Roteiro pola protección dos petróglifos da Carrasca e Champás

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 23 de outubro un roteiro para dar a coñecer a importancia paisaxística, ambiental e cultural da contorna dos petróglifos da Carrasca e Champás, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais e patrimonial, na parroquia de San Xián, no concello de Marín.

O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá ás 16:30 h. da tarde da área recreativa do Pornedo, para chegar ás 20 h. ao mesmo lugar.

O percorrido, de 7 kilómetros e dificultade Baixa, transcorrerá por viais forestais, camiños e corredoiras polos lugares da Cachada, A Fontenla, As Presas, A Lagoa, Os Bustos, A Senra, Os Campos, O Mazadoiro, As Cachadas, As Chans, A Carballa, A Cachada Grande, Champás, A Carrasca, As Cachadas, O Mazadoiro, Os Campos, A Senra, Os Bustos, A Lagoa, O Pumar, Os Sete Camiños, O Carballo, alto do Pornedo e A Cachada.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-0019 Marín-Figueirido até chegar ao nudo da variante de Marín VG-4.4 preto de Pena e Caeiro onde, atravesándoa, a uns 50 metros, o atoparemos á beira da estrada.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Os petróglifos prehistóricos da Carrasca e Champás están formados por unhas trece estacións distintas de pedras -dez dos petróglifos da Carrasca e tres dos petróglifos de Champás- con gravados rupestres ao ar libre e representan unha das áreas con maior densidade da península do Morrazo. Os seus motivos son variados e van desde os de tipoloxía xeométrica -círculos concéntricos, coviñas, liñas, apéndices, reticulados- ata os de tipoloxía naturalista -zoomorfos, esbozos de armas-.

Algúns destes petróglifos foron descubertos a mediados do século pasado polo investigador marinense Carlos Paratcha e o pontevedrés Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Outros foron descubertos posteriormente nos últimos anos por afeccionados á arqueoloxía. Declarados no 1974 Monumento Histórico Artístico Nacional a nivel estatal, na actualidade teñen a catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC), a maior figura de protección cultural a nivel autonómico.

A súa adscripción cultural está datada na Idade do Bronce, máis concretamente no Bronce Inicial, hai ao redor de 4.000 anos de antiguidade. Os seus gravados, realizados na pedra mediante a técnica da percusión están clasificados dentro do denominado Grupo Galaico de Arte Rupestre e con reminiscencias atlánticas. O seu significado, malia que aínda é bastante incerto, está relacionado basicamente coa aparición dos metais como recurso. Primeiro o cobre e despois o bronce como aleación do cobre co estaño, que supuxeron unha maior xerarquización entre as sociedades humanas. Todo isto mesturado cun ritual relixioso baseado no simbolismo do sobrenatural e a interpretación máxica dos distintos elementos da natureza, do ciclo vital e do cosmos máis o dominio da propia xeografía a través do territorio.

Tras a aparición dos metáis, que substitúen a pedra e a madeira utilizados no neolítico como materiais máis recurridos, apareceu tamén o invento do arado que supuxo que se comezase a baixar das terras altas para arar e cultivar nas terras máis profundas e fértiles dos fondos dos vales. Neste caso os da conca do rego Lameira e dos seus afluentes do rego de Castiñeiras e do rego da Agrela, algo que se sabe polos pequenos asentamentos humanos da mesma época, no intervalo entre o Calcolítico e a Idade do Bronce, que foron descubertos nas súas proximidades, como o xacemento das Regueiras ou o achado do muíño navicular de Pelagartos. Os petróglifos adoitan estar presentes ao redor destes asentamentos que non eran fixos senón itinerantes e feitos con materiais perecedeiros -madeira, vexetais,coiro-.

A estes petroglifos, da Carrasca e Champás, sumánselle na mesma parroquia de San Xián, os petróglifos do Pornedo e Sete Camiños, tamén con motivos variados na súa tipoloxía. Estes petroglifos foron incluídos a finais da década pasada no proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, xunto con outras estacións rupestres e mámoas neolíticas integradas nas parroquias de Salcedo e Lourizán, pertencentes ao concello de Pontevedra.

Polo outro extremo, preto dos petróglifos da Carrasca e Champás situados a máis de 300 metros sobre o nivel do mar, tamén se atopa Chan de Castiñeiras, onde tamén a finais da década se proxectou a Ruta das Mámoas do Morrazo xunto coas de Outeiro de Ombra, Chan da Armada, Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña.

Os petróglifos da Carrasca e Champás, malia seren Ben de Interese Cultural, non foron postas en valor, o que supón unha discriminación cara aos propios petroglifos e que ademais descontextualiza as restantes valorizacións arqueolóxicas feitas no Morrazo.

Ademais da adscripción prehistórica, tamén ten a histórica coa existencia de pedras con gravados cruciformes, en forma de dobre brazo, o que reflicte a importancia que estas terras tiñan, a través de foros e rendas, a partir do Medievo e durante o Antigo Réxime, onde a parroquia de San Xián, ao igual que a parroquia actual de Santa María do Porto de Marín, estaban integrados na xurisdición do Couto baixo o priorato dos monxes de Oseira. Tamén están os gravados de José Meijón, persoeiro marinense que ao longo de boa parte da súa vida, entre os anos vinte e os setenta do século pasado, deixou tamén gravados da súa particular impronta.

Esa importancia produtiva, social e económica como recurso que tiñan estas terras no pasado e que proviñan da prehistoria, tamén o reflexa a nivel histórico a rica microtoponimia existente. Unha maioría referente á presenza e o uso da auga -A Fontenla, As Presas, A Lagoa, A Barcia, O Corguiño-, da roturación da terra -A Cachada, As Cachadas, A Cachada Grande-, a xestión da matogueira -O Pornedo, A Carrasca, A Carqueixa-, á dos tipos de terra de cultivo e os seus usos -Os Campos, A Senra, A Seara, As Champás, O Pumar, O Mazadoiro- onde se cultivaban cereais, liño e mesmo froiteiras como a mazá, se mazaba o liño ou se mantiñan os prados, e tamén con respecto ao uso das terras para a gandeiría extensiva -Os Bustos, A Cortella-. Por outra banda tamén está a referencia á importancia das árbores e dos bosques a través da súa madeira, os seus froitos e a súa biomasa, en especial do carballo -O Carballo, A Carballa, Carballás, O Carballal-.

A pedra tamén foi outro dos recursos que se aproveitaron con pequenas canteiras de granito destinadas a fornecer de material á construción de todo tipo de edificacións nos lugares da parroquia mais tamén dos muros das parcelas nos montes, onde sobreasae tamén a utilización a nivel local do xisto presente na zona a través do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra, e do que tamén parecen dar testemuña os topónimos O Casqueiro e O Cargueiro á parte da súa relación cos topónimos A Pena ou A Serra.

Na actualidade esta área aínda conserva algúns destes usos tradicionais, como por exemplo no Pornedo, A Fontenla ou As Presas. A súa importancia vén dada ademais de polo uso social e económico a nivel agroforestal, pola súa paisaxe e medio natural propio do monte baixo que acolle hábitats de interese comunitario das breixeiras secas europeas, da vexetación casmofítica con presenza da xesta e o toxo e rechedais silíceos con vexetación pioneira. Todo isto xunto cunha flora e fauna silvestre de interese con varias especies a protexer pola súa vulnerabilidade segundo a lexislación europea. Por outra banda tamén están as áreas de ribeira como as dos regos do Pornedo, das Presas e da Agrela, que representan hábitats naturais prioritarios de brañas e bosque aluvial a protexer ou as áreas onde está a crecer de xeito climácico a carballeira que representa así mesmo outro hábitat de interese comunitario a nivel europeo.

Desde mediados do século pasado e sobre todo nas últimas décadas está a producirse un progresivo abandono dos usos tradicionais agroforestal e gandeiro e a súa substitución polo uso exclusivamente forestal. O abuso dos monocultivos forestais con piñeiros e eucaliptos está a mudar radicalmente e afectar moi negativamente a paisaxe, o medio natural e a súa biodiversidade e tamén o patrimonio cultural e arqueolóxico. A isto hai que lle sumar as cortas abusivas e a matarrasa, a permanencia da biomasa seca no chan, a apertura de novas pistas forestais e o carácter pirófito destas dúas especies, xunto coa matogueira alta como ameaza propagadora dos lumes forestais.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna ambiental e cultural dos petróglifos da Carrasca e Champás, á parte dos monocultivos forestais e a eucaliptización, foron a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, e o abandono xeral e a degradación do patrimonio natural, forestal, cultural e arqueolóxico.

As principais ameazas no futuro son a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) coa proxección de varias localizacións alternativas de aeroxeradores polos cumes dos altos da Encavada, A Graña e Castiñeiras na proximidade.

Por outra banda temos que agradecerlle á Asociación Defende o Monte Pituco a súa incansable loita porque conseguíu botar abaixo a través nos xulgados o proxecto do parque empresarial de ao redor de 332.000 m2 de superficie que o Concello de Marín, en colaboración coa Xunta de Galiza, pretendía construír no Monte Pornedo.

En marzo de 2012 desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitámoslle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo recollese segundo as antigas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra os espazos naturais dos Montes do Morrazo que acolle a totalidade da contorna dos petróglifos da Carrasca e de Champás, máis o do Carballal de Coiro e outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

En agosto do 2016 tamén lle solicitamos á Xunta de Galiza a Área de Especial Importancia Paisaxística para os espazos comprendidos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e dentro del os correspondentes ao espazo natural dos Montes do Morrazo, máis os Lugares de Especial Importancia Paisaxística para os altos do Pornedo, Encavada, Outeiro da Graña e Castiñeiras, a incluír dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

No ano 2017, a denuncia administrativa e pública da afección precisamente dun dos petróglifos da Carrasca con maquinaria pesada por unhas obras de desbroce forestal por parte da comunidade de montes da parroquia, foi o desencadeante final para que o Concello de Marín, baixo aprobación plenaria, se comprometese a elaborar un plan de protección do patrimonio arqueolóxico a nivel municipal. Mais este, falto de contido e sen un cronograma real e efectivo de actuacións, investimentos e prazos, derivou lamentablemente desde aquela nunha desatención aínda maior por parte do concello con respecto dunha maioría do seu amplo e variado patrimonio cultural e arqueolóxico, entre eles os propios gravados rupestres dos petróglifos da Carrasca e Champás.

Con este roteiro, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, á parte de informar e divulgar, reivindicamos a protección real e a necesaria valorización cultural e ambiental dos petróglifos da Carrasca e Champás, e o seu enlace entre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Roteiro das Mámoas do Morrazo.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s