Arquivos mensuais: Abril 2021

O Concello de Moaña resolve a caducidade da licenza do hotel Golf de Domaio solicitada por Luita Verde

O Concello de Moaña, en Xunta de Goberno Local en data do 29 de marzo de 2021, acordou por unanimidade das persoas presentes a Resolución de caducidade do expediente da licenza de obras de Inter Burgo S.A. para construción dun edificio de sotos e 2 plantas para hotel de 4 estrelas en San Lourenzo, Domaio, Moaña, polo que quedan extinguidos os efectos da referida licenza, de xeito que non se poderán iniciar nin proseguir (de ser o caso) as obras se non se autorizan cunha nova licenza acorde coa normativa urbanística vixente.

Este acordo prodúcese despois de que tralo inicio do expediente de caducidade o día 19 de outubro de 2020, segundo a Xunta de Goberno Local, detectáronse “dous erros” polo que na Xunta de Goberno Local do 14 de decembro de 2020 acordouse a súa corrección. Intentada a notificación destes acordos á empresa promotora, esta foi infrutuosa polo que se publicou no BOE do 21 de xaneiro de 2021 o anuncio destas notificacións. Nos acordos outorgábaselles un prazo de quince días hábiles para que puidesen presentar alegacións. Transcorrido con amplitude ese prazo Inter Burgo S.A. (ou Inter Burgo Vigo S.A., por cambio de denominación) non presentou ningunha alegación. Na súa consecuencia, procede a resolución do devandito expediente de caducidade.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, pode interpor alternativamente recurso de reposición potestativo ante este órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas; ou ben interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo desta provincia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

Este acordo de Resolución foi na realidade posible trala presentación da solicitude de incoación do correspondente expediente de caducidade presentado por escrito e a rexistro polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde o 9 de xaneiro de 2019 e, por engadido, da solicitude de intermediación da Valedora do Pobo para que, tralos seus requirimentos ante a falta de resposta do Concello de Moaña, este incoara finalmente o correspondente expediente de caducidade e mesmo cumprira o prazo legal de seis meses da súa Resolución segundo o artigo 359.5 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia.

Luita Verde está agora pendente que o propio Concello de Moaña acorde así mesmo a incoación dos correspondentes expedientes de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 52 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, solicitada por este colectivo ecoloxista o 14 de marzo de 2019.

Ao tanto e tamén ante a falta de resposta do Concello de Moaña, Luita Verde solicitou a intermediación da Valedora do Pobo que en varias ocasións requiriu ao Concello de Moaña o recordatorio dos seus deberes legais para que procedese á incoación do expediente de caducidade das licenzas de obras no Sector B da Unidade de Actuación SAU A-7 Residencial Golf Domaio no Concello de Moaña e que se resolva nos prazos legalmente previstos,feito que, despois de 2 anos, segue sen cumprirse polos continuos retrasos e incumprimentos das súas plenas competencias en materia urbanística, pendente dos correspondentes informes técnico e xurídico, informes que xa obran en poder do departamento de urbanismo.

Ata a data de hoxe, despois de 20 e 18 anos respectivamente, non hai aval das obras de urbanización das 102 vivendas e a maioría das mesmas non están executadas, polo que se incumpren flagrantemente e de xeito continuado as obrigas legais de edificación e urbanización simultánea, non teñen a licenza de primeira ocupación nin existe conexión de abastecemento e saneamento de auga, nin informes ao tanto da empresa concesionaria Aqualia, e dende hai 10 anos tampouco existe a mínima obra.

Con data 13-09-2018, a suposta sociedade Agrupación de Interés Económico-Urbanización Golf Domaio, creada polos propietarios das poucas vivendas ilegais rematadas ao amparo das licenzas concedidas con data 12-02-2001, plantexou a constitución da dita Agrupación de Interese Económico co obxetivo da venta global das parcelas do sector B a través dun inversor con “fondos buitre”, para recaudar fondos de capital de risco e poder urbanizar e así mesmo “legalizar” as súas vivendas, feito que, falto de todo rigor e dabondo especulativo, tampouco se levou a cabo.

Luita Verde lembra que os expedientes de caducidade das dúas licenzas tiñan que estar resoltos xa hai máis dunha década, cando tralas Resolucións 31/2008 e 32/2008 de 28-01-2008, o propio Concello de Moaña acordou a incoación dos correspondentes expedientes de caducidade. Maiso 12-01-2010, sen ningún apoio nin argumento legal, o concello adoptou a Resolución 18/2010 pola que declarou a caducidade dos expedientes de caducidade das licenzas outorgadas o 12-01-2001 e o 09-06-2003, e deixou sen efecto as medidas cautelares adoptadas previamente de paralizar as obras de construción e a suspensión dos usos que de estas derivase.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized