Roteiro pola protección dos montes e mámoas do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 26 de setembro un roteiro para dar a coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural da contorna dos montes e as mámoas do Morrazo, clasificada dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, de augas e patrimonial nas parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, Santo Tomé de Piñeiro e San Xián de Marín, nos concellos de Vilaboa e Marín.

O roteiro, primeiro deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte da casa do garda do parque forestal da lagoa de Castiñeiras, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido, de 7,5 kilómetros e dificultade baixa, transcorrerá por viais forestais, camiños e corredoiras polos lugares de Chan de Castiñeiras, Río de Arcos, As Cavadas, Monte das Barreiras, Río de Miñotos, A Cavada do Cruceiro, Abadín, Chan da Armada, Outeiro de Ombra, Barreira de Redondo e Chan de Castiñeiras.

Para se achegar ao punto da saída hai que acceder a través da estrada EP-0106.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Cómpre lembrar que aínda estamos en medio da pandemia da Covid-19 polo que debemos seguir todas as recomendacións sanitarias de precaución.

Chan de Castiñeiras ou da Castiñeira, fitónimo con clara referencia á presenza desde o pasado no lugar do castiñeiro, está ubicada nunha penechaira ao redor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar entre os altos de Castiñeiras, da Graña, de Outeiro dos Asubións e de Coto Redondo e acolle así mesmo o nacemento do rego de Castiñeiras, principal afluente do rego Lameira, cuxa desembocadura está na ría de Pontevedra, ao carón do núcleo urbano de Marín.

Conta con dous espazos, as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, que están integrados dentro do Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna tanto invertebrada como vertebrada, representando hábitats naturais prioritarios a nivel europeo, con especies de fauna e flora  endémicas e vulnerables a nivel ibérico.

A lagoa, procedente dun intento inicial de aproveitamento hidráulico, é un espazo artificial que, tal como o coñecemos na actualidade, foi construido a inicios da década dos anos 40 do século pasado.  A partir daí comezou tamén a creación do parque forestal ao seu redor ata o alto de Coto Redondo, dentro da política repoboadora a nivel forestal que levou a cabo de xeito intensivo nos montes do Morrazo o goberno estatal da ditadura franquista tralo proxecto experimental realizado anteriormente na ditatura de Primo de Rivera, e que chegou con diversas aportacións ao longo do tempo ata a actualidade, sendo xestionado en principio polo Patrimonio Forestal do Estado, posteriormente polo ICONA, e a partir dos anos oitenta, co actual réxime democrático, pola Xunta de Galiza a través das Consellerías de Agricultura, Gandeiría e Montes e da de Medio Ambiente.

Desde mediados desta década pasada son as comunidades de monte veciñais en man común de Santo Tomé de Piñeiro e San Xián (Marín) e San Martiño e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), copropietarias dos terreos quen o están a xestionar tralo fin dos convenios que tiñan coa propia administración autonómica.

O parque forestal destaca pola presenza a nivel botánico de ao redor de medio cento de especies de árbores e arbustos dos 5 continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…) xunto con outras naturalizadas como salgueiros e ameneiros do bosque de ribeira correspondente á conca alta do rego de Castiñeiras. No seu momento, ao carón da construción da lagoa, realizouse tamén un proxecto de cría de peixe, en concreto de truitas, do que se conserva as instalacións das antigas presas pola canalización das augas procedentes dos mananciais naturais da zona húmida do lugar.

A nivel cultural e arqueolóxico destaca pola presenza prehistórica de nove mámoas megalíticas adscritas ao Neolítico, oito a nome de mámoas de Chan de Castiñeiras máis outra a nome de Pedralonga. Dúas delas, a coñecida como a Mámoa do Rei máis a de Pedralonga, á parte de conservar boa parte da estrutura litica do dolmen, principalmente a primeira desde que foi restaurada no ano 2003, están catalogadas así mesmo como Ben de Interese Cultural (BIC) por conter gravados rupestres no interior dos esteos dos seus dólmenes. Existe asemade unha mámoa coa cámara de tipoloxía de cista, de enterramento individual, de cronoloxía algo posterior. A maioría son de tipoloxía de cámara de enterramento con corredor de entrada, boa parte delas están sen a penas estrutura do seu dolmen, conservando as correspondentes fosas de delatación na base do túmulo, e a cronoloxía da súa construción está por riba dos 5.000 anos de antigüidade.

En fase histórica é de salientar que o lugar da Fonte de Castiñeiras serviu de referencia para o marco divisorio ou Cruz do Termo, onde se dividían desde o Medievo e durante o Antigo Réxime a antiga xurisdición de Marín, a través do Couto do mosteiro de Oseira, a do Morrazo, á que pertencía a parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, e a de Pontevedra, á que pertencía a parroquia de San Martiño de Vilaboa máis a súa parroquia anexa de Santa Cristina de Cobres.

No ano 1836, no que tamén se constitúen os novos concellos constitucionais, as parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, Santo Tomé de Piñeiro e San Xián avíronse, tras séculos de conflitos polo aproveitamento dos recursos -predominio do monte e a roza, estivada e gandeiría extensiva sobre o uso forestal-, a un acordo notarial sobre a delimitación dos seus montes comunais, do que aínda se conservan de xeito renovado algunhas pedras fincadas coa funcionalidade de deslinde no terreo e marcadas a cadanseu lado coa letra inicial de cada parroquia segundo a orientación da propiedade. 

Así mesmo existe a Pedra do Corvo onde unha grande coviña e esculpida na rocha a golpe de pico e cincel nun pequeno outeiro con execlente panorámica sobre a Chan de Castiñeiras, deslindou no pasado as parroquias de San Martiño de Vilaboa e de Santa Cristina de Cobres.

Por outra banda en Chan de Castiñeiras consérvanse os restos das antigas cortellas, pequenas cortes cos seus peches de pedra que tiñan a funcionalidade de acoller en séculos pasados o gando,  principalmente cabras e ovellas, onde nunha pequena elevación sobre o terreo consérvase así mesmo o topónimo afín de Outeiro das Cortellas.

En Chan de Castiñeiras tamén se atopan gravados rupestres modernos realizados nas pedras ao longo do século pasado polo veciño marinense José Meijón.

A pouca distancia, no Río de Arcos, nun cruce de camiños dentro da conca alta do río de Campolongo, afluente do Río Maior cuxa desembocadura está na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Enseada de San Simón, existe unha pedra fincada que fai a función de soporte dunha fonte que na realidade corresponde ao esteo dunha mámoa, feito polo que está inventariado como achado solto de Chan de Castiñeiras, onde probablemente estea a súa ubicación orixinal.

Entre o Monte das Barreiras, orónimo referente á existencia de barro ou arxila que era usado antigamente para a construción e a fabricación de fornos, e A Cavada Grande, agrónimo referente á costume de moi antigo de cavar ou cachar o terreo, na aba sur do alto de Coto Redondo, se extende unha densa comunidade e úneca no Morrazo de carrasca ou urce vermella, mato de ao redor de dous metros de altura  que pasa por ser un endemismo da metade occidental ibérica e noroeste africana e que a súa distribución morracense dase case exclusivamente nesta zona dentro da conca do rego de Campolongo. Tamén é salientable a variada presenza doutras especies de matogueira (queirogas, carqueixas, toxos,…) dentro do hábitat de interese comunitario da breixeira seca europea que acolle así mesmo unha variada e interesante fauna vertebrada e invertebrada. Outros hábitats de interese comunitario existentes no lugar e por toda a contorna son as pendientes  rochosas silíceas con vexetación casmofítica e os rochedos silíceos con vexetación pioneira.

Nesas zonas de monte baixo e sen arborado, o Monte das Barreiras, ao redor dos 375 metros sobre o nivel do mar, posúe por outra banda unhas espectaculares panorámicas da conca do val do Río Maior e da enseada de San Simón coa illa do mesmo nome no fondo da ría de Vigo. A nivel forestal é de salientar as plantacións forestais con especies frondosas autóctonas, en especial de carballos e castiñeiros, xunto coa presenza naturalizada da sobreira que, nesta zona preto do cercano núcleo rural do mesmo nome na lindeira parroquia de San Adrián de Cobres, tén tamén unha das máis importantes dentro da súa distribución a nivel morracense, asociado coa carballeira termófila e bioindicador da influencia climática mediterránea no sur e occidente de Galiza.

A ribeira alta do rego do Portiño, tamén chamada a nivel zonal do río de Miñotos, afluente así mesmo do Río Maior, posúe unha incipiente e excelente carballeira salvaxe dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico portuguesas. De entre o seu sotobosque sobresae a presenza do sanguiño e en especial da pereira brava, que da nome tamén a algúns fitónimos na contorna.

A Chan da Armada e Outeiro de Ombra, entre os 375 e os 425 metros de altitude sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), acollen unha importante área arqueolóxica coa presenza de 7 mámoas – 5 de Outeiro de Ombra e 2 de Chan de Armada – adscritos ao Neolítico, onde destaca a presenza dunha das mámoas da Chan da Armada con presenza da estrutura do seu dolmen e coa especificidade de que os seus esteos e pedra cobertora son de xisto -xeralmente solen ser de granito-. A utilización de xisto na contrucción da mámoa está relacionado co predominio da rocha metamórfica na zona, dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. A zona próxima de Abadín sobresae tamén pola abondancia mineral de pedras de seixo que mesmo da nome ao lugar de Seixos de Abadín, dentro da microtoponimia a nivel local.

Na área da Chan da Armada tamén hai inventariados un xacemento e un achado solto adscritos ao Calcolítico, onde se atoparon cerámicas lisas e campaniformes cunha antigüidade de hai ao redor de 4.500 anos. Tamén se atoparon coitelos de silex, ao igual que nos enxovais funerarios dalgunhas das mámoas da zona, polo que ao ser este material escaso ou praticamente inexistente no Morrazo, denota que xa desde tempos remotos existía un certo comercio das comunidades humanas locais co exterior. 

As mámoas de Chan de castiñeiras xunto coas de Chan de Armada e Outeiro de Ombra forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo que, complementándose coas de Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña, cun total de 20 mámoas e un percorrido de 7,7 kilómetros, proxectouse a nivel institucional con fondos europeos a través da Fundación Comarcal do Morrazo coa participación de varias comunidades de montes (San Xián de Marín, Santo Tomé de Piñeiro, San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Adrián de Cobres, Meira e Domaio), concellos (Marín, Vilaboa e Moaña) e as Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura da Xunta de Galiza a mediados da década pasada mais non chegou a rematarse. Dese proxecto de posta en valor só queda a plantación forestal de frondosas como adecuación ambiental na súa contorna e intervencións puntuais e por separado nos xacementos por parte das comunidades de montes propietarias.

A Barreira do Redondo, na metade da ladeira norte do alto de Coto Redondo, ao redor dos 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre plantación mixta de especies forestais e onde destaca a presenza arbustiva do érbedo entre a matogueira, posúe unhas extraordinarias panorámicas dos Montes do Morrazo, coa Serra Domego e o alto de Coto do Home, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo, Os Pedrouzos, Monte Penizas, Monte da Cova e Sobareiro, o val do rego Neibó-Loira, e a ría de Pontevedra co Salnés e as Illas Ons ao fondo.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna dos montes e mámoas do Morrazo, pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e das antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra foron as cortas abusivas, a intensificación dos monocultivos forestais e a eucaliptización, a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, granxas de visóns e o abandono e degradación do patrimonio natural, forestal, cultural e arqueolóxico.

As principais ameazas no futuro son a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) coa proxección de varias ubicacións alternativas de aeroxeradores polos cumes dos altos da Graña, Castiñeiras e Coto Redondo máis a proximidade do parque eólico de Pedras Negras pola Serra Domego e o proxecto de investigación mineira a nome de Miñán para a extracción de granito ornamental senón tamén o de exploración para enerxía xeotérmica a nome de Caldelas.

En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo recollese segundo as antigas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra os espazos naturais dos Montes do Morrazo que xunto co de Coto Redondo acollían a totalidade da contorna destes montes e mámoas do Morrazo máis o do Carballal de Coiro e outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

Por outra banda a proposta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) realizada á Xunta de Galiza polo Concello de Marín co apoio das comunidades de montes de Santo Tomé de Piñeiro e de San Xián para o territorio marinense ao redor do parque forestal da lagoa de Castiñeiras, á parte de non corresponderse cun verdadeiro espazo natural, quédase escaso xa que para iso tería que acoller a parte correspondente ao concello de Vilaboa a través das comunidades de montes de San Martiño e de Santa Cristina de Cobres. Para a Plataforma, en tal caso, o ENIL debería debería ser moito máis amplo e conxunto entre os concellos de Marín, Vilaboa, Moaña e Pontevedra, enlazando cun corredor ambiental e cultural o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, entre os montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián a través da área patrimonial rupestre da Carrasca e Champás con Chan de Castiñeiras, e a través da Ruta das Mámoas do Morrazo coas áreas ao seu redor de As Cavadas, A Graña, Os Pedrouzos, Outeiro dos Asubións, Monte das Barreiras, Chan da Lagoa, Pedras Negras, Corno Pineda, Coto do Home, Faro de Domaio, Monte e Chan de Gagán e Monte Formigoso, conectando finalmente a través das ribeiras altas coas concas naturais dos regos Cubela, Louriñas, Lameira, Loira, Trasmil, Río Maior, Miñouva, da Freixa, Barranco do Faro e da Fraga.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s