Arquivos diarios: Novembro 24, 2021

A Comunidade de Montes de Cela prohíbelle á PDMM o roteiro contra a ADE do Morrazo e pola protección dos montes de Cela e Ardán

A directiva da Comunidade de Montes en Man Común de Cela prohíbenos á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo realizar o roteiro que tiñamos previsto para este sábado 27 de novembro contra a ADE do Morrazo e dentro dela o novo proxecto de parque eólico que se está a xestar entre as parroquias de Ardán, Cela e Ermelo.

A directiva da comunidade de montes de Cela enviounos o sábado 19 de novembro un correo electrónico á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, no que se nos informaba de que, en base ao artigo 88 da Lei 7/2012 de Montes de Galiza, non estabamos autorizados a percorrer os montes da súa propiedade comunal na andaina programada para este sábado 27 de novembro, instándonos sen máis motivos ou argumentos a desconvocala e ameazándonos de que no caso de se levar a cabo poriano en coñecemento das autoridades e adoptarían as medidas que estimasen oportunas.

Con posterioridade, o luns 21 de novembro, volveu enviarnos outro correo á PDMM mais tamén a Luita Verde, colectivo ecoloxista que fai parte da plataforma, insistindo en que a desconvocaramos a andaina e deixando caer por engadido que a comunidade de montes de Ardán, coa que se puxeran en contacto, tampouco tiña permiso para andar polos seus montes, dicíndonos ademais que era “polo ben de todo participante de dito roteiro e para que non se sinta enganado pola organización de dito evento”.

O roteiro programado para o sábado 27 tiña a súa saída na área recreativa de Chans de Cela, propiedade da comunidade de montes e cun convenio de colaboración en vigor co concello de Bueu. O seu percorrido transcorrería por vías forestais, camiños e corredoiras das parroquias de Cela e Ardán, parte del polo mesmo sendeiro municipal de curto percorrido de Chans, para dar a coñecer a importancia paisaxística, ambiental e cultural desta contorna que podería estar afectada de xeito máis ou menos directo polo proxecto de parque eólico que está a impulsar a empresa ACS.

Despois dunha década de existencia da plataforma e máis de medio centenar de roteiros realizados por toda a comarca nunca lle pasara á PDMM que unha comunidade de montes lle prohibira o paso nos seus roteiros, incluídos os que no seu momento, entre os anos 2012 e 2013, se realizaron contra do parque eólico de Pedras Negras. Nin tan sequera esta mesma comunidade de montes nos prohibiu en novembro do ano 2014 a celebración doutro roteiro similar en parte ao que iamos realizar este sábado pola protección dos montes de Cela e Ardán. Nin tampouco se nos prohibíu o roteiro organizado en maio de 2016  pola protección de Outeiro da Carballosa e de Agudelo, que transcorría tamén por lugares onde se ía pasar no roteiro do vindeiro sábado.

Nunca tampouco no transcurso das nosas andainas a plataforma fixo un mal uso do monte nin causou ningún dano neste, nin houbo percances para as persoas que participaban. Máis ben todo o contrario. A PDMM deulle a coñecer á veciñanza a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que atesouran os montes da nosa comarca, denunciou verteduras de entullos e lixo, o mal estado dalgúns xacementos arqueolóxicos, as cortas indiscriminadas de arborado autóctono ou a eucaliptización, entre outras actividades perniciosas para a paisaxe e o medio, reclamando para el unha maior protección ambiental.

Por iso desde a plataforma non entendemos esta actitude e postura tomada agora pola comunidade de montes de Cela prohibíndonos andar polos montes da súa propiedade comunal, a non ser que se dese por aludida por algunha das denuncias públicas feitas por nós no pasado.

Preguntámonos que problema hai en que lle deamos a coñecer á veciñanza a importancia dos valores naturais e patrimoniais e da conservación dese espazo? Saben todas e todos os comuneiros de Cela que a súa directiva lle prohibe o paso a quen quere coñecer este espazo? Están de acordo con isto todas e todos os comuneiros?

Hai semanas que se sabe de xeito extraoficial que a empresa ACS quere impulsar un parque eólico nos montes das parroquias de Ardán, Cela e Ermelo –motivo da realización da andaina- do que pouco máis se sabe que o aparecido na prensa pois a comunidade de montes de Ardán non lle facilita a información que ten á veciñanza da parroquia. Tendo incluso que suspender unha asemblea convocada ás presas para votar a favor do parque eólico por incumprir as formas na convocatoria.

Semella, coa actitude amosada, que a directiva da comunidade de montes de Cela está nas mesmas coordenadas que a directiva de Ardán, e por iso pon atrancos a quen está manifestamente en contra da instalación dun parque eólico. Non lle interesa que a xente coñeza in situ o enorme impacto no territorio que implicaría a instalación dun parque eólico nos seus montes, na proximidade doutras parroquias limítrofes e de varios núcleos de poboación..

En calquera caso fica claro que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ao igual que o Colectivo Ecoloxista Luita Verde, non son organizacións benvidas pola directiva da comunidade de montes de Cela e dada a súa prohibición de paso desconvoca o roteiro programado para este sábado 27 de novembro. Ante a probabilidade de que isto volva suceder co segundo roteiro contra a ADE, previsto polos montes da parroquia de Ermelo para o sábado 18 de novembro, tamén desistimos de facelo.

Malia isto, e ao labor de quen pretende silenciarnos de xeito torticeiro coa coacción e se presta a esta operación especuladora, a PDMM seguirá opoñéndose frontalmente, sen ambigüidades nin localismos, e tendo como norte a defensa do patrimonio paisaxístico, ambiental e cultural por riba de calquera outro interese –sexa político, económico ou da propiedade privada- no seu labor de concienciación da veciñanza informándoa do pelotazo industrial que se está a tramar ao redor do novo parque eólico nos montes do Morrazo a costa do solo rústico de protección de espazos naturais, paisaxístico, forestal, de augas e patrimonial. A Plataforma advirte que hai que estar preparados ante a probabilidade de que este novo parque eólico poida tramitarse pola vía rápida a través da súa declaración de interese social e económica dada a grande especulación de solo eólico e empresarial existente.

Adxuntamos os gráficos coa situación da ADE do Morrazo, as áreas afectadas polos aeroxeradores segundo os distintos proxectos e as localizacións alternativas (Pedras Negras desestimado, novo parque eólico e un terceiro que aínda podería proxectarse), o parque empresarial aprobado pola Xunta no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galiza na Cruz da Maceira (Moaña) e o futurible da Pastoriza (Marín) ao seu carón deseñado na fase inicial do seu PXOM e úneca área entre varias que lle quedou ao final para desenvolver, máis a liña de alta tensión Lourizán-Cangas xa instalada polo medio e cruzando toda a área de desenvolvemento eólica.

Incluimos tamén o gráfico co percorrido e fotografías dalgunhas das áreas paisaxísticas, ambientais e naturais por onde iamos pasar neste roteiro agora desconvocado pola oposición da comunidade de montes de Cela onde, entre outros valores, están a importancia dos hábitats de interese comunitaria das carballeiras da Devesa Nova e da Telleira, dos hábitats naturais prioritarios de bosque de ribeira aluvial e de brañas das concas altas do rego das Gorgadas e do rego da Pena , e de especies salvaxes así mesmo de interese e vulnerables a protexer segundo os catálogos e anexos da lexislación autonómica, estatal e europea (saramaganta, rá patilonga, vacaloura, morcego rateiro forestal, gabeador azul, papuxa do mato, avenoiteira cincenta,…). Ou os xacementos arqueolóxicos, inventariados ou en proceso, catalogados ou por catalogar como patrimonio cultural de Galicia (mámoas de Forno das Arcas, Chan das Bolas, Rapadoiro e Chans de Cela), as ruínas da capela de San Lourenzo orixinaria do século XVII, e sen esquecer as extraordinarias panorámicas das Rías Baixas e dos montes do Morrazo desde os altos do Outeiro da Carballosa e Agudelo na área máis directamente ameazada polo parque eólico.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized