Arquivos diarios: Xullo 16, 2021

A errática e contraditoria política forestal da Xunta de Galiza

Eucaliptización na senda costeira do espazo natural protexido de Cabo Udra (Bueu)

A recente resolución pola que se formulou a Declaración Ambiental Estratéxica (DAE) da primeira revisión do “Plan Forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica” publicada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático no Anuncio do 3 de xuño de 2021, resolveu a necesidade de conservación da biodiversidade e dos ecosistemas protexidos, dunha maior redución da superficie ocupada polo eucalipto, a conservación dos solos para poder manter os servizos ecosistémicos forestais a longo prazo ou a conservación das masas arbóreas para conservar e incrementar o papel de sumidoiro de carbono.

Malia dar a sensación de ser un paso adiante e que mesmo semella ter en conta as alegacións realizadas no 2018 por distintas organizacións sociais e ambientalistas – incluídas as desta Plataforma- isto non é así. Nada máis afastado da realidade. De feito esta resolución considera “ambientalmente viable” a dita primeira revisión do plan forestal. E faino coa escusa de que “para favorecer a integración ambiental da proposta incorporaranse no plan as determinacións que se establecen na proposta transcrita”.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, tendo en conta que onde se dita a resolución é na Consellaría de Medio Ambiente, esta fica pequena nos seus cometidos cando xa en principio non se contempla a adaptación do plan forestal á necesaria ampliación da rede galega de espazos naturais protexidos e da Rede Natura. Na actualidade Galiza só conta cun misero e insuficiente 12% do territorio protexido e menor aínda na franxa litoral e no Morrazo, onde a maioría da escasa superficie protexida é por engadido marítima.

Por outra banda, alén de chegaren tarde as distintas determinacións ás que fai referencia a DAE, non achegan cifras concretas do territorio que se pretende recuperar e conservar, a pretendida neutralidade carbónica non é tal cando a actividade forestal está cada vez máis dependente da mecanización e da externalización do produto e o transporte e teñen ao final toda a pinta de que van quedar nunha sinxela lembranza dunha serie de cumpridos.

Ao tanto non se pode obviar a degradación paisaxística e ambiental á que se veu sometido nestas últimas décadas o territorio galego – e dentro del a península do Morrazo- por causa desa falta de protección ambiental e do propio ordenamento forestal. Consecuencia disto é o espallamento sen control da superficie ocupada polo eucalipto, que na actualidade, con máis de medio millón de hectáreas, supón máis do dobre da superficie contemplada inicialmente no plan forestal de 1992 que tiña un prazo de execución de 40 anos.

Por outra parte, tampouco se pode obviar que a política forestal autonómica é herdeira da anterior política forestal estatal que, de xeito secular e partindo sobre todo da etapa desenvolvementista do réxime ditatorial franquista, está a apostar por un modelo produtivista e forestalista insustentable imposto polas élites políticas e empresariais co apoio institucional e académico.

Eucaliptización nos montes de Beluso (Bueu)

Este modelo, fonte de conflito social pola xestión do territorio, despois de varias décadas está a aproveitar a despoboación que o propio modelo provoca, en especial no rural, e por medio a resposta destrutiva das grandes vagas de lumes forestais.

Tampouco se pode esquecer que o anuncio coincide no tempo coa parte final do litixio que a empresa ENCE ten con respecto aos recursos presentados por Greenpeace, APDR e o Concello de Pontevedra contra a permanencia das súas lesivas instalacións industriais pasteira e enerxética dentro do dominio público marítimo-terrestre máis alá dos prazos e condicións que a propia lei de Costas contempla.

É dabondo coñecida a influencia que tivo e ten praticamente esta empresa en réxime de monopolio no devir da xestión forestal e en favor do eucalipto ao longo do territorio galego e en concreto da área sur, no ámbito próximo á dita factoría localizada en Lourizán, para o que non escatima en presionar as institucións con informes favorables aos seus intereses económicos e industriais, publicidade afín tanto nos medios de comunicación privados como públicos como no caso da RTVG, e dádivas aos colectivos sociais, veciñais e culturais, con tal de ter controlado calquera movemento de rexeitamento aos seus cometidos.

A resolución da DAE da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 seguro que tampouco escapa ao filtro desta empresa.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized