ancho de superficie, estase a verter e a soterrar moreas de terras e entullos de todo tipo que van desde cemento armado ou piche ata losas de cerámica esmaltada, todo tipo de tuberías, cablerías e envolturas plásticas e roupa usada de traballo fabricados en polietileno, poliéster, policloruro de vinilo, …, pezas metálicas de fontanería, inodoros, caldeiras, electrodomésticos, restos de tellado de uralita e de la aillante de falsos teitos fabricado co tóxico e canceríxeno amianto, chegando en moitos casos a vertelo todo xunto dentro dos propios sacos plásticos de obra, sen ningunha separación nin selección previa.

Á parte de terras e entullos estase así mesmo a verter residuos de cortas e podas de todo tipo de vexetais, tanto arbóreos como arbustivos, e mesmo de especies exóticas e invasoras como a cala, a herba da pampa, o ricino, a cana ou a cana índica, e o lugar estase a encher doutras como a grama africana, a ipomoea ou a herba capuchina, que están a tapar e ocultar boa parte dos entullos.

Ademais está a afectar a contorna na proximidade, pois as verteduras polos extremos están a chegar ás parcelas e camiños colindantes, onde o que predomina é a presenza de carballos, castiñeiros, loureiros, salgueiros e bidueiros, áreas de brañas, mananciais, fonte e presas de regadío dentro das ribeiras do rego do Redogrés, daí a clasificación desta zona no seu conxunto como corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia o que, por outra banda, non se está en absoluto a respectar.

Ao redor de 200 metros ao sur deste vertedoiro, á beira do vial asfaltado que serve de acceso ao campo de fútbol, existe outro vertedoiro máis reducido porén de similares características, onde se combina a presenza de restos vexetais con entullos de obra e civil.

Tanto un como outro vertedoiro, polas súas características, son ilegais e incontrolados xa que non se adaptan claramente á lexislación en materia de tratamento de residuos, pois boa parte dos residuos vertidos teñen que ser depositados nun punto limpo co recinto pechado, aillado e debidamente impermeabilizado.

Lembramos que o Concello de Moaña leva incumprindo desde hai dúas décadas a súa obriga de ter o correspondente punto limpo no seu municipio segundo estaba proxectado inicialmente na planificación comarcal de residuos sólidos urbanos mais, por outra banda, non pode obviar que tamén pode transportar os residuos, previamente separados e seleccionados, ata o propio punto limpo propiedade da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, da que forma parte así mesmo o propio Concello de Moaña, ubicado na Portela (Cangas).

Polo exposto, solicitou ao Concello de Moaña:

A paralización inmediata das verteduras por parte do Concello de Moaña nas parcelas citadas do lugar do Casal.

A retirada das verteduras e a reposición das parcelas afectadas ao seu estado orixinal.

A selección e separación dos residuos existentes nos vertedoiros e o seu transporte ao punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo ubicado na Portela. E os residuos con amianto, a un xestor autorizado.

Que esta sexa a norma xeral no funcionamento do Concello de Moaña no futuro en materia de residuos máis a consecución dun punto limpo a nivel municipal para aforrar e reducir en custe enerxético, económico e ambiental derivado do transporte fóra do municipio dos residuos vexetais, inertes e tóxicos e perigosos xerados polo Concello como así mesmo polo conxunto da veciñanza moañesa.

Á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra solicitou ademais a comprobación dos feitos expostos e a apertura, se procede, do correspondente expediente sancionador.

Adxuntamos fotografías dos feitos denunciados onde a meirande parte corresponden ao macrovertedoiro na ubicación das parcelas nomeadas no solo rústico de protección e dentro de corredor ecolóxico entre o campo de fútbol e o viaduto do enlace de Cangas co corredor de alta capacidade, e as dúas últimas corresponden ao vertedoiro de dimensións máis reducidas a 200 metros do primeiro á beira do vial asfaltado de acceso ás inmediacións do campo de fútbol.

Luita Verde esixe ao Concello de Moaña un maior compromiso e exemplaridade diante da cidadanía dentro das súas plenas competencias en materia de xestión de residuos e de protección do territorio e o medio ambiente, onde ademais a súa directa responsabilidade coas verteduras de residuos denunciadas non se corresponde coa bandeira verde que lle obsequiou a Consellería de Medio Ambiente hai escasas datas pola súa xestión ambiental.

Luita Verde salienta que as verteduras ilegais e incontroladas agora denunciadas non son máis que o último episodio, entre varios, de agresión paisaxística e ambiental á que esta a ser sometida a zona moañesa afectada e, por engadido, as ribeiras do rego do Redogrés, desde que a Xunta de Galicia, hai case dúas décadas, e a través da daquela Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobara a construcción do enlace de Cangas co corredor de alta capacidade do Morrazo polo lugar e onde ao final o impacto desa obra se “minimizou” en parte coa construcción final do viaduto grazas á mobilización social, xa que o proxecto inicial era construir o vial sobre un aterramento continuado por todo o val.

Polo tanto cómpre erradicar definitivamente as verteduras e comezar un proceso de saneamento e recuperación paisaxística e ambiental da contorna agropecuaria e ribeireña do lugar.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized