Roteiro pola protección dos Montes do Morrazo (nin parques eólicos nin polígonos industriais)

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 27 de xuño un roteiro para dar a coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural da contorna do espazo natural dos Montes do Morrazo afectada polos proxectos do parque eólico de Pedras Negras e do parque industrial da Cruz da Maceira, dentro de solo rústico de protección de espazos naturais segundo os PXOM dos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa, nas parroquias de Moaña, Meira, Domaio, San Adrián de Cobres e Santo Tomé de Piñeiro.

O roteiro, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte das instalacións municipais do camping do Beque en A Fraga (Moaña), para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por camiños, corredoiras e viais forestais, en partes polo sendeiro municipal do río da Fraga e do GR-59 do sendeiro de longo percorrido do Morrazo, polos lugares de Regadantes, As Cernadas, As Loureiras, Monte Gagán, Chan de Arquiña, Chan de Carqueixa, Coto do Home, Chan de Xestoso, Monte Gagán, A Fraga Nova, As Loureiras, As Cernadas e Regadantes.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época estival. E seguir as recomendacións sanitarias de precaución con respecto ao COVID 19.

Hai agora 10 anos xurdía a necesidade de loitar contra o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, incluído dentro da Orde do 29 de marzo de 2010 pola que o goberno autonómico do PP de Alberto Núñez Feijóo, aproba o concurso eólico para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galiza.

Este concurso eólico parte doutro recurrido que, coa mesma potencia aprobara pouco antes o anterior goberno autonómico bipartito do PSOE-BNG, despois de que a última formación política que posteriormente posuíu a Consellería de Industria, incumprira a súa promesa electoral feita no 2005, ao inicio desa lexislatura, de que non se construiría ningún parque eólico máis no territorio galego.

A planificación eólica, xa daquela e aínda na actualidade, rexíase e réxese por un plan sectorial totalmente obsoleto, aprobado no ano 1997 polo goberno autonómico do PP de Manuel Fraga Iribarne e sen ningunha avaliación ambiental dos impactos no conxunto do territorio. Na cartografía do plan sectorial dese ano xa figura unha superficie en forma de triángulo de máis de 4.000 has. na península do Morrazo adxudicada á empresa ENDESA.

Entre os anos 1997 e 2008 produciuse o meirande desenvolvemento do dito plan, coa construción de ao redor de 130 parques eólicos e máis de 4.000 aeroxeradores para unha potencia xeral instalada de máis de 3.000 MW, ocupando e mesmo sacrificando ambientalmente extensas áreas xeográficas co maior potencial eólico do territorio galego situadas na Mariña luguesa, na Costa da Morte e na Dorsal Galega, algunhas delas antes de que fosen declaradas oficialmente espazos naturais protexidos pola Rede Natura.

Por esas datas, xuntando a enerxía producida, basicamente a través do sector eólico e hidroeléctrico, Galiza xa era dabondo excedente en produción eléctrica, exportándose unha boa parte dela a outras comunidades autónomas do Estado e a Portugal. A maior parte da produción en propiedade e monopolio das cinco maiores empresas do sector enerxético a nival estatal.

En xaneiro de 2013 e durante dous meses estivo a información pública o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, promovido por Enel Green Power España SL, filial da empresa multinacional ENEL, con maioría de capital italiano mais onde está así mesmo integrada a española ENDESA.

Cunha superficie total de 1725,11 has. e unha potencia asignada de 42 MW para a instalación de 14 aeroxeradores, contempla 17,9 kilómetros de lonxitude de vías de acceso dos que 13,48 km. serían viais de nova construción dun ancho de 6 metros. Cada aeroxerador, para unha potencia de xeración de 3 MW, tería unha envergadura de 119 metros de altura de fuste e 112 de diámetro de rotor. A cimentación sería de 20 m. de diámetro, 2,65 m. de canto, cun pedestal macizo de formigón, de planta circular de 4,8 m. de diámetro e 0,48 m. de altura de cada aeroxerador e baixo unha explanada e plataforma de montaxe dunhas dimensións mínimas de 46 x 60 m., cunhas afeccións finais de 70 x 92 m e a construción e posta en funcionamento dunha subestación eléctrica de 66×20 KV.

Este parque afecta de xeito crítico e severo a nivel paisaxístico, ambiental e cultural as áreas naturais e patrimoniais de Monte Formigoso, Serra Domego, Chan de Gagán, Monte Gagán, Chan de Xestoso, Coto do Home, Chan de Carqueixa, Pedras Negras, Os Candóns, Os Pedrouzos, Chan da Lagoa, Outeiro da Charamiza, Cavada do Carrasco e Serra Basil, os hábitats naturais prioritarios de breixeiras húmidas atlánticas e turbeiras altas activas das brañas de Corno Peneda e de Monte Sobreira inscritas no Rexistro Xeral de Zonas Húmidas de Galiza, así como os nacementos e áreas higrófilas de ribeira do río Miñouva e o seu afluente río Libón, do río dos Ladróns, afluentes do río Maior (río do Portiño, río de Bouzáns, río da Vella, río da Chan da Lagoa), do río da Maceira e do río Neibó.

Así mesmo afecta os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas, breixeiras secas europeas e rochedos silíceos con vexetación pioneira, fauna e flora silvestre de interese, endémica ibérica e vulnerable, a área de protección das mámoas de Chan de Arquiña, Lagucheiros, Chan de Fonteseca, Chan de Gagán e do petróglifo de Outeiro do Gorgullo, e a xeomorofoloxía granítica entre os 450 metros e os 600 metros de altitude sobre o nivel do mar nos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa con amplas panorámicas do conxunto das Rías Baixas, ubicado íntegramente no Espazo Natural dos Montes do Morrazo inscrito no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e catalogado como Chan Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, onde segundo a súa regulación non están autorizados os usos industriais.

Tamén afecta directamente aos usos forestais de varias comunidades de montes (Moaña, Meira, Domaio, Cobres e Santo Tomé de Piñeiro) e mananciais de augas (Calvar-Verdeal e San Lourenzo), e en fase de funcionamento a nivel visual e acústico a varios núcleos de poboación humana no rural dos lugares de Sobreira, Ubeiras, Curra, Pousada, Nores, Pazos e Santradán na parroquia de Cobres (Vilaboa), Verdeal, Calvar e San Lourenzo na parroquia de Domaio (Moaña), e Pastoriza na parroquia de Ardán e Miñán na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) a menos de 1000 metros de distancia, e usos sociais e culturais na proximidade con sendeiros peonís e de bici, áreas recreativas forestais como Chan de Arquiña, Lagucheiros e Chan de Gagán ou o punto de despegue de voo do parapente no Coto do Home. Na fase de funcionamento tamén afectaría con alta probabilidade de mortandade á avifauna nunha zona importante de paso migratorio na proximidade do Lugar de Importancia Comunitaria da Enseada de San Simón, integrado na Rede Natura.

Á parte do citado parque eólico está o resto da denominada Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo, correspondente ao anteriormente citado triángulo de superficie de 4.300 has., onde están contempladas outras 21 ubicacións de aeroxeradores máis que se extenden desde o entorno dos altos da Graña, Castiñeiras e Coto Redondo, ata os do Outeiro da Carballosa, Agudelo e A Paralaia, que non entran de momento nesta adxudicación por non poder superar esta os 50 MW de potencia segundo a lexislación autonómica.

Ao final preséntanse centos de alegacións por parte da cidadanía e da colectividade social na súa contra, rexeitándoo polo seu impacto paisaxístico, ambiental, cultural, social e económico, solicitando a súa retirada como así mesmo a da Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo, a retirada da declaración da súa utilidade pública polo manifesto interese privado da mesma e a declaración da prevalencia dos valores e do interese social e público do monte veciñal en man común. Así mesmo os acordos de rexeitamento maioritario en plenario por parte das corporacións municipais dos cinco concellos morracenses e en especial dos tres directamente afectados Moaña, Marín e Vilaboa.

Desde aquela nunca houbo resposta a ditas alegacións por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galiza a quen ían dirixidas e o úneco que se sabe son as respostas do ano 2014 da empresa adxudicataria nun medio da prensa local que estaba pendente dos informes da Xunta e que mantiña o seu interese na construción do parque eólico de Pedras Negras e do 2018 no que “estaba estudando modificacións no proxecto” en base a que a Consellería de Industria non o consideraba nese momento como de “especial interese”.

Mentras no ano 2017 a Xunta de Galiza aproba a Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais máis coñecida como “Lei da Depredación” pola facilidade e redución dos plazos que outorga a maiores a tramitación dos proxectos empresariais.

No 2018 a Xunta de Galiza aproba o Plan Básico Autonómico no que, entre outras medidas, abole e fai desaparecer as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais, co que, espazos naturais como o dos Montes do Morrazo, que xa estaban simplemente no papel desaparecen definitivamente da planificación urbanística, quedando só vixente o chan rústico de protección de espazos naturais resultante desa planificación provincial trasladado aos correspondentes PXOM de Moaña, Marín e Vilaboa mais inaplicable segundo a Lei de Conservación da Natureza -na actualidade de Patrimonio Natural- xa que esta só está deseñada para a rede galega de espazos naturais protexidos e da Rede Natura, nos que non está integrada ningunha clasificación de protección do chan rústico, incluido o de espazos naturais.

Desde o ano 2004 en que se aproba en Europa os Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) da Rede Natura da rexión bioxeográfica atlántica, na que está integrada O Morrazo, e posteriormente no 2006, dos poucos correspondentes á rexión bioxeográfica mediterránea, así quedou praticamente ata a actualidade, malia representar menos do 12% do total do territorio galego e menos do 5% no caso do Morrazo, á cola da media estatal que xa vai polo ao redor do 30% do territorio.

No 2012, diante da información pública da ampliación da Rede Natura por parte da propia Xunta de Galicia, solicitouse a creación dun novo LIC a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollendo os espazos delimitados dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro segundo as normas subsidiarias provinciais máis outros ampliables, porén tampouco houbo resposta e polo tanto non se tivo en conta por parte da Consellería de Medio Ambiente, ao igual que unha maioría doutras solicitudes realizadas polo resto do territorio galego, deixando ao final tal información pública como baleira de contido e de puro trámite.

Esa falta e mesmo perda de protección ambiental dunha ampla maioría do territorio galego é unha das principais causas pola que agora está a xurdir unha nova e meirande onda de proxectos eólicos, disfrazado baixo a careta de “transición enerxética” porén nada ecolóxica, proveniente da versión capitalista estatal e europea como resposta á mudanza climática dentro da eufemísticamente denominada “descarbonización”, onde o único que se persigue é seguir co modelo insustentable de crecemento e consumo, de concentración de capital e de competitividade con outras áreas planetarias, fonte de novos conflitos xeoestratéxicos, afondando por outra banda na dependencia histórica e subsidiaria de Galiza como fonte de recursos a costa da afección e destrucción do medio natural, cultural e socio-económico.

Polígono industrial na Cruz da Maceira

O proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira, cunha superficie de 435.528 m2, incluido desde o inicio na planificación do PXOM de Moaña, foi informado desfavorablemente varias veces na súa tramitación pola Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galiza ata a propia aprobación definitiva, por estar integrados os terreos plenamente dentro de chan rústico de protección de espazos naturais correspondente ao espazo natural dos Montes do Morrazo segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Posteriormente, no 2014, a propia Xunta de Galiza rematou por darlle o seu informe favorable ao integralo de xeito “supramunicipal” dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG).

No ano 2018 o Instituto Galego da Vivenda e o Solo procede á modificación do dito PSOAEG no que se reduce a superficie do parque industrial da Cruz da Maceira de 435.528 m2 a 283.200 m2.

Malia esta redución, este parque proxectado preto do límite entre os concellos de Moaña e Marín, lonxe das principais vías de alta capacidade e núcleos de poboación, entre os lugares de Regadantes, Campo Labrado e Pozo da Maceira, afecta de xeito severo en terreos con grande desnivel entre os 300 e os 400 metros sobre o nivel do mar á profunda conca de nacemento do río da Fraga con hábitats naturais prioritarios de bosques aluviais e breixeiras húmidas atlánticas, do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, plantacións de frondosas autóctonas e o sendeiro municipal do río da Fraga.

A propia Xunta de Galiza advertiu á agrupación de empresarios que o promove que malia integrar o parque industrial no PSOAEG non ía urbanizalo, deixándoo á iniciativa da financiación privada, a sabendas que moitas das parcelas de parques industriais urbanizados con fondos públicos en Galiza e na propia provincia de Pontevedra, non son quen de atopar empresas que as ocupen, o que ven a amosar por outra banda o xeito totalmente especulativo con que se xestionou nas últimas décadas o parque empresarial a nivel galego ata a actualidade.

O proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira foi alegado na súa contra tanto na tramitación do PSOAEG como na modificación deste no que se procede á redución da súa superficie, solicitando que fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono se teña a consideración e o deber de encher os polígonos existentes e o resto da oferta de solo empresarial e industrial e, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real e estean situados fóra de espazos naturais e protexidos, que comporten o mínimo impacto ambiental e unha ocupación do 100%.
Á parte dos proxectos do parque eólico de Pedras Negras e do parque industrial da Cruz da Maceira, o espazo natural dos Montes do Morrazo tamén está ameazado por dous proxectos de investigación mineira para extracción de granito a nome de Pedrouzos e Miñán e outro de exploración para extracción de enerxía xeotérmica a nome de Caldelas.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo non teñen cabida máis parques eólicos nin parques industriais e a úneca alternativa está só no decrecemento, no aforro, a eficiencia e o autoconsumo enerxéticos, no reaproveitamento e reciclaxe da materia prima e no transporte colectivo e de proximidade, tendo como base a extensión da protección ambiental e cultural do territorio galego e morracense que, como mínimo, debe abranguer un terzo dos mesmos respectivamente.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s