O Plan Forestal 2021-2040 consolida a presenza masiva do eucalipto en Galiza e no Morrazo

A Xunta de Galiza aprobou hai uns días o Plan Forestal 2021-2040 coa oposición de distintas organizacións políticas, sociais e ecoloxistas galegas. Un dos motivos para esta oposición é que dentro do plan, malia existir unha proposta de moratoria para a plantación de eucaliptos no territorio, a realidade é ben distinta.

A consolidación e espallamento sen control do eucalipto nas últimas tres décadas, en especial na franxa litoral e, xa que logo, tamén no Morrazo, incumpriu flagrantemente as previsións contempladas inicialmente no Plan Forestal aprobado no ano 1992, ao se duplicaren as 275.000 has. previstas desde ese ano ata o 2032 no territorio galego.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo entendemos que no canto de faceren unha proposta de moratoria, desde a Xunta o que deberan facer é prohibir taxante e de xeito definitivo as plantacións de eucalipto e non agardar á elaboración dun novo inventario forestal. Por outra banda, a maioría desas plantacións espalladas de xeito masivo e incontrolado polo territorio nas últimas décadas poderán permanecer e terán ademais, a partir de agora, unha cobertura legal para continuar no futuro.

O 5% de redución da presenza do eucalipto contemplada nesa proposta é claramente insuficiente e de dubidoso cumprimento, se temos en conta que a última e decisiva decisión vai tela a propiedade privada e non a propia administración pública.

Desde esta plataforma queremos salientar que calquera que se achegar ata os montes morracenses, a maioría deles de propiedade privada, poderá contemplar como en moitas zonas que ata hai pouco tempo eran carballeiras ou bosques de ribeira, agora son plantacións de eucalipto. Mesmo algunha comunidade de montes fixo plantacións de eucaliptos usando como escusa o que agora se lle dá por denominar parque forestal. A afección do eucalipto como especie invasora é xeral no Morrazo, suma e segue e o converte nunha auténtica plaga que reduce a biodiversidade, afecta de xeito gradual e significativo na paisaxe, o solo, o patrimonio cultural e arqueolóxico, desde que comezou a plantarse de xeito intensivo alá pola década dos anos setenta do século pasado.

A presenza do eucalipto, especie alóctona, invasora e pirófita, alén de uniformizar a paisaxe, producir estrés hídrico, perda de biodiversidade, afectar o patrimonio, tamén está detrás das vagas de lumes forestais que, de xeito episódico e recurrente, están a asolar historicamente o territorio galego e, por engadido, O Morrazo. Algo que, como está dabondo demostrado, tamén está a contribuír notablemente ao incremento da presenza de gases de efecto estufa na atmosfera e, xa que logo, ao quecemento global.

A presenza masiva do eucalipto en galiza está estreitamente vinculada á presenza tamén na ría de Pontevedra da empresa pasteira Ence que utiliza o eucalipto como materia prima para a produción da pasta de papel nunhas instalacións sobredimensionadas, ao que habería que sumar tamén o proxecto de macroplanta de incineración de biomasa de 40mw que esta mesma empresa pretende instalar no mesmo espazo que ocupa desde hai 60 anos e que, polo contrario, debería ter abandoado antes do 2018 para proceder a súa recuperación ambiental dentro do dominio público marítimo-terrestre.

Este novo Plan Forestal, tal e como xa alegamos en outubro de 2018, cando estivo en exposición pública a primeira revisión do Plan Forestal do ano 1992, está feito á medida do lobbie madeireiro-pasteiro-enerxético, en especial da citada ENCE, dentro dun modelo que en conxunto, ao noso entender, é totalmente insustentable polo seu grande impacto e pegada ecolóxica a nivel ambiental e enerxético.

Por outra banda, o incremento na plantación de especies frondosas autóctonas á que se refire este novo Plan Forestal trátase, de xeito produtivista e case practicamente en exclusiva, de castiñeiros, o que non deixa de seu outra forma de monocultivo forestal. Semellante tamén é a aposta polo piñeiro, que non é ningunha alternativa e, por engadido, está representado por un xénero con especies, ao igual que os eucaliptos, tamén altamente propagadoras dos lumes. E non se pode nin se debe esquecer que esta planificación baseada no continuista modelo do monocultivo forestal, en especial do eucalipto e do piñeiro, coincide cunha falta de protección ambiental nunha ampla maioría do territorio e que no Morrazo aínda se fai máis notoria, malia posuír unhas das masas de bosques caducifolios salvaxes máis importantes das Rías Baixas.

Para esta Plataforma, ademais do evidente carácter produtivista e desenvolvementista deste novo Plan Forestal, está o economicista baseado na presión e pelexa do monopolio empresarial do sector e do grande capital a prol da consecución de fondos europeos ao tanto, sen ter en conta en profundidade os insustentables efectos negativos no ambiente mais tamén nas propias economías locais.

Malia que a Xunta de Galiza lóuvase de levar a cabo a tramitación deste novo Plan Forestal de xeito democrático, desde esta Plataforma só o podemos considerar ao final como ao revés xa que, á parte de ter en conta só os insustentables intereses económicos e industriais do monopolio empresarial forestal e enerxético, realizouno a sabendas que o ía aprobar forzosamente coa presenza maioritaria do PP no dito Parlamento, como ao final sucedeu.

Porén as evidencias máis claras desa planificación interesada e non democrática por parte da Xunta de Galiza están en que, por unha banda, non se respondeu formalmente ás alegacións presentadas en outubro de 2018 á primeira revisión do Plan Forestal do ano 1992, incumprindo flagrantemente a lei de procedemento administrativo, de transparencia e de participación cidadá, e, por outra parte, porque non se tivo en conta o contido dunha maioría das alegacións fundamentadas e presentadas que, como as desta Plataforma, se solicitou:

  • A elaboración dun novo Plan Forestal de Galiza que, fóra do monopolio empresarial do sector da madeira, pasteiro e enerxético, parta da efectiva participación social, da multifuncionalidade de recursos dos nosos montes, de iniciativas e dun mercado a nivel local baseado na proximidade e con proxectos a pequena escala sustentables a nivel social, económico, ambiental e enerxético.
  • Un plan forestal que contemple a redución progresiva e efectiva dos monocultivos, en especial do ecucalipto e a súa substitución por plantacións de frondosas caducifolias autóctonas, fomentando a biodiversidade, fornecendo o mercado de madeiras valorizadas e potenciando a súa función aplacadora dos lumes.
  • A erradicación efectiva de especies invasoras e recuperación do medio con recursos humanos e remunerado que vaia máis alá do voluntariado e con actuacións esporádicas actuais.
  • A ordenación dos recursos forestais e a súa adaptación á necesidade de ampliación da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e da Rede Natura, segundo as Directivas Hábitats (92/43/CEE) e Aves (2009/147/CE) e dos distintos Tratados a nivel internacional (RAMSAR, Berna, …) e Catálogos de Especies Ameazadas da UICN, estatal e autonómico.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s