Arquivos mensuais: Marzo 2021

O Concello de Moaña aproba a moción presentada por Luita Verde contra o uso do glisofato

uso agrario de herbicida na Pontella (Moaña)

O concello de Moaña, en sesión plenaria ordinaria celebrada o pasado xoves 25 de marzo do 2021, aprobou por maioría da corporación municipal (BNG, PSOE, PP e Coalición Independiente por Moaña), a proposta de moción SOBRE OS USOS DE HERBICIDAS CON GLIFOSATO NO TÉRMINO MUNICIPAL DE MOAÑA presentada polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde, onde ao final se acordou:

  • Consciente dos efectos negativos que o uso de herbicidas con glifosato levan consigo para a saúde pública, que afectan ou poden afectar á saúde das persoas e ao medio (co impacto resultante nos sectores produtivos como a apicultura, agricultura e a destrución do emprego e da actividade económica local) e tomando como referencia a Directiva marco para un uso sostible dos praguicidas e o Real Decreto 1311/2012 polos que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, o Pleno do Concello de Moaña acorda non autorizar o uso dos herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danan a saúde nin o medio.
  • Nos casos concretos de conflito, o Concello solicitará por escrito ás entidades implicadas na aplicación de herbicidas que en virtude do Real Decreto 1311/2012 empreguen métodos de control alternativos, non químicos.
  •  Así mesmo, este concello dirixirase á maior brevidade posible á Consellaría de Transportes e Medio, e ao Ministerio de Fomento, solicitando o abandono inmediato do uso de herbicidas derivados do glifosato no tratamento das cunetas da rede viaria que pase polo Termo Municipal, para que a protección da saúde das persoas e o medio no seu municipio sexa realmente efectiva.
  • O Concello comprométese a informar deste acordo a todos os colectivos e entidades políticas, sociais e veciñais existentes no municipio para evitar tamén o uso doméstico de herbicidas con glifosato.

Malia que se nos informou que unha proposta similar xa se presentara e resolvera a favor anteriormente, tamén se nos respostou que esta nova agora presentada viña a reforzar e mesmo ampliar os seus cometidos.

Luita Verde deulle os parabéns á Corporación municipal pola aprobación da dita proposta de moción mais aclaroulle que a partir de agora queda pendente que esta sexa realmente efectiva e que ademais as administracións públicas competentes, en especial o propio Concello de Moaña, actúen con exemplaridade.

Malia que a alcaldesa intervíu que desde os servizos do propio concello xa se estaba a actuar en consecuencia desde Luita Verde se lle trasladou que existen informacións de que en terreos que van ser públicos hai unha empresa privada que pretende utilizar o glifosato (creación do parque forestal no monte dos Remedios trala cesión de terreos privados).

invasión de eucalipto e acacia no monte dos Remedios (Tirán-Moaña)
invasión de eucalipto e acacia no monte dos Remedios (Tirán-Moaña)

E que a nivel social se está a utilizar cada vez máis os herbicidas en áreas de cultivo agrario e mesmo preto de acuíferos como tamén en áreas forestais dos montes, onde se está a utilizar como método de tratamento “fitosanitario” para a plaga do eucalipto ou das acacias.

O glifosato está considerado como probable carcinóxeno pola Organización Mundial da Saúde e entre os efectos adversos deste principio activo describíronse a través de varios estudos científicos a toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas, e carcinoses. Ademais, cada preparado herbicida que contén glifosato vén acompañado doutras sustancias que facilitan a súa absorción y que multiplican a súa toxicidade. Entre estes ingredientes están o N-nitroso glifosato que, como outros compostos nitroxenados, son canceríxenos, e o formaldehido, outro carcinóxeno coñecido que se forma durante a descomposición do glifosato.

Existen miles de demandas xudiciais polo seu uso a nivel internacional e a mediados desta década pasada chegou o debate polo seu uso á Unión Europea, do que ao final decidiuse “prorrogar” o seu uso a nivel “profesional” por cinco anos máis ata o vindeiro ano 2022, trala posición daquela a favor do seu uso por parte de varios dos Estados membros, incluído o español, pregándose en complicidade aos intereses económicos das multinacionais do sector agrotóxico e farmacéutico, en especial da norteamericana Monsanto e da súa actual propietaria alemana Bayer, por riba da protección do medio ambiente e da saúde humana.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Luita Verde denuncia as verteduras incontroladas de lixo no petróglifo de Pinal do Rei (Darbo-Cangas)

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllos escritos dirixidos ao Concello de Cangas e á Xefatura Provincial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra nos que expuso que na área de protección integral do Ben de Interese Cultural (BIC) do petróglifo de Pinal do Rei, na parroquia de Darbo, concello de Cangas, integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas, estase a producir verteduras de lixo -envases de bebidas de plástico e de vidro, latas metálicas e bolsas de plástico- ao redor e por riba da propia laxe que acolle os gravados rupestres, resultado do que parece a práctica do botellón no lugar, ao que se lle engade o grave estado de deterioro da súa contorna, invadido polas xestas e as acacias.

E que, por outra banda, na parte superior do circundado do petróglifo están instalados catro postes metálicos do proxecto de musealización do dito xacemento arqueolóxico no pasado e que non deixa de ser outra afección a súa contorna pola súa artificialización e aparatosidade na actualidade.

Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador, e a retirada do lixo da área de protección integral do Ben de Interese Cultural do petróglifo de Pinal do Rei, e dos catro postes metálicos na parte superior do circundado.

Solicitoulle así mesmo o desbroce e a limpeza vexetal e posta en valor do dito petróglifo respectuosa coa súa contorna ambiental e cultural.

O petróglifo de Pinal do Rei, adscrito culturalmente na prehistoria á Idade do Bronce e consistente en gravados xeométricos de circos concéntricos e coviñas combinados con outros naturalistas de antropomorfos e zoomorfos con esceas de monta e caza, é un dos de maior diversidade e tipoloxía de gravados ruspestres do termo municipal e tamén dos menos comúns entre a tipoloxía existente no Morrazo.

Foi “musealizado” a finais dos anos setenta do século pasado cun exceso de cartelería e do que aínda persiste un impactante circundado de bloques de pedra ao redor da laxe natural cos gravados rupestres.

Nas seguintes décadas entrou no máis absoluto abandono e a súa contorna na proximidade sufríu ademais varias afeccións severas -desterros, recheos, eucaliptización, introducción de especies vexetais invasoras, tránsito de vehículos motorizados, verteduras incontroladas de lixo,…-, a construcción do IES María Soliño, do IES Monte Carrasco, un centro polideportivo e un campo de fútbol, ata a actualidade.

Situado en terreos propiedade da Comunidade de Montes de Darbo, malia que esta anunciou publicamente na última década que poría en valor o petróglifo, e que recientemente creou en colaboración co Concello de Cangas un sendeiro sinalizado de curto percorrido pola Serra da Madalena que transcorre a escasa distancia do dito xacemento arqueolóxico entre plantacións de frondosas, sigue tendo a este no máis absoluto abandono.

Ao abandono e falta de posta en valor do petróglifo únese a actitude incívica da autoría das verteduras incontroladas, un claro síntoma máis por outra banda de que a planificación en materia de xestión de residuos a nivel comarcal non está a funcionar debidamente xa que, á falta de infraestruturas de tratamento e reciclaxe que está a provocar nos últimos anos o incremento das verteduras incontroladas no medio ambiente, se lle engade tamén unha preocupante falta de concienciación social por parte dun sector da cidadanía.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Luita Verde denuncia novas verteduras de lixo e entullos en Meira (Moaña)

Despois de máis de dous meses de presentadas por parte do Colectivo Ecoloxista Luita Verde as correspondentes denuncias no Concello de Moaña, e nas xefaturas territoriais das Consellerías de Cultura e de Medio Ambiente de Pontevedra, ningunha destas administracións públicas actuaron ao respecto e, o que é pior, as verteduras incontroladas de lixo e entullos de obra denunciadas alá polo 8 de xaneiro non se retiraron, tal como solicitabamos daquela, senón que, polo contrario, incrementáronse nos montes da parroquia de Meira.

As verteduras consisten en envolturas e botellas plásticas a latas metálicas de bebidas, botellas de vidro, CD, mobles vellos con revestimentos sintéticos, caixas de poliestireno expandido, cerámica esmaltada, bloques de cemento, ladrillo, inodoros, electrodomésticos, tuberías plásticas, tuberías metálicas, envolturas de aluminio, revestimentos de poliestireno aillante e ata aerosoles inflamables.

Unha parte das verteduras son de nova aparición, incluídas as que a maiores apareceron nestes últimos dous meses, mais outras son máis antigas e levan incluso anos depositadas, onde se delatan polo grande deterioro en que se encontran e nalgúns casos ocultas pola vexetación.

Situadas a ámbalas dúas beiras do enlace coa autovía do Morrazo, afectan a área de protección de cautela dos xacementos arqueolóxicos do Castro das Cidades e dos petróglifos de Pozo Garrido máis dos desprazados da Devesa do Rei e do Viveiro, en solo rústico de protección de espazos naturais segundo o PXOM de Moaña e a Espazo de Interese (EI) segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), contravindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Tamén están a afectar a contorna por onde transcorre o sendeiro sinalizado de recente creación que, co nome de “Patrimonio de Moaña”, promoveu o propio Concello de Moaña coa colaboración de varios organismos autonómicos, estatais e fondos LEADER europeos.

E afecta así mesmo na proximidade no acceso ao xacemento arqueolóxico da Torre de Meira, onde na actualidade estase a levar unha posta en valor de rehabilitación da súa estrutura medieval.

Luita Verde salienta que non é suficiente con detectar a presunta autoría das verteduras, xa que na maioría dos casos desgraciadamente non se chega a averiguar, en especial no medio natural e fóra dos núcleos habitados como é o caso. O verdadeiro problema está no nefasto e caótico funcionamento da xestión dos residuos por parte das administracións públicas competentes.

Ao tanto temos que reiterar que o propio Concello de Moaña, de xeito totalmente incompetente e nada exemplar, está a infrinxir a mesma lexislación en materia de residuos, cun vertedoiro ilegal e sen control desde hai anos no lugar do Casal, denunciado así mesmo por Luita Verde a finais do ano pasado.

Dado que o único punto limpo existente a través da Mancomunidade de Concellos do Morrazo no lugar da Portela á parte de afastado é claramente insuficiente para acoller a demanda conxunta dos tres concellos mancomunados (Cangas, Bueu e Moaña), a solución a nivel local a esta problemática pasa ineludiblemente pola búsqueda e consecución dun punto limpo para Moaña debidamente pechado e impermebealizado, onde verter os residuos vexetais, inertes, voluminosos e tóxicos e perigosos, tal e como lle solicitamos ao concello de Moaña nos escritos de decembro e xaneiro pasado.

Deixar un comentario

Arquivado en concellos, Luita Verde, Moaña

Luita Verde denuncia a vertedura de entullos no petróglifo das Abelaires en Cangas

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllos escritos dirixidos ao Concello de Cangas e á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, expoñendo que na parroquia de Aldán, concello de Cangas, produciuse unha vertedura incontrolada de entullos de obra -tarimas sintéticas, lousas, vidros, marcos metálicos, cableado,…- que está afectando a área de protección integral do Ben de Interese Cultural (BIC) do petróglifo das Abelaires, integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas, a escasos metros da rocha cos gravados rupestres e fronte a panel e sinalizacións do sendeiro de curto percorrido municipal pola Serra da Madalena e peches de parcelas privadas colindantes.

Lembrou que no mesmo lugar xa teñen sucedido outras afeccións e feitos similares no pasado denunciados así mesmo por Luita Verde e do que, polo que se demostra, nin se libra estando o dito BIC posto en valor na actualidade cun panel informativo ao seu carón.

Polo exposto Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador á autoría e que se proceda á retirada e eliminación inmediata da vertedura incontrolada, tendo en conta ademais que na proximidade está ubicado o punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Para Luita Verde é de lamentar esta nova afección a este xacemento xa que estando os petróglifos catalogados directamente como Ben de Interese Cultural, ou sexa, coa meirande figura de protección cultural a nivel autonómico, este das Abelaires, adscrito culturalmente no periodo prehistórico da Idade do Bronce e con gravados xeométricos consistentes en varias combinacións circulares con coviñas e outros motivos, representa á parte da súa importancia e conservación, un dos escasos petróglifos postos en valor en Cangas e no Morrazo, cando a norma xeral é que desgraciadamente a súa maioría están no máis absoluto abandono e mesmo degradación.

Mais como expusemos arriba esta afección agora denunciada tampouco é a primeira con respecto a este xacemento arqueolóxico:

A principios deste milenio foi afectado con maquinaria pesada polas obras de posta en valor nunha primeira fase promovida pola empresa FCC como contrapartida pola afección da área de protección no contorno pola construcción da planta comarcal de tratamento dos residuos sólidos urbanos. A segunda fase desa “posta en valor” xa non se levou a cabo.

Pouco despois construíuse o punto limpo municipal de Cangas a escasos dez metros do propio petróglifo, afondando na afección do seu contorno.

A deficiente xestión municipal e a nula actividade posterior deste punto limpo provocou que a veciñanza depositara grandes cantidades de residuos fóra das instalacións, chegando mesmo a afectar o propio petróglifo e arredores. Parte das verteduras persistiron ata datas recientes en que o propio Concello de Cangas decidiuse finalmente por limpar e posteriormente poñer en valor o petróglifo.

Na actualidade e dende hai uns anos o dito punto limpo pasou de ser de titularidade municipal a mancomunada ao servizo dos concellos de Cangas, Bueu e Moaña e, malia que dende aquela mellorou a súa xestión con respecto á anteriorioridade, non deixa de ser por outra banda un lugar non idóneo para esa actividade, afastado dos principais núcleos de poboación dos tres concellos e cun horario bastante restrinxido de atención cidadana, e do que desde Luita Verde só esperamos que en tempos de pandemia non vaia camiño da situación conflitiva do pasado con verteduras incontroladas no seu exterior.

Luita Verde lembra que O Morrazo a través da Mancomunidade de Concellos tiña a finais da década dos anos noventa do século pasado o plan pioneiro da reciclaxe e a compostaxe de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), baseado no principio dos 3R (Redución, Reutilización e Reciclaxe), a nivel galego e que, por motivos políticos, técnicos e empresariais mudouse e integrouse posteriormente no contaminante, custoso e insustentable plan autonómico da incineración de SOGAMA.

Segundo aquel plan inicial dos 3R e con fondos europeos, a planta comarcal de tratamento dos RSU, construída finalmente no lugar da Portela, limítrofe entre os concellos de Cangas e Bueu e próximo ao citado petróglifo, tiña que ter fundamentalmente a función de compostar os residuos orgánicos xerados a nivel comarcal mais ao final transformouse nunha planta de almacenaxe e transferencia dos RSU desde onde se envía unha maioría do lixo xerado na comarca cara ás instalacións da planta incineradora de SOGAMA en Cerceda (A Coruña), co incremento do custo que ademais iso implicou en transporte e tratamento dos residuos ata a actualidade.

Ademais cada concello mancomunado tiña que ter á parte un punto limpo onde depositar os residuos vexetais, inertes, voluminosos e tóxicos e perigosos xerados en cada municipio, e ao final só se creou o citado de Cangas e na actualidade mancomunado, claramente insuficiente para os tres concellos e no lugar menos idóneo polos motivos anteriormente citados ademais de supoñer un impacto a maiores ao contorno de protección patrimonial do petróglifo das Abelaires.

Esta mudante e inadecuada xestión do lixo nas últimas dúas décadas desembocou na caótica situación actual, onde o tope da problemática ambiental está na proliferación das verteduras incontroladas de residuos ao longo da xeografía morracense, dende as zonas urbanas, ás rurais e aos espazos naturais e patrimoniais na costa e nos montes, onde se dan casos como que o propio concello de Moaña verte de xeito ilegal e sen control no lugar do Casal, comunidades de montes como a moañesa de Meira non se fan responsables de limpar e retirar verteduras incontroladas de entullos en terreos da súa propiedade e onde a vertedura incontrolada de entullos dentro da área de protección do petróglifo das Abelaires, no concello de Cangas limítrofe con Bueu, non deixa de ser unha última vítima malia que a situación xa viña con anterioridade.

A mesma compostaxe comunitaria promovida a nivel provincial desde a Deputación de Pontevedra e da que tanto alardean os concellos morracenses nos últimos anos, á parte de implantación lenta, se queda curta para unha comarca cunha alta densidade de poboación como a morracense que necesita dunha compostaxe industrial dos residuos orgánicos xerados nos domicilios e dos procedentes da hostalería e dos mercados e que representa máis do 50% do total do lixo xerado, e para o que o idóneo sería a adaptación da planta comarcal de residuos da Portela a tal función, tal como estaba deseñada inicialmente e coa inversión económica a tal fin.

Ademais da caótica situación actual na xestión dos residuos pola falta de infraestruturas e inversións, e da conseguinte problemática ambiental derivada da súa inadecuada aplicación, a comarca morracense que no seu momento ía camiño de ser o referente en materia de reciclaxe dos RSU en Galicia, despois de vinte anos a realidade é ben distinta xa que está a afastarse claramente dos parámetros das directivas europeas e da propia lexislación estatal que, co plazo límite vencido de cumprimento no pasado ano 2020, contemplaban que tiña que terse reciclado o 50% do total do lixo xerado nos seus territorios.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

O Plan Forestal 2021-2040 consolida a presenza masiva do eucalipto en Galiza e no Morrazo

A Xunta de Galiza aprobou hai uns días o Plan Forestal 2021-2040 coa oposición de distintas organizacións políticas, sociais e ecoloxistas galegas. Un dos motivos para esta oposición é que dentro do plan, malia existir unha proposta de moratoria para a plantación de eucaliptos no territorio, a realidade é ben distinta.

A consolidación e espallamento sen control do eucalipto nas últimas tres décadas, en especial na franxa litoral e, xa que logo, tamén no Morrazo, incumpriu flagrantemente as previsións contempladas inicialmente no Plan Forestal aprobado no ano 1992, ao se duplicaren as 275.000 has. previstas desde ese ano ata o 2032 no territorio galego.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo entendemos que no canto de faceren unha proposta de moratoria, desde a Xunta o que deberan facer é prohibir taxante e de xeito definitivo as plantacións de eucalipto e non agardar á elaboración dun novo inventario forestal. Por outra banda, a maioría desas plantacións espalladas de xeito masivo e incontrolado polo territorio nas últimas décadas poderán permanecer e terán ademais, a partir de agora, unha cobertura legal para continuar no futuro.

O 5% de redución da presenza do eucalipto contemplada nesa proposta é claramente insuficiente e de dubidoso cumprimento, se temos en conta que a última e decisiva decisión vai tela a propiedade privada e non a propia administración pública.

Desde esta plataforma queremos salientar que calquera que se achegar ata os montes morracenses, a maioría deles de propiedade privada, poderá contemplar como en moitas zonas que ata hai pouco tempo eran carballeiras ou bosques de ribeira, agora son plantacións de eucalipto. Mesmo algunha comunidade de montes fixo plantacións de eucaliptos usando como escusa o que agora se lle dá por denominar parque forestal. A afección do eucalipto como especie invasora é xeral no Morrazo, suma e segue e o converte nunha auténtica plaga que reduce a biodiversidade, afecta de xeito gradual e significativo na paisaxe, o solo, o patrimonio cultural e arqueolóxico, desde que comezou a plantarse de xeito intensivo alá pola década dos anos setenta do século pasado.

A presenza do eucalipto, especie alóctona, invasora e pirófita, alén de uniformizar a paisaxe, producir estrés hídrico, perda de biodiversidade, afectar o patrimonio, tamén está detrás das vagas de lumes forestais que, de xeito episódico e recurrente, están a asolar historicamente o territorio galego e, por engadido, O Morrazo. Algo que, como está dabondo demostrado, tamén está a contribuír notablemente ao incremento da presenza de gases de efecto estufa na atmosfera e, xa que logo, ao quecemento global.

A presenza masiva do eucalipto en galiza está estreitamente vinculada á presenza tamén na ría de Pontevedra da empresa pasteira Ence que utiliza o eucalipto como materia prima para a produción da pasta de papel nunhas instalacións sobredimensionadas, ao que habería que sumar tamén o proxecto de macroplanta de incineración de biomasa de 40mw que esta mesma empresa pretende instalar no mesmo espazo que ocupa desde hai 60 anos e que, polo contrario, debería ter abandoado antes do 2018 para proceder a súa recuperación ambiental dentro do dominio público marítimo-terrestre.

Este novo Plan Forestal, tal e como xa alegamos en outubro de 2018, cando estivo en exposición pública a primeira revisión do Plan Forestal do ano 1992, está feito á medida do lobbie madeireiro-pasteiro-enerxético, en especial da citada ENCE, dentro dun modelo que en conxunto, ao noso entender, é totalmente insustentable polo seu grande impacto e pegada ecolóxica a nivel ambiental e enerxético.

Por outra banda, o incremento na plantación de especies frondosas autóctonas á que se refire este novo Plan Forestal trátase, de xeito produtivista e case practicamente en exclusiva, de castiñeiros, o que non deixa de seu outra forma de monocultivo forestal. Semellante tamén é a aposta polo piñeiro, que non é ningunha alternativa e, por engadido, está representado por un xénero con especies, ao igual que os eucaliptos, tamén altamente propagadoras dos lumes. E non se pode nin se debe esquecer que esta planificación baseada no continuista modelo do monocultivo forestal, en especial do eucalipto e do piñeiro, coincide cunha falta de protección ambiental nunha ampla maioría do territorio e que no Morrazo aínda se fai máis notoria, malia posuír unhas das masas de bosques caducifolios salvaxes máis importantes das Rías Baixas.

Para esta Plataforma, ademais do evidente carácter produtivista e desenvolvementista deste novo Plan Forestal, está o economicista baseado na presión e pelexa do monopolio empresarial do sector e do grande capital a prol da consecución de fondos europeos ao tanto, sen ter en conta en profundidade os insustentables efectos negativos no ambiente mais tamén nas propias economías locais.

Malia que a Xunta de Galiza lóuvase de levar a cabo a tramitación deste novo Plan Forestal de xeito democrático, desde esta Plataforma só o podemos considerar ao final como ao revés xa que, á parte de ter en conta só os insustentables intereses económicos e industriais do monopolio empresarial forestal e enerxético, realizouno a sabendas que o ía aprobar forzosamente coa presenza maioritaria do PP no dito Parlamento, como ao final sucedeu.

Porén as evidencias máis claras desa planificación interesada e non democrática por parte da Xunta de Galiza están en que, por unha banda, non se respondeu formalmente ás alegacións presentadas en outubro de 2018 á primeira revisión do Plan Forestal do ano 1992, incumprindo flagrantemente a lei de procedemento administrativo, de transparencia e de participación cidadá, e, por outra parte, porque non se tivo en conta o contido dunha maioría das alegacións fundamentadas e presentadas que, como as desta Plataforma, se solicitou:

  • A elaboración dun novo Plan Forestal de Galiza que, fóra do monopolio empresarial do sector da madeira, pasteiro e enerxético, parta da efectiva participación social, da multifuncionalidade de recursos dos nosos montes, de iniciativas e dun mercado a nivel local baseado na proximidade e con proxectos a pequena escala sustentables a nivel social, económico, ambiental e enerxético.
  • Un plan forestal que contemple a redución progresiva e efectiva dos monocultivos, en especial do ecucalipto e a súa substitución por plantacións de frondosas caducifolias autóctonas, fomentando a biodiversidade, fornecendo o mercado de madeiras valorizadas e potenciando a súa función aplacadora dos lumes.
  • A erradicación efectiva de especies invasoras e recuperación do medio con recursos humanos e remunerado que vaia máis alá do voluntariado e con actuacións esporádicas actuais.
  • A ordenación dos recursos forestais e a súa adaptación á necesidade de ampliación da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e da Rede Natura, segundo as Directivas Hábitats (92/43/CEE) e Aves (2009/147/CE) e dos distintos Tratados a nivel internacional (RAMSAR, Berna, …) e Catálogos de Especies Ameazadas da UICN, estatal e autonómico.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized