Luita Verde denuncia as verteduras incontroladas de lixo no petróglifo de Pinal do Rei (Darbo-Cangas)

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllos escritos dirixidos ao Concello de Cangas e á Xefatura Provincial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra nos que expuso que na área de protección integral do Ben de Interese Cultural (BIC) do petróglifo de Pinal do Rei, na parroquia de Darbo, concello de Cangas, integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas, estase a producir verteduras de lixo -envases de bebidas de plástico e de vidro, latas metálicas e bolsas de plástico- ao redor e por riba da propia laxe que acolle os gravados rupestres, resultado do que parece a práctica do botellón no lugar, ao que se lle engade o grave estado de deterioro da súa contorna, invadido polas xestas e as acacias.

E que, por outra banda, na parte superior do circundado do petróglifo están instalados catro postes metálicos do proxecto de musealización do dito xacemento arqueolóxico no pasado e que non deixa de ser outra afección a súa contorna pola súa artificialización e aparatosidade na actualidade.

Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador, e a retirada do lixo da área de protección integral do Ben de Interese Cultural do petróglifo de Pinal do Rei, e dos catro postes metálicos na parte superior do circundado.

Solicitoulle así mesmo o desbroce e a limpeza vexetal e posta en valor do dito petróglifo respectuosa coa súa contorna ambiental e cultural.

O petróglifo de Pinal do Rei, adscrito culturalmente na prehistoria á Idade do Bronce e consistente en gravados xeométricos de circos concéntricos e coviñas combinados con outros naturalistas de antropomorfos e zoomorfos con esceas de monta e caza, é un dos de maior diversidade e tipoloxía de gravados ruspestres do termo municipal e tamén dos menos comúns entre a tipoloxía existente no Morrazo.

Foi “musealizado” a finais dos anos setenta do século pasado cun exceso de cartelería e do que aínda persiste un impactante circundado de bloques de pedra ao redor da laxe natural cos gravados rupestres.

Nas seguintes décadas entrou no máis absoluto abandono e a súa contorna na proximidade sufríu ademais varias afeccións severas -desterros, recheos, eucaliptización, introducción de especies vexetais invasoras, tránsito de vehículos motorizados, verteduras incontroladas de lixo,…-, a construcción do IES María Soliño, do IES Monte Carrasco, un centro polideportivo e un campo de fútbol, ata a actualidade.

Situado en terreos propiedade da Comunidade de Montes de Darbo, malia que esta anunciou publicamente na última década que poría en valor o petróglifo, e que recientemente creou en colaboración co Concello de Cangas un sendeiro sinalizado de curto percorrido pola Serra da Madalena que transcorre a escasa distancia do dito xacemento arqueolóxico entre plantacións de frondosas, sigue tendo a este no máis absoluto abandono.

Ao abandono e falta de posta en valor do petróglifo únese a actitude incívica da autoría das verteduras incontroladas, un claro síntoma máis por outra banda de que a planificación en materia de xestión de residuos a nivel comarcal non está a funcionar debidamente xa que, á falta de infraestruturas de tratamento e reciclaxe que está a provocar nos últimos anos o incremento das verteduras incontroladas no medio ambiente, se lle engade tamén unha preocupante falta de concienciación social por parte dun sector da cidadanía.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s