Pasarela de madeira sintética no dunar da Xunqueira (Moaña)

Luita Verde denuncia que dentro das obras de renovación do paseo marítimo, polo medio do dunar da Xunqueira e dentro da ribeira do mar, substituise as antigas pasarelas de madeira de acceso á praia por outras de tarima de madeira sintética que, por moito que o publiciten como “madeira ecolóxica”, na realidade non deixa de ser un material de patente e fabricación norteamericana que fai a función de sucedáneo artificial da madeira natural, mesturando “fibra” con polietileno de alta intensidade (HDPE), procedente de plásticos reciclados derivados do petróleo.

Utilizado como pavimento en espazos exteriores de terrazas, piscinas e xardíns de vivendas, armoniza con espazos naturais como representa o dunar da Xunqueira e a súa elección só se entende por motivos economicistas, dado o seu prezo achegado ao da propia madeira e sobre todo pola redución do custe futuro en obras de mantemento.

Por engadido, na súa instalación removeuse previamente area cara os laterais con presenza de varias especies de flora invasora que posteriormente foi depositada riba da zona dunar protexida polo valado de madeira instalado polo proxecto de rexeneración de hai unha década.

Por outra banda, no tramo asociado de paseo marítimo que se está a obrar de “nova construción” no aterrado de Meira, entre Samertolameu e a desembocadura do rego do Barranco do Faro, estase a remover terras con restos vexetais e residuos de todo tipo -envolturas plásticas, teas, redes e tuberías sintéticas, vidros,…- que se están a utilizar, sen separación nin cribado previo, como material de recheo ao redor do novo pavimento “cementado”.

A escasa distancia da construción deste novo tramo de paseo, desprazouse pedras da escolleira e o mar a través da dinámica litoral máis as chuvas torrenciais están a incrementar a erosión e producir máis fendas no terreo, transportando parte das terras á ribeira do mar dentro da enseada do Cocho, tendo en conta que ademais que este é terreo inundable gañado artificialmente á ría.

Mentras algúns xa falan destas obras orzamentadas en máis de 300.000 euros para case 2 kilómetros lineais de paseo cementado como desbaldimento de fondos públicos municipais para Luita Verde representan unha auténtica chapuza por parte do Concello de Moaña coa complicidade do Servicio Provincial de Costas en Pontevedra, que é o que ten as directas competencias a través da Dirección General de la Sostenibilidad de la Costa y el Mar, e foi quen de darlle finalmente autorización ao Concello para a súa realización.

Por outro lado, veñen a amosar que se pretende gastar o mínimo no futuro en protección e conservación ambiental, e detrás destas obras só se aprecia un novo negocio global a través das empresas construtoras con materiais procedentes de actividades mineiras e da reciclaxe de materiais plásticos, onde noutora era a través de importación de madeiras tropicais ou de áridos do litoral portugués.

A proba máis feaciente é que mentras estas obras se están a realizar de xeito gravoso, impactante e unha vez máis contra natura dentro do dominio público marítimo terrestre, non se tivo para nada en conta a mellora dos valores paisaxísticos e ambientais de maior importancia como son o dunar e a praia da Xunqueira, despois da rexeneración levada a cabo hai unha década de parte dos recheos realizados no lugar nas últimas décadas do século pasado.

Porén as rexeneracións ambientais, para ser reais, teñen que ter unha continuidade e iso conleva uns custes e un mantemento, feito que non se levou a cabo ao longo da última década, onde boa parte do valado e cartelería perimetral de protección está degradado ou roto e o dunar ocupado con especies arbóreas e flora alóctona e invasora, lixo e cascallos.

Para Luita Verde a renovación do paseo marítimo da Xunqueira e a ampliación do existente no aterrado de Meira representan un parche máis artificial e perdurable no tempo ao carón do medio natural coa exclusiva atención ao tránsito humano e do que a súa funcionalidade servirá para maior ou menor gloria do goberno político de turno, apremiado polos plazos de remate de obra e a situación extraordinaria da pandemia do COVID-19.

Mentras a ribeira, o ecosistema dunar e a biodiversidade do seu redor se resinte cada vez máis e, por engadido, tendo en conta que toda esta franxa está sobre zona inundable de sedimentos recientes do Cuaternario, ao que hai que sumar a afección constante e progresiva da subida do nivel do mar e o incremento da intensidade dos fenómenos metereolóxicos, produto do quecemento global e da mudanza climática a nivel planetario, acrecentada pola actividade humana dentro da fase interglaciar actual a nivel xeolóxico.

Adxuntamos fotografías da instalación da pasarela de “madeira sintética” entre o dunar da Xunqueira, da degradación deste e do seu valado de protección, e dos movementos de terras con residuos de recheo á beira do paseo marítimo de nova construcción no aterrado de Meira, xunto coa afección da dinámica litoral ao carón deste.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s