Unha vez que se fixo oficial, coas declaracións na prensa do presidente da Comunidade de Montes de Ardán, o interese da empresa ACS de impulsar entre Marín e Bueu un parque eólico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cree que é fundamental a presión social para botar abaixo este novo proxecto e a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo.
Por iso, ademais das actividades que faga a plataforma que se constitúa coa veciñanza e colectivos do Morrazo contra ese novo parque eólico que se está a xestar, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vai comezar unha campaña contra esta ADE do Morrazo para que desapareza oficial e definitivamente da planificación autonómica da Xunta de Galiza.
Esta ADE foi incluída no ano 1997 no Plan Sectorial Eólico de Galiza. Un plan especulador e obsoleto que carece da correspondente cobertura xurídica por non se ter publicitado integramente e que non pasar a correspondente avaliación ambiental estratéxica no seu conxunto, segundo a lexislación europea e estatal.
Esta ADE ten a forma dun triángulo e abrangue unhas 4.300 hectáreas no territorio dos concellos de Pontevedra, Marín, Vilaboa, Moaña e Bueu. Nela estaban incluídos os 14 aeroxeradores, pistas de acceso e subestación eléctrica do agora desestimado parque eólico de Pedras Negras. Os 11 aeroxeradores do proxecto que se está a xestar nas parroquias de Santo Tomé de Piñeiro e Ardán, en Marín, e Cela e Ermelo, en Bueu, forman tamén parte desta ADE. E aínda quedarían 10 localizacións para outros tantos aeroxeradores nas parroquias de Cobres e Vilaboa, no concello de Vilaboa, e na parroquia de San Xián, no concello de Marín.
Independentemente de que se organice a veciñanza para loitar cada vez que xurda un novo proxecto de parque eólico como está a suceder, para esta plataforma o que hai que tumbar é a ADE do Morrazo no seu conxunto ao ser esta a planificación superior que deu cobertura no pasado ao parque eólico de Pedras Negras, a que está a dar cobertura na actualidade a este novo parque eólico entre Marín e Bueu, e a que podería dar cobertura a outros no futuro. Unha ADE que está a ameazar no seu conxunto a maioría do territorio do Morrazo nas cotas entre os 400 e 600 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Unha ameaza, a eólica, que se suma ao proxecto de parque industrial na Cruz da Maceira – no concello de Moaña no límite co de Marín – aprobado pola xunta dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas empresariais de Galiza, e o futurible parque industrial na Pastoriza, na parroquia de Ardán, promovido na proximidade co da Cruz da Maceira polo concello de Marín, que provocarían unha auténtica desfeita paisaxística e ambiental no seu conxunto – parque eólico e parques empresariais – nas concas altas dos ríos da Fraga, das Gorgadas e da Pena, no caso dos parques empresariais, e desde os altos do Outeiro da Carballosa e do Agudelo ata os da Paralaia e as Chans de Ermelo, entre os concellos de Marín e de Bueu e limítrofe co de Moaña, afectando ás concas altas dos ríos da Pena, do Inferno, Bouzós e Frade, no caso do novo parque eólico, á parte da afección de hábitats naturais prioritarios e comunitarios, fauna e flora salvaxe, e patrimonio cultural e arqueolóxico.
Como curiosidade, cómpre dicir que resulta un tanto estraño que sendo desde o ano 1997 a adxudicataria da ADE do Morrazo a empresa Endesa, agora xusto unha construtora como ACS sexa a que tente impulsar xusto un parque eólico no Morrazo.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo está en contra da proxección de novos parques eólicos e empresariais e tamén da forestalización, ou sexa, contra a industrialización dos nosos montes, e como alternativa esixe a derogación do Plan Sectorial Eólico de Galiza, a retirada da Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo, a repotenciación e modernización dos parques eólicos xa construídos, a conexión das enerxías renovables, eólica e solar, con proxectos a pequena escala fóra dos espazos naturais, na proximidade e dentro dos propios núcleos de poboación, e libre de monopolios empresariais.
Galiza é un territorio excedente en produción de electricidade, onde unha boa parte da enerxía xerara, incluída a eólica, se exporta e mesmo se perde polo camiño cara á outras comunidades autónomas e as áreas con maior potencial eólico a nivel galego – Mariña luguesa, Costa da Morte, Dorsal Galega – xa foron ocupadas e mesmo sacrificadas ambientalmente, polo que non cómpre a construcción de máis parques eólicos se queremos ser verdadeiramente sustentables.
Alén disto cómpre concienciármonos de que é necesario o decrecemento, a redución, o aforro e a eficiencia do consumo enerxético. Así como tomar conciencia de que tampouco se pode especular máis co territorio e se teñen que cubrir na súa totalidade os parques empresariais e industriais construídos nas dúas últimas décadas na provincia, moitos deles coas parcelas baleiras e sen ocupar. Como tampouco se pode seguir coa extensión dos monocultivos forestais nin a eucaliptización, senón apostar pola multifuncionalidade dos recursos e a recuperación e a efectiva protección dos nosos espazos naturais.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, dentro do seu costume de organizar un roteiro cada mes para informar e divulgar sobres os valores paisaxísticos, ambientais e culturais dos distintos espazos naturais morrecenses, vai adicar dentro da campaña contra a ADE do Morrazo os dous vindeiros roteiros aos espazos afectados e ameazados polo novo parque eólico, o sábado 27 de novembro con saída e chegada na área recreativa de Chans de Cela e subida ata os altos de Outeiro da Carballosa e Agudelo e o sábado 18 de decembro, con saída desde o núcleo rural de Ermelo, e subida ata os altos da Paralaia e Chans de Ermelo.
Deixar unha resposta