Luita Verde denuncia que o Casal e os montes de Meira están a converterse en vertedoiros ilegais coa complicidade da Xunta e do Concello de Moaña

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde denunciou diante da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

Que no lugar do Casal, parroquia de San Martiño, concello de Moaña, entre as inmediacións do campo de fútbol de titularidade municipal e do viaduto da Vía de Alta Capacidade de Cangas (VG-4.5) de enlace co corredor de alta capacidade do Morrazo (CG-4.1), en solo rústico de protección agropecuaria anexo ao de augas e de infraestruturas segundo o PXOM, e dentro de corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), o departamento de Obras e Servizos do Concello de Moaña está a verter sen control resíduos procedentes da “limpeza” de praias (centos de quilos de area mesturados con algas, conchas de moluscos, plumaxe de aves,…), entullos de obra (tellas, lousas de cemento, mobiliario, pneumáticos, plásticos, latas metálicas,…), terras e restos vexetais de podas, incumprindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de resíduos de Galicia.

Por unha banda está a representar unha severa agresión ambiental con respecto ao litoral moañés, ao extraer e transportar con maquinaria pesada area e resíduos orgánicos fóra das praias do municipio como espazo natural, en especial da praia e con formación dunar da Xunqueira, afectando á xeomorfoloxía, alterando os ferfís da praia, desestabilizando o pé de noiro da zona dunar, e reducindo a biodiversidade costeira, incumprindo así mesmo flagrantemente o manual de boas prácticas de limpeza das praias de xeito respectuoso co medio ambiente.

Por outra banda está a representar unha severa agresión ambiental ao lugar de destino destas verteduras, directamente enriba dun bosque de salgueiros que fai de ribeira dun manancial de auga correspondente á conca do río do Redogrés, onde, por engadido, as chuvas poden rematar filtrando no futuro a salinidade contida nas areas e resíduos orgánicos das praias cara á auga doce de dito manancial e tamén por derivación as áreas de cultivo e o propio río nas inmediacións.

Estas verteduras veñen a engadirse e incrementar as toneladas de terras, restos vexetais e todo tipo de entullos de obra, incluido residuos tóxicos e perigosos con contido en amianto, que desde hai anos está a realizar de xeito totalmente incontrolado o propio Concello de Moaña no mesmo lugar nas parcelas 68, 69,70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, cunha altura de ao redor de 3 metros de altura, e ao redor de 50 metros de longo e 40 metros de ancho de superficie, denunciado formalmente por escrito e a rexistro en decembro do 2020 por este colectivo e do que o Concello fixo caso totalmente omiso malia que daquela xa se lle solicitou a súa paralización inmediata.

A 200 metros ao sur do dito vertedoiro incontrolado municipal existe outro á beira do vial asfaltado que sirve de acceso ao campo de futbol, na parcela 9001 fronte ás parcelas 380 e 381 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, en terreos propiedade da propia administración autonómica trala expropiación para a construción da vía rápida do Morrazo, onde se mesturan entullos de obra con electrodomésticos, carcasas plásticas de ordenadores, pezas cerámicas e metálicas de baño, bolsas plásticas, mobiliario e ducias de pneumáticos de vehículos. Este vertedoiro incontrolado xa fora tamén denunciado por este colectivo en decembro do ano pasado mais a costa da inacción do Concello e da propia administración pública autonómica, as verteduras foron incrementándose ata o lamentable estado da actualidade.

Por outra banda nos lugares das Cidades, da Devesa e de Reibón, na parroquia de Meira, Concello de Moaña, dentro de solo rústico de protección de espazos naturais, da área de protección de cautela dos xacementos arqueolóxicos do Castro das Cidades (GA36029030) e dos petróglifos de Pozo Garrido (GA36029007) máis dos desplazados da Devesa do Rei (GA36029051) e do Viveiro (GA36029053), e en Espazo de Interese (EI) segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), á beira de viais asfaltados e forestais a ambos lados do enlace coa autovía do Morrazo (AG-46), nas parcelas 303 e 9020 do polígono 24 respectivamente segundo a cartografía catastral, persisten unha maioría das verteduras incontroladas de lixo e entullos denunciadas por este colectivo en xaneiro de 2021, mesmo incrementándose con máis lixo vertido e novos focos, ante a inacción da administración pública, lembrando que malia que a xestión dos residuos é municipal e mancomunada, parte desas verteduras, as depositadas na parcela 9020 fronte ás parcelas 20197, 37, 40, 41 e 42 do polígono 24, están tamén en terreos propiedade da propia administración autonómica trala expropiación de terreos para a construción da vía rápida do Morrazo.

En resume o termo municipal de Moaña está a converterse nunha acumulación de vertedoiros de resíduos sen control, ante a pasividade, a inacción e mesmo a participación do propio Concello cun macrovertedoiro da súa propia autoría máis a complicidade da Xunta de Galicia que, dentro das súas competencias, non está a ter en conta as nosas denuncias, acollendo parte das verteduras incontroladas dentro de terreos da súa propiedade e sen tomar as pertinentes medidas ante o incumprimento flagrante da propia normativa autonómica de resíduos.

Lembramos que o Estado español está denunciado na Comisión Europea por incumprir a Directiva 2008/98/CE, do Parlamento, Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008, sobre os resíduos, que obrigaba a reciclar e reutilizar un mínimo do 50% dos resíduos xerados no seus Estados membros antes do 2020, e que de non poñer remedio a esta inadecuada xestión dos resíduos a nivel municipal e comarcal nos veremos na obriga de denuncialo tamén diante das altas institucións europeas como así fixemos no seu momento coas deficiencias na planta de tratamento de resíduos sólidos urbanos da Mancomunidade de Concellos do Morrazo na Portela.

Polo exposto, solicitou:

A comprobación dos feitos e a paralización efectiva e inmediata das verteduras por parte do Concello de Moaña no vertedoiro incontrolado da súa autoría nas parcelas 68, 69,70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral no lugar do Casal, a apertura do correspondente expediente sancionador e a retirada das verteduras e reposición das parcelas afectadas ao seu estado orixinal.

A retirada do vertedoiro incontrolado ubicado na parcela 9001 fronte ás parcelas 380 e 381 do polígono 55 en terreos propiedade da administración autonómica, no lugar do Casal.

A retirada dos vertedoiros incontrolados ubicados nas parcelas 303 e 9020 fronte ás parcelas 20197, 37, 40, 41 e 42 do polígono 24, en terreos propiedade da administración autonómica, na parroquia de Meira.

A retirada da Bandeira Verde outorgada no 2020 por esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ao Concello de Moaña.

A consecución dun punto limpo municipal, onde se poidan depositar controladamente os residuos vexetais, inertes e tóxicos e perigosos xerados no concello de Moaña, para o seu posterior e adecuado tratamento e reciclaxe.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s