Arquivos mensuais: Decembro 2021

Os proxectos de investigación mineira nos montes do Morrazo

Se ben é certo que na actualidade, e por motivos obvios, os parques eólicos que pretenden impulsar nos montes do Morrazo tanto ACS como Aratel Energías Renovables está a xerar unha enorme preocupación na veciñanza da comarca, estes dous proxectos de parques eólicos non son as únicas ameazas a nivel paisaxístico, cultural, social, económico e ambiental para os nosos montes.

Concretamente, no mesmo espazo ou próximo á contorna no que Enel Green Power pretendeu instalar o parque eólico de Pedras Negras, e que agora Aratel retoma de xeito fraccionado – Pie Monte Xaxán e Pie San Lourenzo-, no espazo natural dos Montes do Morrazo, está ameazado tamén polos proxectos de investigación mineira cos nome de Os Pedrouzos – nos concellos de Vilaboa e Moaña- e Miñán – no concello de Marín-.

Todos estes proxectos, xunto cos dos polígonos industriais da Cruz da Maceira e Pastoriza, reflicten moi ben a grande especulación que se está a xerar coas planificacións que, a nivel autonómico, pretenden impoñer de xeito agresivo e insustentábel a actividade industrial no sólo rústico de protección de espazos naturais, forestal, de augas, patrimonial e incluso no solo rural da comarca.

O permiso de investigación mineira co nome de Pedrouzos e co número 3014 sería para extraer granito ornamental e consta de 14 cadrículas mineiras. Se temos en conta que cada cadrícula mineira ocuparía 25 has., a superficie total afectada sería unhas 330 has. entre as parroquias de Domaio (Moaña) e San Adrián de Cobres (Vilaboa). Véndose afectados os lugares de Outeiro do Corvo, Carqueixa, Os Pedrouzos, Chan da Lagoa, Serra Basil, Outeiro da Charamiza, Cavada do Carrasco, Cavada do Becho, Outeiro da Cavada dos Terróns, Outeiro da Carriza, Niño do Corvo, Montes de San Adrián e o núcleo rural de Curra. De se levar adiante este proxecto afectaría a conca de nacemento dos regos Libón e Miñouva que desembocan na praia do Almacén, do rego de Chan da Lagoa, afluente do Río Maior, e dos varios afluentes do rego das Canles que desembocan na praia de Pousada, dentro do Espazo Natural Protexido da Zona de Especial Conservación da Enseada de San Simón. Afectaría tamén a breixeira húmida atlántica, turbeira alta activa e bosques aluviais da Europa atemperada.

O permiso de investigación mineira co nome de Miñán co número 3071 tamén estaría destinado á extracción de granito ornamental constando de 9 cadrículas mineiras e, xa que logo, abranguería unha superficie de 225 has. dentro da parroquia de Santo Tomé de Piñeiro en Marín. Concretamente no núcleo rural de Miñán – daí o seu nome-  e nos lugares de Monte Porreiro, Tomadas Grandes, Chan da Armada, Chan de Fontesexa, Os Lagucheiros, Chan de Gagán, Monte Gagán, Monte Formigoso, Serra Domego e Corno Pineda. Como no caso anterior, tamén estaría afectada a conca de nacemento dun rego, neste caso o Neibó, co seu bosque aluvial e breixeira húmida atlántica, así como as brañas de Corno Pineda – incluída no Inventario Xeral dos Humidais de Galiza – e as carballeiras galaico-portuguesas da Chan de Gagán. Por outra banda estarían tamén afectadas as áreas de protección das mámoas de Chan de Fonteseca, de Lagucheiros e de Chan de Gagán.

Estes dous permisos de investigación mineira non son os únicos que existen. Na parte máis occidental da península do Morrazo, fronte á enseada de Liméns, aínda hai outro proxecto de investigación mineira para extraer tamén granito ornamental co nome de Despedrada e co número 2746. Este proxecto consta de 3 cadrículas mineiras que abranguen unha superficie de 75 has entre as parroquias de Darbo, Hío e Aldán no concello de Cangas, dentro de solo rústico de protección forestal. Afectando os Montes de Varalonga, entre a Pedra do Raio, as inmediacións do Outeiro da Raposa e o núcleo rural de Piñeiro, incluído o colexio Eduardo Pondal. Afecta tamén a conca de nacemento do rego do Pontillón, con bosque aluvial, brañas e carballeira galaico-portuguesa e a área de protección dos achados arqueolóxicos da Cova de Varalonga, da Pedra cabalgada e dos petróglifos de Outeiro da Gresiña, do Gorgullón e do Prado do Pazo. 

Todos estes permisos de investigación mineira están incluídos na orde do 7 de febreiro de 2013 coa que a Consellaría de Economía e Industria convocou un concurso público cos terreos francos resultantes da declaración de caducidade dos dereitos mineiros que correspondían á provincia de Pontevedra.

Estes proxectos baseanse no artigo 35 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galiza que establece que os terreos francos resultantes do levantamento dunha zona de reserva ou a declaración de caducidade dun permiso de exploración, un permiso de investigación ou unha concesión mineira poderán ser declarados rexistrables unha vez celebrado o necesario concurso público previsto na lexislación específica mineira. A devandita lexislación específica mineira está constituída pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e as súas modificacións posteriores, desenvolvida polo Regulamento xeral para o réxime da minaría aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto. O artigo 39 da Lei de minas sinala que o levantamento da reserva ou a caducidade do permiso de exploración, do permiso de investigación ou da concesión de explotación non lle outorgará ao terreo o carácter rexistrable ata que teña lugar un concurso público polo que se resolverá, conforme aos artigos 53 e 64, o outorgamento de permisos de investigación e concesións directas de explotación sobre os devanditos terreos.

A Consellería de Economía e Industria xustificaba daquela nesa Orde do 7 de febreiro de 2013 que desde o último concurso realizado na provincia de Pontevedra transcorreran máis de dez anos, o que producira que nese momento existira grande extensión de terreo franco non rexistrable nesta provincia e que por iso se facía necesario convocar un concurso público dos dereitos mineiros caducados desta provincia para “fomentar e dinamizar a minaría no noso territorio”. Se se consulta a cartografía da páxina dixital do Catastro Mineiro de Galicia comprobarase, premendo no apartado de Dereitos da Sección C por Estado, que estes tres permisos de investigación mineira están en Concurso e polo tanto seguen vixentes.

Á parte destes permisos de investigación mineira en concurso, no Morrazo tamén existen outros 4 permisos de investigación caducados, tamén para extracción de granito ornamental. Un dunha cadrícula mineira no lugar, incluído o núcleo rural de Gandón en Aldán (Cangas), outros dous con cadansúa cadrícula mineira na contorna do Monte Borrallido na parroquia de Beluso (Bueu) e limítrofe coa de Aldán (Cangas), e un cuarto de catro cadrículas mineiras, ou sexa de 100 has. de extensión que abrangue os núcleos rurais de Bon de Arriba e Bon de Abaixo ata o Monte Novo e grande parte da conca de ribeira do rego Nocedo, na parroquia de Beluso (Bueu), que se poden comprobar premendo no apartado da Sección C-Caducado da dita cartografía da páxina dixital do Catastro Mineiro de Galicia. E existen dúas concesións de explotación co nome de San Amaro. Unha de dúas cadrículas mineiras, ou sexa de 50 has., entre o monte Campelo e o Monte Borrallido entre as parroquias de Aldán (Cangas) e Beluso (Bueu), outorgada ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, e outra doutras dúas cadrículas mineiras, outras 50 has., outorgada á empresa Granitos Aldán S.A. desde o Monte Campelo ata os lugares de Peralta e Menduíña, tamén entre as parroquias de Aldán (Cangas) e Beluso (Bueu), que se poden comprobar premendo no Sector C-Concesión de Explotación Derivada.

Todos estes terreos dentro da planificación mineira entre estas dúas parroquias á parte de afectar solo rural, están dentro de solo rústico de espazos naturais, patrimonial – Achado do Monte Borrallido, Cistas de Gandón, xacemento calcolítico do Curral- e forestal segundo as vixentes normas subsidiarias de planeamento do concello de Cangas e de solo rústico de protección paisaxística, forestal, de augas, patrimonial – Ermida e conxunto arquitectónico relixioso e civil de San Amedio, Castro e aldea de Bon de Arriba, petróglifo das Casas Vellas, petróglifo das Cachopas, petróglifo do Camiño da Abilleira, muíños e lagos do rego Nocedo,…-  e agropecuario segundo o PXOM de Bueu, e limítrofes ou na proximidade coa Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido de Cabo Udra.

No pasado cometéronse extraccións ilegais, os distintos permisos de investigación mineira foron alegados pola colectividade social, ecoloxista e o propio monte comunal pola intromisión e a grave e irreversible afección paisaxística e ambiental que provocan as canteiras a ceo aberto no territorio, e a propia actividade extractiva está en entredito desde hai máis dunha década tras o estourido da burbulla construtora e inmobiliaria. 

O nivel de especulación nesta área, integrada en terreos especulados pola empresa inmobiliaria PROMALAR, incrementouse cando parte do territorio obxecto de varios destes permisos de investigación mineira, e outro dentro da conca de nacemento do rego Orxas, foi utilizado tamén para a proxección do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) como ampliación do parque empresarial de Bueu dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza , onde os 1.500.000 m2 planificados inicialmente a finais da década pasada quedaron finalmente reducidos a menos da mitade de superficie – 412.238,71 m2- repartidos ao redor do parque empresarial de Bueu polo Monte Borrallido, a conca de nacemento do rego Orxas e polo Monte das Bouzas, en terreos da empresa Granitos Aldán SA, como se pode comprobar premendo na páxina dixital do IGVS. A Xunta recoñeceu no seu momento que non había tanta demanda para tanta superficie e a que se está manexando na actualidade segue sendo excedente e impactante cando por outra banda o parque empresarial de Bueu, en Castiñeiras, na actualidade tampouco está cuberto na súa totalidade dentro das súas fases I e II.

En xuño de 2013, durante a fase de consulta da información pública do Documento de Inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG), a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á daquela Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) que se retirara este Documento de Inicio. Tamén se lle solicitou que se elaborara outra planificación baseada nos principios do decrecemento, da proximidade, da reutilización e reciclaxe de materia prima, e do uso racional dos recursos existentes fóra de espazos naturais protexidos e por protexer.  Por exemplo, a totalidade dos integrados no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza, creado polo Decreto 82/1989, entre eles os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, na península do Morrazo. Instouselle á consellaría a que mentres non existira esta planificación que se paralizara a tramitación de novas concesións mineiras e se deixaran sen efecto os concursos públicos de permisos de investigación convocados ese ano -os da Orde do 7 de febreiro de 2013-.

Ata hoxe a Xunta de Galiza non foi capaz de aprobar definitivamente un plan sectorial de incidencia supramunicipal que sirva como máximo instrumento de planificación da política mineira. A falta do correspondente Plan Sectorial de Actividades Extractivas e debidamente avaliado no seu conxunto, a propia Xunta incumpre cun dos seus principais cometidos da Lei 3/2008, de 23 de maio, de ordenación da minaría de Galiza que concretamente no seu artigo 1 establece que esa lei “ten por obxecto o desenvolvemento do réxime xurídico das actividades mineiras en Galiza en condicións de sustentabilidade e seguridade e promove un aproveitamento racional compatible coa protección do medio ambiente.”

Cómpre non esquecer tamén que o 20 de outubro de 2011 a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Economía e Industria, outorgoulle dous permisos de exploración de recursos xeotérmicos – Caldelas Norte e Caldelas Sur – á empresa Luancar Energy SL. Estes permisos constan de 2907 cadrículas, ou sexa 72.675 has., repartidas por boa parte da provincia de Pontevedra véndose a comarca do Morrazo tamén afectada. Se se consulta a cartografía da páxina dixital do Catastro Mineiro de Galicia comprobarase premendo na Sección D Permisos de Exploración que estes dous permisos de exploración xeotérmica están caducados e se dividen xusto no Morrazo entre os lugares de Pardavila (Marín) e A Graña (Vilaboa) e a proximidade da lagoa de Castiñeiras por medio.

A ameaza neste caso vén pola utilización do EGS ou sistema xeotérmico estimulado. Unha técnica o método que, desde os anos noventa, trata de aproveitar o calor interior da terra, extraendo a enerxía calorífica do subsolo, para xerar electricidade. Para mellorar a permeabilidade da rocha fracturada, estase a estudar a inxección de xeito artificial dun líquido que, baixo presión no subsolo, consiga fracturar as rochas e liberar o vapor de auga atrapado na terra, ou sexa, o método do “fracking”, cos efectos negativos que isto pode supor pola contaminación e xeración de movementos sísmicos.

Unha desas áreas galegas con máis potencial para a aplicación do método EGS, segundo o Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE) no seu estudo técnico PER 2011-2020 de Evaluación del Potencial de Energía Geotérmica, son as fracturas que limitan a denominada Fosa blastomilonítica ou Unidade de Malpica-Tui, unha longa franxa xeolóxica de terreo que atravesa o Oeste galaico, composta por metasedimentos con afloramentos de rocha metamórfica. No Morrazo, esta fractura coincide coa existencia dunha franxa na parte media-interior da península con abundancia de gneises de plaxioclasa, biotita e micaxistos –estes últimos en menor proporción- de baixa permeabilidade, dentro do denominado complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. Esa franxa atravesa o Morrazo de Norte a Sur, da ría de Pontevedra á de Vigo, desde Seixo e Marín (Marín) até Domaio (Moaña) e Santa Cristina e San Adrián de Cobres (Vilaboa), facendo o espazo natural dos Montes do Morrazo de enlace pola serra Domego e a serra Basil, entre os altos do Faro e Coto do Home. 

A empresa Luancar Energy SL e os seus permisos de exploración xeotérmica estaban afectados polo propio proxecto do parque eólico de Pedras Negras no territorio onde se pretendía implantar, entre as serras Basil e Domego, os 400 e os 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, e as rías de Vigo e Pontevedra. Que os permisos mineiros, tanto de exploración como de investigación, estean caducados non significa que estean desbotados e como proba temos os  que en “terreos francos” cada dez anos volven saír a concurso como “rexistrables”, que en Galiza representan o 68% dos dereitos mineiros.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Track da ruta contra a ADE do Morrazo e pola protección dos montes de Ermelo

Ante a posibilidade de que a Comunidade de Montes de Ermelo faga o mesmo que as de Ardán e Cela co primeiro roteiro contra a área de desenvolvemento do Morrazo cando nos prohibiron o paso polos montes da súa propiedade, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pon ao dispor de quen desexe coñecer a zona afectada de Ermelo polo parque eólico que quere impulsar a empresa ACS o track en Wikiloc do roteiro que teriamos feito estes días.

O roteiro é circular e sae desde a área recreativa do núcleo rural de Ermelo (Bueu) para camiñar, dentro de sólo rústico de protección de espazos naturais segundo o PXOM do Concello de Bueu, por viais forestais, camiños e corredoiras e en parte polo sendeiro municipal de pequeno percorrido de Ermelo -Hermelo, cerne do morrazo-, polos lugares de Ermelo, Esperón, Fonte das Eguas, A Cañoteira, alto e miradoiro do Xestoso, Chan da Paralaia, alto e miradoiro da Paralaia, Outeiro da Paralaia, Monte da Paralaia e Ermelo. Na parte da chegada tamén deixamos como optativa a subida ata o alto da Esculca.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1306 no desvío da estrada PO-551 no lugar da Portela.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-contra-a-area-de-desenvolvemento-eolica-do-morrazo-pola-proteccion-dos-montes-de-ermelo-90966733

Powered by Wikiloc

Recomendamos utilizar roupa e calzado de trote axeitados para a época do inverno, respectar a contorna, ter coidado coa presenza de bicis e motos e os domingos e festivos cos cazadores.

Ermelo é un dos mellores expoñentes do que é un núcleo rural e espazo agropecuario do Morrazo con bos exemplos a nivel cultural, etnográfico e etnolóxico.

A súa fundación dátase no Medievo, ao redor do século X, xa que alí xa se instalara un pequeno eremitorio prerrománico. No século XII, en tempos do bispo Xelmírez, aséntase definitivamente a comunidade benedictina, da que vai xurdir a reconstrución do mosteiro e a igrexa románica con advocación a Santiago. A finais do século XV pasa a depender como priorato do mosteiro de Poio. No século XVIII o mosteiro de Poio ordena o derrubo do anterior templo románico e a construción dun novo de estilo barroco que, con posteriores reformas, é a construción que chegou á actualidade, con vestixios das fases anteriores no seu interior e do mosteiro nos muros exteriores do adro. A presenza dos abades chega ata a desamortización dos seus bens no século XIX, despois de séculos de doazóns, foros e rendas recibidas a través dos seus coutos -Ermelo e Meiro- no Medievo e despois como parroquia pertencente á xurisdición do Morrazo, con posesións en varias parroquias dos actuais concellos de Bueu, Moaña e Cangas.

Do seu territorio e previo a que pasara a depender eclesiasticamente da parroquia de Cela aínda quedan a cruz e as letras HLO -Hermelo é como se grafou durante uns séculos- gravadas en varias pedras que hoxe seguen delimitando a parroquia e o concello -Cruz de Foxonoval, Paralaia, Xestoso, Bolelo, Pouso das Cruces,…-. No outro extremo e vendo cara á ría de Pontevedra tamén existe unha cruz de grandes dimensións, santiagueira e inzada enriba da rocha, de mediados do século pasado no lugar da Esculca. Lugar no alto entre a penedía que utilizaban os monxes noutrora como punto de vixianza ante posibles invasións pola ría.

Teñen tamén a súa importancia cultural, etnográfica e ambiental os camiños fondos e corredoiras que conectan Ermelo coas distintas parroquias do Morrazo a través da Paralaia e o Pouso das Cruces. Uns camiños que seguen a utilizarse pola veciñanza do lugar e da comarca para achegarse ás leiras para facer traballos agropecuarioa e forestais , cada 25 de xullo para desprazarse e celebrar a romaría de Santiago de Ermelo, e en xeral para a práctica do sendeirismo.

Da presenza e importancia no pasado do mosteiro e dos seus abades dá conta o haxiónimo do río que nace precisamente fronte ao núcleo rural de Ermelo, o río Frade. Este río conflúe un pouco máis abaixo co río Bispo, outro haxiónimo, que desemboca no centro urbano de Bueu na praia da Banda do Río.

A presenza da auga notase na cantidade de fontes, lavadoiros e presas ou lagos que cada familia residente tiña e usaba por turnos para o regadío. Estas levadas de auga aínda seguen a ser utilizadas para regar os prados e os cultivos.

Ermelo é o núcleo de poboación que máis próximo estaría aos aeroxeradores do parque eólico que pretende impulsar a empresa ACS nos montes do Morrazo. Ata tres destes aeroxeradores – entre O Monte, O Outeiro e A Chan da Paralaia- estarían a menos dun kilómetro de distancia das vivendas -algunhas vivendas ailladas incluso estaría a menos de 500 metros- con todo o que iso implica de impacto visual, acústico e ambiental para a súa contorna e veciñanza.

A mediados da primeira década deste século este espazo estivo ameazado pola instalación do que daquela se denominaba “parque singular eólico” do que existiu ata hai poucos anos na Chan da Paralaia unha torre de medición do vento.

Alén de pola súa importancia histórica e medieval, a parroquia de Ermelo é importante a nivel prehistórico polo descubrimento durante o século pasado de varios xacementos arqueolóxicos como as mámoas adscritas ao Neolítico de Paralaia e Chan da Paralaia, e o asentamento do Calcolítico de Chan da Paralaia. Estes xacementos son a proba da presenza humana polos lugares desta parroquia hai 4000-5000 anos e as súas áreas de protección estarían afectadas pola localización a escasa distancia dos tres aeroxeradores citados anteriormente.

Na parroquia de San Martiño do concello de Moaña, preto dos anteriores xacementos, está inventariado o achado do Calcolítico-Bronce da Cova da Paralaia, coñecida tamén polo mito da presenza da lendaria moura. Tamén preto do propio núcleo rural de Ermelo foi inventariado un xacemento adscrito á Idade do Bronce.

No límite co concello de Moaña, ao redor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, están os altos do Xestoso e da Paralaia desde os que se pode ver unhas extraordinarias panorámicas da ría de Vigo, do sur da provincia de Pontevedra, da entrada da ría e as Illas Cíes dentro do P.N.M.T. das Illas Atlánticas. Tamén se poden ver desde estes altos unha panorámica dos montes do Morrazo cos altos de Formigoso, Outeiro da Carballosa e Agudelo, ameazados tamén pola instalación doutros catro aeroxeradores dentro do novo parque eólico que está a xestionar a empresa ACS.

O impacto paisaxístico da instalación do parque eólico sería moi grave tanto a nivel local como en xeral para o conxunto das Rías Baixas, unha das poucas zonas litorais galegas que aínda non ten ningún parque eólico instalado. Ademais do impacto directo no núcleo rural de Ermelo, no concello de Bueu, a instalación destes aeroxeradores tamén afectaría pola súa proximidade – ao redor dun kilómetro – a núcleos de poboación como Broullón, Bouza Figueira, Os Piñeiros, Sabaceda, A Xalde… no concello de Moaña.

A nivel biolóxico e ambiental, toda esta área ameazada pola localización dos tres aeroxeradores está integrada dentro do espazo natural da Carballeira de Coiro protexido segundo as normas complementarias e subsidarias de planeamento da provincia de Pontevedra. Por iso está cualificado tamén como solo rústico de protección de espazos naturais no vixente PXOM de Bueu, ao igual que no PXOM de Moaña ou nas normas subsidiarias municipais de planeamento de Cangas – os tres concellos no que está presente o dito espazo natural a través das súas 365 has. aproximadas de extensión – .

O Carballal de Coiro é o espazo natural máis importante do Morrazo e un dos máis importantes de bosque caducifolio atlántico con predominio da carballeira dentro das Rías Baixas. Nel están integrados varios hábitats de interese comunitario a nivel europeo, en especial da carballeira galaico-portuguesa, que de xeito continuado se espalla a través das varias parroquias dos tres concellos.

Toda a contorna -Paralaia, Bouzacova, Xestoso, Fonte das Eguas, Esperón,…- onde están localizadas as posicións dos tres aeroxeradores dentro da ADE, entre as concas de nacemento dos ríos Bouzós, Inferno e Frade, está rodeada de bosques climácicos de carballo como vexetación potencial recuperada dentro da sucesión ecolóxica secundaria tras séculos de intervención humana. Nesta carballeira, clasificada a nivel fitosociolóxico dentro da área do Rusco aculeati-Quercetum roboris, que predomina no suroccidente galaico e norte portugués pola asociación do carballo coa xilbarbeira, cohabitan outras especies arbóreas e arbustivas como castiñeiros, loureiros, pereiras bravas, sanguiños,… E tamén especies de fauna vertebrada e invertebrada de interese e vulnerable. Nun estudo feito a finais dos anos noventa do século pasado no espazo natural da Carballeira de Coiro cohabitaban15 especies de réptiles, 11 especies de anfibios, 15 especies de morcegos, 12 especies de macromamíferos, 15 especies de micromamíferos e 81 especies de aves.

Asociado á carballeira, nas zonas máis húmidas, en especial á beira do río Bouzós, principal curso fluvial que atravesa o espazo natural, están presentes hábitats naturais considerados como prioritarios como o dos bosques aluviais da Europa atemperada. Os da nosa área clasifícanse dentro da asociación Senecioni bayonensis-Alnetum glutinosae polo predominio do ameneiro mais tamén coa presenza doutras especies como o salgueiro, o freixo, o bidueiro ou a abeleira máis zonas de brañas onde destaca a grande cantidade de especies de brións, liques, fentos e fungos, estando presentes especies de fauna endémicas e vulnerables como o lagarto das silveiras e a saramaganta e incluso a cita no seu momento da toupa de río .

Tanto as carballeiras galaico-portuguesas como o bosque aluvial de ribeira están incluídos dentro do anexo I da Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres) para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación. Especies como a saramaganta (Chioglossa lusitanica), morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum), morcego de ferradura mediterráneo (Rhinolophus Euryale), morcego rateiro grande (Myotis Myotis), lagarto das silveiras (Lacerta Schreiberi), vacaloura (Lucanus cervus), capricornio dos carballos (Cerambix cerdo), e a señoriña dos brañais (Euphydryas aurinia), entre outras presentes neste espazo natural están incluídas no anexo II da Directiva Hábitats de especies animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación. Outras especies como o miñato abelleiro (Pernis aviporus) están incluídas dentro do anexo I da Directiva Aves (Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres) que indica que as especies mencionadas no dito anexo serán obxecto de medidas de conservación en canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.   

Nos espazos máis abertos libres da matogueira – paisaxe predominante no pasado recente polo seu aproveitamento agropecuario tradicional- están presentes os habitats de interese comunitario da breixeira seca europea e dos rochedais silíceos con vexetación pioneira, con grande presenza de especies de fauna vertebrada e invertebrada e de flora exclusiva e endémica a nivel ibérico e algunas especies como a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus) e a papuxa do mato (Sylvia undata) que están tamén incluídas dentro do anexo I da Directiva Aves. Os topónimos O Xestoso ou O Toxal da Fonte das Eguas, entre outros son froito desa antiga economía agropecuaria tradicional.

Os grandes movementos de terras necesarios para a construción de pistas de acceso, plataformas de montaxe e instalación dos tres aeroxeradores, xunto coa súa posta en funcionamento suporía un impacto grave e irreversible no solo, na vexetación e na flora e fauna da contorna do espazo natural e tamén afectarían as zonas altas por onde adoitan voar moitas aves nos seus pasos migratorios que poderían ser presa fácil e crítica das súas pás. Este impacto engadiriase entre outros ao da forestalización con monocultivos forestais,  a eucaliptización e ao abandono da silvicultura tradicional nas últimas décadas.

Malia estar o territorio incluído dentro de solo rústico de protección de espazos naturais pola importancia dos seus valores, este non ten a consideración de espazo natural protexido a nivel autonómico, feito polo que en marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a inclusión do espazo natural da Carballeira de Coiro xunto co dos Montes do Morrazo e outros ampliables -entre eles tamén os montes de Cela e Ardán, área tamén ameazada agora polo novo parque eólico-  dentro da ampliación da Rede Natura cun novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo. En agosto de 2016 tamén se lle solicitou á Xunta a súa inclusión como Área de Especial Importancia Paisaxística dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Localización dos aeroxeradores na ADE do Morrazo

Se a finais de outubro coñeciamos as intencións da empresa ACS de impulsar un parque eólico entre as parroquias de Ardán – en Marín – Cela e Ermelo – en Bueu- . Nos últimos días coñecemos tamén que outra empresa, Aratel Energías Renovables, presentou unha solicitude para instalar dous parques eólicos nos montes do concello de Moaña confirmando que a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo é unha auténtica espada de Damocles para os montes da nosa comarca.

Mapa con cada unha das localizacións dos aeroxeradores dentro da ADE do Morrazo que aparecía na documentación do proxecto de parque eólico de Pedras Negras.

Unha ADE da que, máis alá dun triángulo trazado nun mapa, pouco se pode atopar buceando pola rede nas páxinas oficiais da Xunta e outros organismos públicos.

Malia este escurantismo, quen estivemos hai unha década na loita contra o parque eólico de Pedras Negras promovido pola empresa Enel Green Power gardamos toda a documentación referida a este proxecto na que ademais das 14 localizacións do propio parque aparecían outras 21 localizacións alternativas.

Enel Green Power proxectaba un parque con 14 dos aeroxeradores dos 16 inicialmente previstos, desbotando as 21 localizacións restantes, xustificando que as escollidas eran as máis viables. Mais a realidade é ben distinta. Os parques eólicos para seren tramitados pola Xunta de Galiza dentro das súas competencias autonómicas non poden superar os 50MW de potencia e con eses 14 aeroxeradores a empresa xa estaba case no límite.

Mapa de elaboración propia coa localización dos aeroxeradores da ADE do Morrazo e os proxectos de polígonos industriais

Case unha década despois son agora outras empresas as que planean novos parques eólicos. ACS faino impulsando un parque ocupando espazos da ADE onde estaban as localizacións alternativas que se recollían na documentación de Pedras Negras. E  Aratel Energías Renovables impúlsao nas mesmas localizacións do proxecto de Pedras Negras pero agora fraccionado en dous parques e con outros nomes. Con respecto a isto último, cómpre lembrar que o espazo que ocupaba o proxecto de Pedras Negras, entre os montes das parroquias de Santo Tomé de Piñeiro (Marín), Moaña e Domaio (Moaña) e San Adrián de Cobres (Vilaboa), está afectado por varios permisos de investigación mineira.

Os aeroxeradores que serían levantados nas zonas máis altas – entre os 400 e os 600 metros de altitude – da península do Morrazo pola súa envergadura causarían un enorme impacto visual na paisaxe. Alén disto, o impacto da construción das plataformas onde irían colocados os aeroxeradores, os viais de acceso, as gabias, as liñas de evacuación e a subestación eléctrica deixarían irrecoñecible o monte.

Alén de loitar e opoñernos a estes novos proxectos de parque eólicos, cómpre sobre todo botar abaixo a ADE do Morrazo e Plan Sectorial Eólico de Galiza por seren estes dous instrumentos os que lle dan soporte a estes novos parques eólicos e a calquera outro que poida xurdir no futuro.

Cómpre lembrar que ademais de polos parques eólicos, os montes do Morrazo están ameazados tamén polo proxecto de parque empresarial da Cruz da Maceira, no Concello de Moaña, aprobado polo insustentable Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais (PSOAEG) e o futurible proxecto do parque empresarial da Pastoriza, no Concello de Marín.

Mapa de elaboración propia coa localización dos aeroxeradores da ADE do Morrazo e os proxectos de polígonos industriais

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Track do percorrido do roteiro contra a Área de Desenvolvemento eólica do Morrazo e pola protección dos montes de Ardán e Cela

Deixamos nesta entrada o percorrido do roteiro contra Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo e pola protección dos montes de Ardán e Cela que tivemos que suspender por mor da prohibición de paso das directivas das Comunidades de Montes de Ardán e Cela.

O roteiro sería circular e sairía da área recreativa de Chans de Cela (Bueu), para chegar ao mesmo lugar, dentro de solo rústico de protección de espazos naturais, forestal, paisaxístico, de augas e patrimonial, segundo os concellos de Marín e Bueu, respectivamente.

O percorrido transcorrería por viais forestais, camiños e corredoiras, en parte polo sendeiro municipal de curto percorrido de Chans, polos lugares das Chans de Cela, mámoa de Forno das Arcas, brañas da ribeira alta do río das Gorgadas, Monte Furcos, Outeiro da Carballosa, alto e miradoiro do Agudelo, A Porteliña, Monte e capela de San Lourenzo, ribeira alta do río da Pena, carballeiras da Devesa Nova, carballeiras da Telleira, alto e miradoiro da Telleira, Chans de Cela.

Para se achegar ao punto de saída habería que acceder pola estrada EP-1304 que sube desde a PO-551 ata o Igrexario de Cela, coller o desvío posteriormente ao lugar da Pena e ao chegar ao lugar da Paradela, coller o desvío á esquerda que sube finalmente ata a área recreativa de Chans. Se se accede pola PO-313 Marín-Moaña hai que coller o desvío no lugar de Broullón e ao chegar riba do citado lugar da Paradela en Cela, coller finalmente á dereita en dirección á área recreativa de Chans.

Powered by Wikiloc

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/roteiro-contra-a-area-de-desenvolvemento-eolica-do-morrazo-pola-proteccion-dos-montes-de-cela-e-ard-89959886#

A mámoa de Forno das Arcas, de orixe funeraria, foi descuberta entre finais do século pasado e principios deste novo en terreos da parroquia de Ardán, está adscrita culturalmente ao Neolítico e cronoloxicamente ten ao redor de 5.000 anos de existencia. Na actualidade aínda está en fase de inventariado. Malia estar desenterrada e expoliada como sucede cunha maioría destes xacementos prehistóricos, posúe a importancia de conservar aínda boa parte da estrutura lítica do seu dolmen interior e un pequeno corredor de entrada e a base do túmulo tén ao redor de 30 metros de perímetro. Está encravada no interior dunha carballeira e preto dela está ubicada unha pedra vertical fincada cunha cruz histórica gravada con funcionalidade de demarcación territorial, que foi reutilizada máis recientemente para depositar ao seu carón unha ofrenda con funcionalidade tamén funeraria.

Na proximidade desta mámoa e afectadas pola ADE de cheo polo novo parque eólico que se está a xestar, entre as parroquias de Ardán, Cela e Moaña, están ubicadas outras dúas mámoas no lugar da Chan das Bolas, xa inventariadas e incluídas no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galiza. Non moi lonxe están localizadas as mámoas da Cruz da Maceira e Pastoriza, na parroquia de Ardán, a de Marco Corbado na parroquia de Moaña e máis abaixo as mámoas do Rapadoiro e Chan de Cela como o xacemento adscrito ao Calcolítico das Cadeliñas e o achado adscrito ao Paleolítico do machado bifaz das Chans, na parroquia de Cela, reflexo da importancia cultural e arqueolóxica que ten toda esta área, con vestixios de presenza humana desde hai varios milleiros de anos.

Entre as mámoas de Forno das Arcas e a de Chan das Bolas, no monte de San Lourenzo atópanse as ruínas da capela de San Lourenzo. Esta capela é orixinaria do século XVII e está adicada ao santo que leva o seu nome. Durante séculos foi obxecto de conflito entra as parroquias de Ardán e Cela pola súa posesión ata que no ano 2005 a xustiza ditaminou que a capela pertencía a Marín. O arco da capela pode verse no Museo Masso de Bueu.

De grande valor cultural e no terreo do patrimonio etnográfico e civil son a presenza de antigas corredoiras e valos de pedra, vestixios dun pasado non tan afastado no que a actividade humana baseabase na explotación dos recursos agroforestais e gandeiros, na extracción do barro e a pedra, na silvicultura baixo das varias carballeiras e devesas reais que existiron na zona ata o século XIX e do que aínda se conservan os grosos valos de delimitación. O significado dalgúns topónimos existentes pola zona dan testemuña desa anterior actividade humana -Devesa Nova,  A Telleira, As Gardadiñas, Os Mogos…-

As brañas da ribeira alta do río das Gorgadas, principal afluente do río Loira e que atravesa toda a parroquia de Ardán, son un hábitat natural prioritario a protexer a nivel europeo dentro da Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres), o da breixeira húmida atlántica, onde están ademais presentes as dúas especies de flora que lle dan denominación -Erica tetralix e Erica ciliaris- entre outras propias destes ecosistemas húmidos, turbosos e abertos, e con grande presenza así mesmo de fauna salvaxe, tanto vertebrada como invertebrada. A breixeira húmida atlántica está integrada dentro do anexo I da Directiva 92/43/CEE de tipos de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación.

Ao seu carón se desenvolven unhas interesantes comunidades arbóreas de bidueiros, especie que se adapta perfetamente as condicións ambientais e edáficas destes singulares hábitats a protexer pola fraxilidade que representan e a práctica desaparición de moitos deles durante o último século ata a actualidade produto da súa desecación ou do seu recheo e ocupación por motivos de distinta índole, mesmo a industrial e urbanística, a nivel continental. A ribeira alta do río da Pena, río que atravesa posteriormente toda a parroquia de Cela ata a súa desembocadura en Agrelo, tamén ten as súas correspondentes brañas entre as áreas da Devesa Nova e A Telleira con carrizal e breixeira dentro do hábitat natural prioritario da breixeira húmida atlántica.

As ribeiras altas dos ríos das Gorgadas e da Pena, son outro hábitat natural prioritario a protexer dentro do anexo I da Directiva Hábitats pola presenza dos seus bosques aluviais, onde entre outras especies sobresae a presenza do bidueiro, do salgueiro e do ameneiro. Tamén están en regresión a costa das cortas intensivas de arborado e da substitución do seu bosque e da contorna por plantacións de monocultivos forestais, sobre todo eucaliptos e ultimamente con outras especies forestais alóctonas e invasoras como a paulonia. Baixo estes bosques e á beira dos citados ríos desenvólvese unha importante biodiversidade en fauna e flora, con especies endémicas e vulnerables do noroeste ibérico, como por exemplo a saramaganta (Chioglossa lusitanica) ou o narciso galaico (Narcissus cyclamineus), especies incluídas no anexo II da Directiva Hábitats de especies animais e vexetais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación. Hai rarezas como a surbia (Veratrum album), especie de montaña que praticamente representa a única cita en toda a provincia de Pontevedra.

Os grandes movementos de terras para a construción de pistas de acceso e plataformas de montaxe dos aeroxeradores suporían un grave impacto na capa vexetal, solo, subsolo e por derivación nas augas dos mananciais e dos ríos e regatos existentes.

Na parte máis externa do bosque de ribeira é onde comeza a desenvolverse o bosque climácico -chamado así porque é o que remata ocupando de xeito natural o territorio trala sucesión ecolóxica despois das fases do mato baixo e do mato alto- por excelencia, a carballeira. Catalogadas como hábitats de interese comunitario a nivel europeo e tamén dentro do anexo I da Directiva Hábitats para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación, nesta área e nas partes máis termófilas entre as concas altas dos ríos das Gorgadas e da Pena, están presentes das carballeiras adultas máis densas e importantes da península morracense.

Nelas cohabitan varias especies tamén vulnerables como por exemplo a cada vez máis escasa vacaloura (Lucanus cervus), tamén incluída no anexo II da Directiva Hábitats, moi dependente precisamente das carballeiras vellas para a súa reprodución e crecemento. Outra especie considerada vulnerable e incluída así mesmo dentro do Anexo II da dita Directiva Hábitats é a do morcego rateiro forestal (Myotis bechsteinii), moi raro e escaso a nivel ibérico, e que precisamente nestas carballeiras morracenses teñen unhas das poucas colonias existentes e nidificantes en todo o territorio galego e de feito parte da carballeira existente funciona como unha reserva a través da custodia por parte da asociación Morcegos de Galicia. Ademais desta interesante especie hai censadas ao redor de dez especies máis de morcegos nesta área.

Por outra banda tamén é importante a presenza de aves tanto diurnas como nocturnas como o miñato (Buteo buteo), o azor (Accipiter gentilis), o gabián (Accipiter nisus), a avelaiona (Strix aluco), ou a curuxa (Tyto alba),… e citas anuais da presenza de especies forestais como o gabeador azul (Sitta europaea), catalogado como de interese especial polo catálogo nacional de especies ameazadas. Nas zonas máis abertas e de matogueira tamén se pode atopar a papuxa do mato (Sylvia undata) ou a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus), incluídas dentro do anexo I da Directiva Aves (Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 30 de novembro de 2009 relativa á conservación das aves silvestres) que indica que as especies mencionadas no dito anexo serán obxeto de medidas de conservación en canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

Á parte da alteración e degradación ambiental da contorna, é dabondo coñecida a alta mortandade de aves e morcegos que supón a construción de parques eólicos e a súa posterior fase de funcionamento pola colisión coas pás dos aeroxeradores. Ademais da proximidade ao hábitat de moitas desta especies os aeroxeradores suporían unha seria ameaza tamén para outras que nos seus pasos estacionais utilizan estas zonas máis altas do cordal dos montes morracenses nas súas viaxes migratorias.

Os ecosistemas naturais de carballeira, ribeira e brañas descritos estarían afectados de xeito máis ou menos directo dentro dunha distancia de 0 ata 1 kilómetro de distancia ata a área recreativa de Chans de Cela con respecto á ubicación dos aeroxeradores.

Os altos de Outeiro da Carballosa e Agudelo, por riba dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, posúen unhas extraordinarias panorámicas entre as rías de Vigo e Pontevedra, co Salnés por medio e a serra da Barbanza ao fondo. A instalación de varios aeroxeradores ao seu carón de ao redor de 200 metros de altitude -ata catro nos lugares de Monte Furcos, Monte de San Lourenzo, Chan das Bolas e Monte do Grilo- suporía un grave impacto paisaxístico no conxunto das Rías Baixas e perfectamente visible ata desde o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Ese impacto visual estaría de xeito máis directo a nivel local dentro da península morracense ao que se lle engadiría o do ruído acústico, cun núcleo de poboación na súa proximidade, o da Pastoriza (Marín) a menos dun kilómetro dos aeroxeradores, mais tamén os de A Fraga, A Paradela e Broullón (Moaña) ou A Paradela, A Pena, O Burgo e Igrexario de Cela (Bueu), que quedarían entre os 1 e 2 kilómetros de distancia.

Por outra banda na actualidade esta área ten unha importancia social, económica e cultural a través da actividade forestal e recreativa, coa área de lecer e o sendeiro municipal de Chans, que percorre varias áreas naturais e forestais correspondentes ás dúas parroquias malia estar en concellos diferentes, ou o alto e miradoiro da Telleira, que ademais é utilizado como punto de despegue para a práctica do voo do parapente, que en conxunto veríanse de xeito máis ou menos directamente afectados pola construcción do parque eólico na súa contorna e na proximidade.

As áreas de Pedra da Pousa, Forno das Arcas, Monte Furcos, A Telleira, A Porteliña, e o Monte da San Lourenzo están ameazadas así mesmo de cheo polo futurible parque empresarial da Cruz da Maceira.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized