Arquivos diarios: Xullo 23, 2021

Nova agresión ao dunar da praia da Xunqueira (Moaña)

As primeiras dúas fin de semana deste mes de xullo, co gallo da celebración do campionato do Morrazo de balonmán praia, promovido pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo, o propio Concello de Moaña mais a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Federación Galega de Balonmán, consumouse unha nova agresión ambiental ao dunar da praia da Xunqueira, na parroquia moañesa de Meira.

A agresión consistíu na utilización de maquinaria pesada co resultado final de remoción e explanación do areeiro, actuando ao final na fronte dunar que foi medrando na parte máis alta da praia ata superar o propio valado de protección, e rebaixando o perfil de máis dun metro de area que a dinámica litoral e a acción eólica foi acumulando no lugar desde que no ano 2009, a Dirección General de Costas finalizara as obras de recuperación do dunar da Xunqueira.

Por engadido, procedeuse tamén á instalación de tubarías de agua, electricidade e cadro eléctrico de subministro ao dito evento deportivo dentro do propio perímetro de protección dunar.

O resultado foi, á parte do rebaixe severo do perfil da fronte dunar, a desaparición de varias poboacións de plantas dunares e a afección doutras que se foron instalando e viñeron a enriquecer a biodiversidade local, como a leiteira das praias (Euphorbia paralias), o paxariño amarelo das praias (Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia), a correola das praias (Calystegia soldanella), a eiruga mariña (Cakile maritima subsp. integrifolia), o cardo de ribeira (Eryngium maritimum), a silene nizarda (Silene niceensis) ou a grama mariña (Elymus farctus subsp. boreali-atlanticus), algunhas delas endémicas da costa do noroeste ibérico, outras escasas na súa distribución a nivel galego e provincial e mesmo inexistentes con anterioridade a nivel local.

Isto supuso a destrución dun hábitat de interese comunitario recollido co código 2110 pola UE a nivel europeo de Dunas móbiles embrionarias ou primarias (Formacións vexetais herbaceas perennes de praias batidas polo vento, colonizadoras iniciais de areais móbiles de primeira liña de praia) e a discontinuidade con respecto a outro co código 2120 de Dunas móbiles brancas ou secundarias (Dunas móbiles de litoral con Ammophila arenaria).

Desde o Colectivo Ecoloxista Luita Verde vimos facendo un seguimento da dinámica deste areeiro desde que remataran as obras de restauración no ano 2009, observando especialmente a evolución do perfil de area acumulado de xeito natural no frente dunar e o establecemento das especies de plantas colonizadoras, e agora lamentamos que toda esta recuperación natural froito destes últimos doce anos foi destruída nunha actuación que consideramos desmedida e innecesaria incluso para o propósito de celebrar o evento deportivo xa que dispoñían de espazo suficiente para a súa realización sen necesidade de agredir o dunar.

Para Luita Verde esta actuación amosa un absoluto desprezo e falta de sensibilidade co medio natural por parte dos promotores, en especial do Concello de Moaña, que loce unha bandeira verde por unha suposta boa xestión medioambiental mais na realidade inexistente xa que unicamente se circunscribe a unhas poucas actuacións simbólicas e de cara a galería. Ao tanto salientamos que non ten sentido levar grupos escolares a retirar plásticos do areeiro da Xunqueira un día ao ano para despois telo o resto do tempo no máis absoluto abandono ou agredilo de xeito tan contundente como acaba de suceder.

Por todo isto Luita Verde presentou escrito dirixido ao Servizo Provincial de Costas denunciando os feitos e solicitando información sobre se esta actuación contou coa correspondente autorización deste Servizo e, de non ser así ou non corresponderse esta cos feitos denunciados, se proceda á apertura dun expediente sancionador aos promotores. Así mesmo solicitou a restauración do ecosistema dunar afectado ao seu estado antes da agresión e a ampliación da zona de protección da fronte dunar cun novo valado.

Por outra banda esta agresión vén engadirse ao lamentable estado de deterioro do propio peche de madeira de protección dunar, en moitos dos seus tramos moi degradado ou directamente roto.

E vén a engadirse tamén a outras afeccións -introducción de especies arbóreas, flora alóctona e invasora, verteduras de lixo e entullos, extraccións de area,…- produto do progresivo abandono e a falta de mantemento do dunar desde que se producíu a súa restauración no ano 2009. A última foi o ano pasado coa substitución por parte do propio Concello de Moaña do pavimento de madeira inicial polo sintético de polietileno de alta intensidade nas pasarelas peonís que atravesan o propio dunar restaurado no seu momento pola Dirección General de Costas.

Luita Verde xa se dirixira a finais do ano pasado formalmente e por escrito ao Concello de Moaña solicitando que, en colaboración coa Dirección General de Costas, se procedera á mellora ambiental, restauración e mantemento plurianual do dunar da Xunqueira e que a limpeza da praia se fixera de xeito manual e non con maquinaria pesada, mais por desgraza nada se avanzou nese sentido e polo contrario, visto o sucedido recientemente coa celabración do campionato de balonmán praia, mesmo se promoveu por parte deste Concello unha maior degradación da súa contorna.

O areeiro e dunar da Xunqueira representa o meirande e de maior biodiversidade dentro do maltreito litoral moañés tras décadas de lesivos e impactantes recheos sobre a ribeira do mar, polo que merece unha maior atención e coidado por parte da clase política gobernante e das institucións públicas con competencias.

Polo tanto ao final e no mesmo escrito de denuncia dos feitos acaídos pola celebración do campionato de balonmán praia, Luita Verde solicitou así mesmo do Servizo Provincial de Costas a dita mellora ambiental do conxunto do dunar, coa retirada e a erradicación de especies arbóreas, alóctonas e invasoras, de lixo e entullos, como así mesmo que a limpeza do areeiro se realice de xeito manual e non con maquinaria pesada como ata a actualidade.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized