Luita Verde denuncia novas verteduras de lixo e entullos en Meira (Moaña)

Despois de máis de dous meses de presentadas por parte do Colectivo Ecoloxista Luita Verde as correspondentes denuncias no Concello de Moaña, e nas xefaturas territoriais das Consellerías de Cultura e de Medio Ambiente de Pontevedra, ningunha destas administracións públicas actuaron ao respecto e, o que é pior, as verteduras incontroladas de lixo e entullos de obra denunciadas alá polo 8 de xaneiro non se retiraron, tal como solicitabamos daquela, senón que, polo contrario, incrementáronse nos montes da parroquia de Meira.

As verteduras consisten en envolturas e botellas plásticas a latas metálicas de bebidas, botellas de vidro, CD, mobles vellos con revestimentos sintéticos, caixas de poliestireno expandido, cerámica esmaltada, bloques de cemento, ladrillo, inodoros, electrodomésticos, tuberías plásticas, tuberías metálicas, envolturas de aluminio, revestimentos de poliestireno aillante e ata aerosoles inflamables.

Unha parte das verteduras son de nova aparición, incluídas as que a maiores apareceron nestes últimos dous meses, mais outras son máis antigas e levan incluso anos depositadas, onde se delatan polo grande deterioro en que se encontran e nalgúns casos ocultas pola vexetación.

Situadas a ámbalas dúas beiras do enlace coa autovía do Morrazo, afectan a área de protección de cautela dos xacementos arqueolóxicos do Castro das Cidades e dos petróglifos de Pozo Garrido máis dos desprazados da Devesa do Rei e do Viveiro, en solo rústico de protección de espazos naturais segundo o PXOM de Moaña e a Espazo de Interese (EI) segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), contravindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Tamén están a afectar a contorna por onde transcorre o sendeiro sinalizado de recente creación que, co nome de “Patrimonio de Moaña”, promoveu o propio Concello de Moaña coa colaboración de varios organismos autonómicos, estatais e fondos LEADER europeos.

E afecta así mesmo na proximidade no acceso ao xacemento arqueolóxico da Torre de Meira, onde na actualidade estase a levar unha posta en valor de rehabilitación da súa estrutura medieval.

Luita Verde salienta que non é suficiente con detectar a presunta autoría das verteduras, xa que na maioría dos casos desgraciadamente non se chega a averiguar, en especial no medio natural e fóra dos núcleos habitados como é o caso. O verdadeiro problema está no nefasto e caótico funcionamento da xestión dos residuos por parte das administracións públicas competentes.

Ao tanto temos que reiterar que o propio Concello de Moaña, de xeito totalmente incompetente e nada exemplar, está a infrinxir a mesma lexislación en materia de residuos, cun vertedoiro ilegal e sen control desde hai anos no lugar do Casal, denunciado así mesmo por Luita Verde a finais do ano pasado.

Dado que o único punto limpo existente a través da Mancomunidade de Concellos do Morrazo no lugar da Portela á parte de afastado é claramente insuficiente para acoller a demanda conxunta dos tres concellos mancomunados (Cangas, Bueu e Moaña), a solución a nivel local a esta problemática pasa ineludiblemente pola búsqueda e consecución dun punto limpo para Moaña debidamente pechado e impermebealizado, onde verter os residuos vexetais, inertes, voluminosos e tóxicos e perigosos, tal e como lle solicitamos ao concello de Moaña nos escritos de decembro e xaneiro pasado.

Deixar un comentario

Arquivado en concellos, Luita Verde, Moaña

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s