Arquivos diarios: Xaneiro 18, 2021

Luita Verde denuncia a existencia dunha granxa de visóns americanos en Vilaboa

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou este pasado 13 de xaneiro denuncias ao rexistro dirixidas ao Concello de Vilaboa e ás xefaturas provinciais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, onde expuso:

No lugar de Abadín, parroquia de Santa Cristina de Cobres, concello de Vilaboa e dentro de solo rústico de protección de espazos naturais segundo o PXOM, está situada unha granxa de visóns americanos (Neovison vison) que verte augas residuais ao exterior, entre o arborado e a matogueira, na valgada pertencente á conca do rego do Portiño.

As verteduras ao exterior suceden a través de pequenas rellas e tubería instaladas na parte inferior do muro de bloques de peche, no extremo sur da parcela obxecto da explotación e preto da última fila de gaiolas metálicas onde están instalados os visóns.

Isto contravén o disposto no parágrafo primeiro da Disposición Sexta de Instalacións ou explotacións industriais ou comerciais que alberguen especies incluídas no catálogo do RD 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras (RDEEI), onde di “As administracións competentes esixirán aos titulares das instalacións ou explotacións industriais ou comerciais… a adopción de medidas preventivas apropiadas e suficientes, incluíndo a regulación da súa ubicación, para previr escapes, liberacións e verteduras…”.

Feitos recentes en Holanda e Dinamarca veñen alertar, por engadido, da posible vía de contaxio do coronavirus COVID-19 a través dos visóns das granxas como hospedadores, polo que estas verteduras, ademais dunha problemática ambiental poderían ser tamén unha ameaza para a saúde humana e a biodiversidade.

Segundo o RDEEI, desde o 13 de decembro de 2011 están prohibidas novas explotacións de granxas de visóns ou ampliacións das existentes.

A explotación intensiva de visóns americanos co destino da industria peleteira é un exemplo claro de maltrato animal e só hai que ver o ateigamento existente deles nesta granxa ao que hai que engadir que, tras escasos seis meses de vida, adoitan ser sacrificados finalmente pola vía do gaseamento.

O seu escape ou liberación no medio natural, que sempre pende sobre estas explotacións, é, por outra banda, unha grave problemática ambiental pola voracidade e alta competitividade desta especie alóctona e invasora con respecto á biodiversidade e fauna autóctona e exemplos temos dabondo no territorio galego nas últimas décadas.

O máis ético e legal é que no inmediato futuro desaparezan definitivamente estas explotacións a nivel estatal, como xa está a suceder e por lei en varios países europeos e a nivel internacional.

Polo exposto solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador e o peche da granxa de visóns americanos.

Adxuntamos fotografías dos feitos salientando ao mesmo tempo que esta é unha das 31 granxas que existen en Galicia e que, por engadido, representan o 90% das granxas existentes a nivel estatal.

Deixar un comentario

Arquivado en concellos, Luita Verde