A pantasma doutro parque eólico ameaza os montes do Morrazo. Non á Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo!!!

Menos dunha semana despois da nova publicada nos medio de comunicación de que o proxecto do parque eólico de Pedras Negras, no Morrazo, fora desestimado pola empresa que o promovía, Enel Green Power España, escoitanse rumores de que outra empresa, desta volta ACS, pretende instalar en monte comunal e particular un parque eólico entre as parroquias de Ermelo, Cela (en Bueu) e Ardán (Marín).

Unha vez máis con medias verdades e mentiras pretenden, a golpe de talonario, convencer a comuneir@s e propietari@s particulares das vantaxes que ten instalar aeroxeradores nos seus terreos. Uns aeroxeradores que como xa dixemos no caso de Pedras Negras van producir un forte impacto ambiental, cultural e paisaxístico no territorio e que con toda probalilidade teñan que ver coas localizacións alternativas contempladas na área de desenvolvemento eólica (ADE) do Morrazo xunto coas proxectadas e finalmente desestimadas no parque eólico de Pedras Negras.

A ADE do Morrazo está formada por unha superficie, en forma de triángulo, que abrangue unhas 4300 has. de territorio nos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Moaña e Bueu. Ademais dos 14 aeroxeradores proxectados do parque eólico de Pedras Negras, agora desbotado, existen outras 21 localizacións alternativas que non puideron entrar dentro dese proxecto de parque eólico porque a lexislación autonómica non permite pasar os 50 MW de potencia nos parques da súa competencia.

Estas 21 localizacións alternativas estarían situadas nas áreas naturais dos altos da Encavada, Outeiro da Graña, Castiñeiras, Coto Redondo, Monte das Barreiras, Outeiro dos Asubións, O Picoto, A Cavada, Chan de Xestoso, Monte Formigoso, Monte Sobreira, Monte Furcos, Agudelo-Monte de San Lourenzo, Chan das Bolas, Monte do Grilo, Monte da Paralaia, Outeiro da Paralaia e Chans de Ermelo. Xunto cos 14 aeroxeradores do parque eólico de Pedras Negras, agora desbotado, acolle todas as cotas entre os 400 e 600 metros sobre o nivel do mar, afectando de xeito dramático toda a paisaxe da península do Morrazo.

As afeccións da instalación dun parque, sexa cal for o seu tamaño, serían similares ás proxectadas con respecto ao parque eólico de Pedras Negras, cun grande impacto paisaxístico, ambiental, cultural e arqueolóxico pola construción de pistas de acceso dun mínimo de 6 metros de anchura e ampliación doutras xa existentes. Hai que ter en conta ademais que a plataforma onde se montaría cada un dos aeroxeradores tería o tamaño dun campo de fútbol co conseguinte desmonte, movemento de terras, afección do solo e o subsolo, acuíferos, e perda de hábitats que iso implica. O tamaño dos propios aeroxeradores, de máis de 100 metros de fuste e 100 metros de pás, á parte do grande impacto visual e acústico na paisaxe, afectaría a fauna como paxaros e morcegos incrementado a súa mortandade por colisións, non permitiría a plantación de arborado e impediría actividades recreativas como o parapente. Finalmente estaría tamén a necesidade de construción de gabias e dunha subestación eléctrica para a transformación e distribución da enerxía xerada, co que iso implica tamén de impacto no medio natural.

Tan só cos montes de Ermelo, Cela e Ardán, entre os concellos de Bueu e Marín e no límite co concello de Moaña, onde poderían instalarse ao redor de 8 muíños, resultarían afectadas as concas altas dos regos Bouzós, do Inferno, da Pena e das Gorgadas, con hábitats naturais prioritarios e comunitarios e fauna e flora endémica e vulnerable, dentro solo rústico de protección de espazos naturais segundo os PXOM de Bueu e Marín, correspondente aos espazos naturais da Carballeira de Coiro e dos Montes do Morrazo segundo as antigas normas subsidiarias e complementarias de planeamento da provincia de Pontevedra.

Resultarían tamén afectadas as contornas de protección das mámoas de Paralaia, Chan da Paralaia, Chan das Bolas e Forno das Arcas, dos espazos de interese xeolóxico e paisaxístico dos altos da Paralaia, Agudelo e o Monte de San Lourenzo. Veriase tamén afectada a contorna por onde transcorre o GR-59 do sendeiro de grande percorrido do Morrazo e os sendeiros de curto percorrido de Ermelo e de Chans de Cela e o de bicicleta de montaña do concello de Marín.

Outras afeccións que provocarían os aeroxeradores serían as acústicas e visuais con varios núcleos rurais nas súas proximidades -Ermelo, Broullón, A Paradela, Pastoriza, A Fraga-. Lugares que ademais xa están ameazados polo proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira, promovido pola Agrupación de Empresarios de Moaña e incluído no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galiza e tamén na área anexa de Pastoriza, onde o Concello de Marín planificou hai anos construír o seu parque empresarial.

A área de desenvolvemento eólica (ADE) do Morrazo, anteriormente área de investigación e adxudicada inicialmente á empresa ENDESA, está integrada desde o ano 1997 no Plan Sectorial Eólico de Galiza. O Plan Sectorial Eólico Galego, aprobado pola Xunta de Galiza no ano 1997 e modificado posteriormente no ano 2002, ademais de inexistente xuridicamente (foi aprobado pero non foi publicado o seu texto integramente), tampouco foi sometido á correspondente Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) segundo a Lei 9/2006 sobre a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, trasposición á lei estatal da Directiva 2001/42/CE do Parlamento e do Consello da Unión Europea. Xa que logo, na actualidade ademais de ser unha planificación ilegal, resulta totalmente obsoleta.

A aprobación da Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, coñecida popularmente como “Lei da depredación”, por parte da Xunta acelerou e simplificou algúns procedementos como os requeridos polos parques eólicos, aos que acurtou o prazo para presentar alegacións e suprimiu a obrigatoriedade de xustificar os procesos de expropiación das terras a través da cualificación de “utilidade pública” destas.

Con esta mesma lei promoveu a modificación da disposición transitoria segunda da Lei 8/2009, que regula o aproveitamento eólico en Galiza. Esta modificación de dita Lei xunto coa recente a través da Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de reactivación económica que permitiu cambiar así mesmo o seu artigo 6.4, posibilita por engadido a proxección dos parques eólicos fóra das propias áreas de desenvolvemento eólicas en solo rústico sen protección.

Outra táctica empregada tanto pola Xunta en connivencia coas promotoras dos parques é fraccionalos para evitar a correspondente avaliación de impacto que legalmente deberan realizar para o seu conxunto.

Na actualidade ao redor do 88% do territorio galego non conta con ningunha figura de protección ambiental propiamente dita. Só ao redor do 12% figura dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e a Rede Natura. No Morrazo esta protección non chega nin ao 5% do seu territorio -Costa da Vela, Cabo Udra e Enseada de San Simón-, e na súa maioría corresponde co mar. O que se traduce en que o territorio galego, e dentro del O Morrazo, está a ser facilmente albo da especulación urbanística, industrial e, no caso que nos atinxe neste momento, da eólica, pola falta de protección. Un fiel reflexo da connivencia do goberno da Xunta cos intereses das multinacionais que priman máis os seus intereses económicos que os ambientais que ao cabo nos afectan a tod@s.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo rexeita a proxección de calquera novo parque eólico nos montes do Morrazo e esixe a retirada da ADE do Morrazo, como xa se solicitou no seu momento en moitas das alegacións entregadas e mocións presentadas aos concellos do Morrazo, entre 2012 e 2013, co gallo da información pública do proxecto do parque eólico de Pedras Negras.

Para a Plataforma non se pode permitir a construción de máis parques eólicos nin a industrialización dos nosos montes por seren claramente insustentábeis ao implicar un impacto moi grande e irreversible no territorio. Alén disto, producimos xa máis electricidade da que consumimos e malia isto, estamos a sufrir unha nova burbulla eólica coa escusa da mal chamada transición ecolóxica que ameaza a boa parte do territorio que se salvou da primeira vaga eólica nos anos 90 e principios do 2000, que ocupou e mesmo sacrificou ambientalmente as áreas de maior potencial eólico como son a Mariña luguesa, a Costa da Morte e a Dorsal Galega.

A Plataforma avoga por outro modelo de implantación, tanto da enerxía eólica como tamén da solar, a nivel local, comunitaria, libre de monopolios empresariais e baseado en instalacións a pequena escala fóra dos espazos naturais, preto dos núcleos de poboación ou nas propias edificacións. Un modelo que comportaría a democratización da produción e consumo de electricidade e que habería que combinar co decrecemento e a necesaria concienciación social para reducir, aforrar e ser máis eficientes no noso consumo, se queremos ser verdadeiramente sustentables e adaptarnos ante os retos da mudanza climática e o quecemento global das temperaturas.

A falta de información oficial o único que sabemos é que houbo unha xuntanza que houbo na comunidade de montes de Ardán cun enxeñeiro da empresa promotora, pero de se facer oficial o proxecto e continuar a súa tramitación, esta plataforma anuncia novas mobilizacións no futuro como xa fixo durante a década pasada para parar o proxecto de parque eólico de Pedras Negras.

 Deixamos debaixo fotografías da contorna das áreas afectadas por posibles localizacións de aeroxeradores nos montes de Ermelo, Cela e Ardán.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s