Vencemos!!! Retírase definitivamente o proxecto de parque eólico de Pedras Negras no Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo congratúlase de que despois de dez anos de loita coñezamos, aínda que sexa polos medios da prensa, que por fin desaparece definitivamente o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, promovido pola empresa multinacional Enel Green Power España. Un parque eólico que ameazaba con alterar e degradar grave e irreversiblemente a paisaxe e o medio natural, dentro das áreas de maior altitude da península morracense, en solo rústico de protección de espazos naturais pertencente aos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, e protexido segundo as antigas normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra.

Lamentamos e consideramos unha auténtica falta de respecto cara a maioría da poboación do Morrazo que se opuxo ao longo deste once anos ao proxecto do parque eólico, ternos que enterar pola prensa da decisión da empresa no ano 2019, e da posterior resolución o 20 de xullo do 2020 por parte da Xunta de desestimar o proxecto. Calquera goberno cun mínimo de decencia e conciencia democrática tería informado de xeito oficial a aqueles colectivos e persoas que presentaron alegación ao proxecto.

Polo tanto agora só esperamos que a Xunta de Galiza a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, non se esconda e responda de xeito formal e administrativamente aos centos de alegacións presentadas ao proxecto por parte de colectivos e veciñanza, incluída as desta Plataforma, nos rexistros públicos dentro do periodo de exposición e información do proxecto, entre os meses de xaneiro e febreiro de 2013.

Esta actitude reflicte moi ben a connivencia coa que actuou neste caso e actúa noutros moitos o goberno da Xunta cos intereses empresariais das multinacionais. Bailando ao son que lle marcaba a empresa adxudicataria sen ter en conta en ningún momento a protección e a conservación da paisaxe e do medio que se podía ver afectado polo proxecto. Unha zona de alto valor paisaxístico e ambiental con diferentes tipos de hábitats prioritarios e comunitarios e fauna e flora salvaxe. E un espazo de importancia xeolóxica, hidrolóxica, edáfica, arqueolóxica, social e económica tal e como expusemos ao longo destes once anos de loita.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos agradecerlle a colaboración das numerosas persoas e colectivos do Morrazo e da contorna, aos distintos especialistas do mundo académico e universitario que ao longo destes once anos de loita nos botaron unha man e nos deron a coñecer detalles sobre os parques eólicos que descoñeciamos, e tamén ás persoas que nos acompañaron en cada unha das manifestacións, roteiros, charlas ou actividades de concienciación e reivindicación para protexer e conservar o espazo ameazado.

Por último, queremos manifestar e aclarar que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo non está en contra da enerxía eólica, senón que estamos en contra do seu modelo de implantación que supón un gorentoso negocio para as empresas enerxéticas e unha catástrofe para o medio e a paisaxe.

Un modelo de produción de enerxía eólica descentralizado que xirase ao redor das necesidades do pobo e non dos intereses das grandes enerxéticas e que estivese baseado no aproveitamento local e comunitario da enerxía, que non requira de grandes instalacións destinadas a producir enerxía para grandes núcleos de poboación moi afastados do lugar onde esta se xera, sería moito máis respectuoso co medio e a paisaxe. Mais cómpre por outra banda tamén un modelo de consumo baseado na redución e no aforro e eficiencia enerxéticas.

Para alén disto, Galiza non pode acoller máis parques eólicos dentro do seu territorio polo grande e irreversible impacto xerado xa nas áreas de maior potencial eólico, incluída a Rede Natura, dentro dunha Comunidade Autónoma excedente en produción de electricidade e onde unha grande parte é exportada fóra desta.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s