Luita Verde denuncia a deficiente xestión dos rsu do Concello de Moaña, Mancomunidade do Morrazo e Xunta de Galiza na comarca

Mentres o Concello de Moaña segue a verter resíduos de xeito totalmente incontrolado e ilegal no lugar do Casal, a 200 metros deste vertedoiro, e dentro de terreos competencia da Xunta de Galicia, expropiados no seu momento no lugar pola construción da vía rápida do Morrazo, segue a incrementarse o outro vertedoiro, igualmente incontrolado, existente á beira da estrada que enlaza co campo de fútbol municipal, denunciado por Luita Verde en decembro e máis recentemente neste mes de setembro.

No canto de primeiro retirar as verteduras existentes e despois colocar o cartel de prohibición de novas verteduras de lixo no lugar, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas, fixo todo o contrario. Así, unha semana despois de colocar o cartel que sinaliza a prohibición de verter lixo no lugar, sen limpar as verteduras anteriores, estas están a incrementarse con novas verteduras deixando sen efecto disuasorio o dito cartel. As grandes cantidades de resíduos de bolsas plásticas con todo tipo de cascallos de obras, pneumáticos, electrodomésticos, pezas de baño, mobiliario,…, representan fielmente a incompetencia das administracións con respecto á aplicación da propia normativa autonómica de resíduos e é unha nova burla á veciñanza.

Malia que agora a corporación do Concello de Moaña se aveña por segunda vez neste ano a aprobar unha moción para rematar coas verteduras que están a proliferar polo termo municipal, pouco percorrido se lle pode aventurar por canto xa foi aprobada en xaneiro unha parecida co efecto xa coñecido publicamente da inacción. Ademais o propio Concello, a través do departamento de Obras e Servizos, segueu a verter ilegalmente facendo que xunto co resto das verteduras incontroladas foran incrementándose ao longo do municipio, infrinxindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de resíduos de Galicia -recentemente derrogada e substituída pola Lei 6/2021, de 17 de febreiro, de resíduos e solos contaminados de Galicia- quedando como única resposta do inexemplar e incompetente goberno municipal, a de solicitar vanamente nos medios a “colaboración veciñal” para que as verteduras cesasen.

Por outra banda, a xestión do servizo de recollida dos Resíduos Sólidos Urbanos (RSU) corresponde á Mancomunidade de Concellos do Morrazo, baixo a presidencia do Concello de Moaña, que está por rescindir o contrato coa actual empresa adxudicataria, Urbaser, polos seus contínuos incumprimentos de contrato e empioramento do servizo. Existe un debate no que unhas formacións políticas apostan pola seu rescate e xestión público e outras por adxudicarlle o servizo a outra empresa. Cómpre salientar que, sexa de xestión pública ou privada -desde Luita Verde avogamos pola pública-, o servizo ten que ter os suficientes investimentos en concienciación, infraestruturas e mobiliario que non se están a dar na actualidade, aplicando ineficientemente o principio das 3R -Redución, Reutilización e Reciclaxe- e incumprindo flagrantemente a propia Directiva 2008/98/CE, do Parlamento, Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008, sobre os resíduos, que obrigaba a reciclar e reutilizar un mínimo do 50% dos resíduos xerados no seus Estados membros antes do 2020.

Ao respecto temos que salientar que unha grande parte dos RSU xerados no Morrazo, mesturados e sen a correspondente recollida selectiva, seguen a ser compactados na planta de transferencia da Mancomunidade, na Portela (Cangas), e transportados ás instalacións autonómicas da planta incineradora de SOGAMA en Cerceda (A Coruña), para o seu tratamento e eliminación, co alto custe ambiental e económico que isto implica.

Só existe un punto limpo, tamén na Portela, onde verter os restos vexetais, resíduos inertes, voluminosos, tóxicos e perigosos, lonxe dos principais núcleos de poboación e cuns horarios restrinxidos, un dos principais motivos da aparición de verteduras sen control por toda a comarca, cando ademais de Cangas, Moaña e Bueu tiñan que ter cadanseu punto limpo ao servizo da súa veciñanza.

A compostaxe dos resíduos orgánicos, que representan máis do 50% da fracción do lixo xerada nos fogares, non está a ser obrigatoria e está estancada en proxectos piloto de compostaxe comunitaria e individual nos núcleos urbanos conveniado polos concellos do Morrazo coa Deputación de Pontevedra, onde por engadido se están a ver imaxes como, por exemplo, a dos contedores do estruturante vexetal para a dita compostaxe ocupados por plásticos e lixo como está a suceder co do Concello de Moaña situado no punto verde ao carón do cemiterio municipal, o que está a amosar na realidade unha falta de rigurosidade e abandono que vai máis alá da imaxe que se está a dar mediaticamente.

Por outra banda, a planta de resíduos mancomunada da Portela, ademais de ter a función actual de planta de transferencia dos RSU para SOGAMA, tiña que ser readaptada para a fabricación de compost, tal e como foi deseñada con fondos europeos no seu inicio a finais da década dos anos noventa do século pasado, no que ademais da compostaxe dos resíduos orgánicos xerados nos fogares tamén se composten os resíduos orgánicos procedentes da hostalería e os supermercados da comarca, para unha poboación cercana aos 60.000 habitantes e que na tempada de verán aumenta considerablemente coa chegada da poboación veraneante e do turismo estival.

Nos lugares onde a poboación colabora, os colectores azuis do reciclado de papel, verdes do vidro ou amarelos dos envases plásticos, produto do mal servizo de recollida, quedan ata o tope e tardan tempo en ser baleirados, polo que ás veces ata se ven os resíduos depositados fóra deles. Tamén se dan os casos en que, produto da falta de conciencia, se verten resíduos que non se corresponden co colector.

Os colectores verdes onde a poboación adoita verter os resíduos mesturados e sen seleccionar, están en moitos lugares en malas condicións, principalmente nos núcleos espallados das áreas periurbanas e no rural, coa estrutura danada e ás veces coas tapas abertas e co lixo a rebordar. A isto e a falta de puntos limpos se lle une as verteduras de todo tipo de voluminosos e mobiliario, que tardan en ser retirados e están a afectar viais públicos, elementos culturais e en xeral a contorna das barriadas, xerando un grande impacto paisaxístico e ambiental.

Practicamente non se está a reducir o lixo xerado na comarca, e a reutilización e a reciclaxe dos resíduos é claramente insuficiente, co problema engadido dos vertedoiros incontrolados que están a afectar ambientalmente todo tipo de solo rústico -de espazos naturais, forestal, agrario, de augas, patrimonial-, o rural e o urbano, onde son corresponsables Concellos, Mancomunidade e Xunta de Galicia, dentro das súas plenas competencias na materia.

Luita Verde vai preparar en breve a correspondente denuncia diante da Comisión Europea do que está a acontecer coa xestión dos RSU no Morrazo polo flagrante incumprimento da Directiva 2008/98/CE, do Parlamento, Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008, sobre os resíduos, e dos negativos efectos que isto está a significar para o medio ambiente e a saúde das persoas, lembrando que a media estatal da reutilización e a reciclaxe non sobe do 35%, claramente por debaixo do 50 % que obrigaba esa Directiva co prazo límite fixado no ano pasado e polo que o estado español está denunciado e mesmo advertido cun ultimatum pola propia Comsión Europea para que cumpra coas súas obrigas.

Adxuntamos fotografías do vertedoiro incontrolado en terreos competencia da Xunta de Galicia e do vertedoiro do propio Concello de Moaña no Casal (Moaña) e exemplos do mal funcionamento da xestión de resíduos a nivel comarcal.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s