Luita Verde denuncia novas verteduras de resíduos na área de protección do petrólifo das Abelaires en Cangas

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou no rexistro senllos escritos dirixidos á xefatura territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ao Concello de Cangas, denunciando que na parroquia de Aldán, concello de Cangas, no exterior do punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, produciuse unha vertedura incontrolada de entullos de obra -mobiliario de madeira, láminas e tuberías sintéticas, restos de electrodomésticos,…- que está a obstaculizar o vial forestal anexo integrado dentro do GR-59 do Sendeiro de Longo Percorrido do Morrazo e do Sendeiro de Curto Percorrido da Serra da Madalena.

E que dita vertedura está a escasos metros das rochas cos gravados rupestres, afectando a contorna da área de protección do Ben de Interese Cultural (BIC) do petróglifo das Abelaires (GA36008025), integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas.

Lembroulles que xa teñen sucedido outras afeccións e feitos similares no pasado con respecto a este lugar e área de protección deste xacemento, denunciados así mesmo por este colectivo, a última en marzo deste ano 2021.

Polo exposto Luita Verde solicitoulle a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador á autoría e que se proceda á retirada e eliminación inmediata da vertedura incontrolada, tendo en conta ademais que está ubicada ao carón do punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Tamén lle solicitou un maior control e mellor funcionamento das instalacións do dito punto limpo para que non se repitan as verteduras no seu exterior.

Luita Verde salienta que este punto limpo, no límite entre os concellos de Cangas e Bueu, á parte de ter os horarios de atención ao público moi restrinxidos, está en solo forestal, alonxado dos principais núcleos de poboación da comarca e claramente insuficiente para acoller os residuos inertes e voluminosos xerados entre a poboación residente nos concellos de Cangas, Bueu e Moaña.

Por outra banda, a maioría das afeccións ambientais, principalmente verteduras incontroladas de residuos, sufridas pola área de protección do petróglifo das Abelaires nos últimos quince anos, son a partir de que o dito punto limpo, anteriormente de titularidade do Concello de Cangas, se instalou no lugar, onde a súa propia construcción supuxo ademais unha seria afección á contorna da área de protección de dito xacemento.

O petróglifo prehistórico das Abelaires, adscrito culturalmente na Idade do Bronce, con grande concentración de combinacións circulares, coviñas e outros motivos abstractos de distinta tipoloxía, malia ser posto en valor hai dous anos pola empresa Árbore Arqueoloxía por encargo da Deputación de Pontevedra e do Concello de Cangas, despois de décadas de abandono e degradación, xa comeza a acusar de novo o abandono por falta de mantemento e limpeza da súa contorna, mais a súa principal problemática segue a ser a presenza do punto limpo ao seu carón, a mala xestión dos residuos a nivel comarcal e a neglixencia das verteduras incontroladas, na maioría das veces clasificadas como anónimas xa que ao final non sole coñercese a súa autoría.

Luita Verde só espera que desta vez a vertedura denunciada sexa retirada realmente de inmediato polo Concello de Cangas e non suceda como a vertedura denunciada o pasado 12 de marzo, onde tivo que transcorrer un mes para que o dito Concello, tralo requirimento da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, comezara a adoitar as medidas para garantir a preservación dos valores culturais dos ben protexidos obxecto da denuncia.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s