Luita Verde denuncia a vertedura de entullos no petróglifo das Abelaires en Cangas

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllos escritos dirixidos ao Concello de Cangas e á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, expoñendo que na parroquia de Aldán, concello de Cangas, produciuse unha vertedura incontrolada de entullos de obra -tarimas sintéticas, lousas, vidros, marcos metálicos, cableado,…- que está afectando a área de protección integral do Ben de Interese Cultural (BIC) do petróglifo das Abelaires, integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas, a escasos metros da rocha cos gravados rupestres e fronte a panel e sinalizacións do sendeiro de curto percorrido municipal pola Serra da Madalena e peches de parcelas privadas colindantes.

Lembrou que no mesmo lugar xa teñen sucedido outras afeccións e feitos similares no pasado denunciados así mesmo por Luita Verde e do que, polo que se demostra, nin se libra estando o dito BIC posto en valor na actualidade cun panel informativo ao seu carón.

Polo exposto Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador á autoría e que se proceda á retirada e eliminación inmediata da vertedura incontrolada, tendo en conta ademais que na proximidade está ubicado o punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Para Luita Verde é de lamentar esta nova afección a este xacemento xa que estando os petróglifos catalogados directamente como Ben de Interese Cultural, ou sexa, coa meirande figura de protección cultural a nivel autonómico, este das Abelaires, adscrito culturalmente no periodo prehistórico da Idade do Bronce e con gravados xeométricos consistentes en varias combinacións circulares con coviñas e outros motivos, representa á parte da súa importancia e conservación, un dos escasos petróglifos postos en valor en Cangas e no Morrazo, cando a norma xeral é que desgraciadamente a súa maioría están no máis absoluto abandono e mesmo degradación.

Mais como expusemos arriba esta afección agora denunciada tampouco é a primeira con respecto a este xacemento arqueolóxico:

A principios deste milenio foi afectado con maquinaria pesada polas obras de posta en valor nunha primeira fase promovida pola empresa FCC como contrapartida pola afección da área de protección no contorno pola construcción da planta comarcal de tratamento dos residuos sólidos urbanos. A segunda fase desa “posta en valor” xa non se levou a cabo.

Pouco despois construíuse o punto limpo municipal de Cangas a escasos dez metros do propio petróglifo, afondando na afección do seu contorno.

A deficiente xestión municipal e a nula actividade posterior deste punto limpo provocou que a veciñanza depositara grandes cantidades de residuos fóra das instalacións, chegando mesmo a afectar o propio petróglifo e arredores. Parte das verteduras persistiron ata datas recientes en que o propio Concello de Cangas decidiuse finalmente por limpar e posteriormente poñer en valor o petróglifo.

Na actualidade e dende hai uns anos o dito punto limpo pasou de ser de titularidade municipal a mancomunada ao servizo dos concellos de Cangas, Bueu e Moaña e, malia que dende aquela mellorou a súa xestión con respecto á anteriorioridade, non deixa de ser por outra banda un lugar non idóneo para esa actividade, afastado dos principais núcleos de poboación dos tres concellos e cun horario bastante restrinxido de atención cidadana, e do que desde Luita Verde só esperamos que en tempos de pandemia non vaia camiño da situación conflitiva do pasado con verteduras incontroladas no seu exterior.

Luita Verde lembra que O Morrazo a través da Mancomunidade de Concellos tiña a finais da década dos anos noventa do século pasado o plan pioneiro da reciclaxe e a compostaxe de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), baseado no principio dos 3R (Redución, Reutilización e Reciclaxe), a nivel galego e que, por motivos políticos, técnicos e empresariais mudouse e integrouse posteriormente no contaminante, custoso e insustentable plan autonómico da incineración de SOGAMA.

Segundo aquel plan inicial dos 3R e con fondos europeos, a planta comarcal de tratamento dos RSU, construída finalmente no lugar da Portela, limítrofe entre os concellos de Cangas e Bueu e próximo ao citado petróglifo, tiña que ter fundamentalmente a función de compostar os residuos orgánicos xerados a nivel comarcal mais ao final transformouse nunha planta de almacenaxe e transferencia dos RSU desde onde se envía unha maioría do lixo xerado na comarca cara ás instalacións da planta incineradora de SOGAMA en Cerceda (A Coruña), co incremento do custo que ademais iso implicou en transporte e tratamento dos residuos ata a actualidade.

Ademais cada concello mancomunado tiña que ter á parte un punto limpo onde depositar os residuos vexetais, inertes, voluminosos e tóxicos e perigosos xerados en cada municipio, e ao final só se creou o citado de Cangas e na actualidade mancomunado, claramente insuficiente para os tres concellos e no lugar menos idóneo polos motivos anteriormente citados ademais de supoñer un impacto a maiores ao contorno de protección patrimonial do petróglifo das Abelaires.

Esta mudante e inadecuada xestión do lixo nas últimas dúas décadas desembocou na caótica situación actual, onde o tope da problemática ambiental está na proliferación das verteduras incontroladas de residuos ao longo da xeografía morracense, dende as zonas urbanas, ás rurais e aos espazos naturais e patrimoniais na costa e nos montes, onde se dan casos como que o propio concello de Moaña verte de xeito ilegal e sen control no lugar do Casal, comunidades de montes como a moañesa de Meira non se fan responsables de limpar e retirar verteduras incontroladas de entullos en terreos da súa propiedade e onde a vertedura incontrolada de entullos dentro da área de protección do petróglifo das Abelaires, no concello de Cangas limítrofe con Bueu, non deixa de ser unha última vítima malia que a situación xa viña con anterioridade.

A mesma compostaxe comunitaria promovida a nivel provincial desde a Deputación de Pontevedra e da que tanto alardean os concellos morracenses nos últimos anos, á parte de implantación lenta, se queda curta para unha comarca cunha alta densidade de poboación como a morracense que necesita dunha compostaxe industrial dos residuos orgánicos xerados nos domicilios e dos procedentes da hostalería e dos mercados e que representa máis do 50% do total do lixo xerado, e para o que o idóneo sería a adaptación da planta comarcal de residuos da Portela a tal función, tal como estaba deseñada inicialmente e coa inversión económica a tal fin.

Ademais da caótica situación actual na xestión dos residuos pola falta de infraestruturas e inversións, e da conseguinte problemática ambiental derivada da súa inadecuada aplicación, a comarca morracense que no seu momento ía camiño de ser o referente en materia de reciclaxe dos RSU en Galicia, despois de vinte anos a realidade é ben distinta xa que está a afastarse claramente dos parámetros das directivas europeas e da propia lexislación estatal que, co plazo límite vencido de cumprimento no pasado ano 2020, contemplaban que tiña que terse reciclado o 50% do total do lixo xerado nos seus territorios.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s