Vertedoiro incontrolado. Resposta de Luita Verde ás declaracións do concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente de Moaña

Tralo artigo publicitado este pasado martes 21 de setembro pola edición do Morrazo do Faro de Vigo e as declaracións efectuadas neste polo Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Moaña, Odilo Barreiro, ao respecto da recente denuncia do pasado 17 de setembro sobre a existencia dun macrovertedoiro incontrolado de resíduos de autoría municipal a través do departamento de Obra e Servizos no lugar do Casal, desde Luita Verde queremos facer as seguintes aclaracións:

A denuncia de Luita Verde non é polo vertedoiro de entullos que se está a xerar debaixo do viaduto do enlace do corredor de alta capacidade do Morrazo procedente das obras que se están a levar a cabo na estrada de Abelendo, senón polo macrovertedoiro incontrolado que fóra do viaduto e dos terreos expropiados pola Xunta de Galicia, está a xerar o propio Concello de Moaña a través do departamento de Obras e Servizos en varias parcelas en solo rústico de protección agropecuaria anexo ao de augas e de infraestruturas segundo o PXOM, e dentro do corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL).

É totalmente falso que este macrovertedoiro sexa “temporal”, tal como di o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, senón que se leva realizando de xeito permanente e totalmente incontrolado sen as legais e necesarias medidas de peche, aillamento e impermeabilización desde hai máis dunha década e intensificado nos últimos anos, sendo responsables distintos gobernos municipais rexidos alternativamente durante este intervalo de tempo polas tres formacións políticas maioritarias que compoñen a actual corporación municipal: BNG, PSOE e PP.

Dentro das parcelas 68, 69,70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, o macrovertedoiro ten unhas dimensións de ao redor de 50 metros de longo e 40 metros de ancho de superficie e unha altura ao redor de tres metros, onde o Concello de Moaña verteu moreas de entullos de obra de todo tipo que van desde cemento armado ou piche ata losas de cemento e de cerámica esmaltada, cachotería de ladrillo, todo tipo de tuberías, cablerías e envolturas plásticas, pneumáticos, roupa usada de traballo fabricados en polietileno, poliéster e policloruro de vinilo, pezas metálicas de fontanería, inodoros, caldeiras, electrodomésticos, mobiliario, e restos de uralita e de la aillante de falsos teitos fabricado co tóxico e canceríxeno amianto, chegando en moitos casos a vertelo todo xunto dentro de sacos de obra, sen ningunha separación nin selección previa.

A maioría destes resíduos, que deberían estar depositados no punto limpo da propia Mancomunidade de Concellos do Morrazo, na Portela, ou nun xestor autorizado no caso dos resíduos con amianto, están mesturados e soterrados baixo toneladas de terra e restos vexetais no lugar, onde finalmente ao cabo do tempo a vexetación de xeito naturalizado o está a ocultar en superficie entre a presenza de canabal, e outras especies invasoras como a herba capuchina, o estramonio ou a ipomoea.

Con respecto a que neste macrovertedoiro existe unha acumulación de algas e que, segundo o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, “son depositadas aí a disposición de veciños para o seu uso como abono nas fincas”, á parte doutra falsidade é de auténtica vergoña allea e burla á veciñanza, xa que na realidade o que se estivo a verter por parte do Concello nos últimos meses son centos de quilos de area mesturada con algas e materia orgánica procedentes da limpeza con maquinaria pesada das praias do municipio, principalmente da praia da Xunqueira, onde ademais chegou a afectarse a súa fronte dunar, feito denunciado así mesmo por Luita Verde este pasado mes de agosto ante o servizo provincial de Costas en Pontevedra, e polo que a propia alcaldesa do concello moañés chegou posteriormente a calificarnos pouco máis que mentireiros en declaracións feitas naquel momento tamén na edición do Morrazo do Faro de Vigo.

Evidentemente esas verteduras procedentes de xeito agresivo impactante da limpeza das praias que incumpren o manual de boas prácticas respectuosas co medio ambiente, non son para que os veciños de Casal recollan as algas peneiradas entre as mores de area da praia para uso como fertilizante nas súas fincas de cultivo e a realidade do que está a suceder é que á parte de afectar por escorrentía e vertente á conca de nacemento e ribeira do rego do Redogrés, daí a afección tamén ao solo rústico de protección de augas segundo o PXOM e o corredor ecolóxico segundo o POL, está a descomposición da materia orgánica e as algas existentes máis a salinidade contida entre a area están a xerar tamén malos cheiros pola contorna, do que xa se está a queixar a propia veciñanza do Casal, con vivendas existentes a escasa distancia do propio vertedoiro, á parte de afectar a paisaxe e unha área de espallamento para os propios veciños e veciñas que os últimos anos foron observando como se foi consolidando un auténtico vertedoiro incontrolado espallado pola contorna do seu barrio.

Con respecto a que os resíduos vexetais existentes no vertedoiro están a utilizarse como estruturante para a compostaxe comunitaria e individual no municipio, tamén é outra falsidade xa que hai meses que non se está a levar a cabo esa función no lugar.

Por engadido e aproveitando a existencia deste vertedoiro incontrolado por parte do Concello, nun dos seus extremos, o que linda co camiño da fonte do Redogrés, están a aparecer ao seu carón novas verteduras incontroladas con máis lixo e entullos, incluídas planchas e cachotería das tóxicas uralitas.

Resulta escandaloso que ademais o propio Concello de Moaña estea a solicitar mediaticamente, como o publicitado recentemente tamén na edición Morrazo do Faro de Vigo, a colaboración veciñal para intentar acabar coa proliferación de verteduras incontroladas de resíduos neste municipio, cando é o propio Concello de Moaña a través do departamento de Obras e Servizos o que está a verter toneladas de resíduos de xeito ilegal é incontrolado, promovendo coa súa neglixente e inexemplar actitude e a falta do correspondente punto limpo municipal onde se poida verter os resíduos de xeito legal e controlado, que a cidadanía faga o mesmo, como está a suceder así mesmo no Casal a 200 metros do propio vertedoiro do concello, e se está a espallar por moitas zonas do municipio, dentro dun círculo vicioso.

Ante a persistencia das verteduras e a falsidade das declaracións mediáticas realizadas polo Concellal de Urbanismo e Medio Ambiente, Odilo Barreiro, con respecto ao macrovertedoiro autoría do propio Concello de Moaña no Casal, só podemos solicitar que dimita cando menos do seu cargo como Concellal de Medio Ambiente pola súa incompetencia.

Xa que o Concello de Moaña non está pola labor de paralizar definitivamente o vertedoiro da súa autoría no Casal, desde Luita Verde só estamos á espera de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pase a comprobar os feitos denunciados e llo ordene xunto coa a retirada das verteduras e reposición das parcelas afectadas ao seu estado orixinal restauración ademais da apertura do correspondente expediente sancionador polo flagrante e continuado incumprimento da Lei 10/2008, de 3 de novembro, de resíduos de Galicia.

Luita Verde, por outra banda, ve positivo que a Xunta de Galicia, despois das nosas denuncias de decembro e agora deste pasado 17 de setembro, comece por fin a actuar no vertedoiro incontrolado en terreos da súa propiedade ubicado a 200 metros do vertedoiro incontrolado do propio Concello no Casal mais incidindo que é claramente insuficiente con colocar unha sinal de prohibición das verteduras senón que tense que retirar de xeito efectivo as verteduras existentes no lugar, tal e como lle solicitamos na última denuncia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Adxuntamos fotografías actualizadas do conxunto do macrovertedoiro de resíduos do Concello de Moaña e de novas verteduras ao seu carón no Casal, salientando por outra banda que boa parte dos residuos vertidos como comentamos están ocultos polo soterramento e pola vexetación despois de máis dunha década de verteduras sen control.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s