O vertedoiro municipal do Casal (Moaña) denunciado en Europa

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou o correspondente escrito de denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, na que tivo a súa entrada a través do Rexistro do Portal de Peticións o pasado 4 de novembro do 2021, e no que solicitou a paralización definitiva do vertedoiro incontrolado municipal do Concello de Moaña no lugar do Casal por contravir a Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello sobre os residuos e da que emanan a Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados do Estado español e a Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia.

Luita Verde baseouse en que despois de case un ano, coa primeira denuncia en decembro do ano 2020, a Xunta de Galicia que é a que ten delegadas a nivel estatal as competencias en materia de residuos a través da Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia, non as está a executar por inacción e está a permitir que o Concello de Moaña a través do Departamento de Servizos e Obras siga vertendo de xeito incontrolado e ilícito residuos sin as debidas e legais medidas de impermeabilización do solo e de control e canalización de lixiviados nas parcelas 68, 69, 70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, dentro de solo rústico de protección agropecuaria, anexo ao de augas e ao de infraestruturas segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Moaña, e dentro de corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL) de Galicia.

Expuso que os residuos tóxicos e non tóxicos nunha superficie aproximada de 50 metros de lonxitude, 40 metros de ancho e 3 metros de altura, en continuado incremento, van desde grandes cantidades de terras, restos vexetais de corta e poda a entullos de obra de todo tipo -cemento, asfalto, lousas de cerámica esmaltada, cartón, tubarías, cableado, envolturas plásticas e roupa usada con polietileno, poliester e policloruro de vinilo, pezas metálicas de fontanería, inodoros, caldeiras, electrodomésticos, restos de láminas de fibrocemento de uralita e la aillante con amianto, e en moitos casos todo xunto sen ningunha separación selectiva dentro dos propios sacos de obra-.

E que en setembro de 2021, ante a falta de resposta aos escritos e solicitudes Luita Verde, volveu a presentar unha segunda denuncia porque o Concello de Moaña estaba a verter por engadido area, xunto con algas e outros residuos orgánicos e inorgánicos procedentes das praias do municipio xunto con outros -pneumáticos, mobiliario de madeira, cadeiras plásticas, sacos de obra con entullos, tubarías…- enriba do bosque de ribeira e manancial anexo a dito vertedoiro, correspondente á conca de nacemento do río do Redogrés, daí a afección tamén ao corredor ecolóxico denro do POL, do que así mesmo volveu a atoparse posteriormente coa falta de resposta da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Por outra banda e tamén con respecto tamén a este vertedoiro municipal, iniciou o 29 de outubro de 2021 o correspondente expediente de queixa pola falta de resposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ás verteduras incontroladas en parcelas clasificadas como solo rústico de especial protección agropecuaria e no corredor ecolóxico do POL no Concello de Moaña denunciadas por Luita Verde. En dito expediente de queixa a Valedora do Pobo recomenda á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que “adopte cantas medidas, ao seu criterio, sexan precisas respecto da organización, medios humanos e materiais que a dispoñibilidade orzamentaria permita, a fin de que se eviten retrasos ou dilacións na tramitación das denuncias medioambientais, de xeito que os procedementos se tramiten de acordo co principio de eficacia nos prazos dispostos pola normativa de aplicación, e que nomeadamente neste caso concreto de verteduras incontroladas en diferentes parcelas de titularidade do Concello de Moaña, se tramite o correspondente expediente sancionador evitando, no seu caso, a prescrición da infracción.”

A Valedora do Pobo remitíu posteriormente a Luita Verde, o 11 de novembro, un escrito no que o Concello de Moaña informa que a parcela descrita como municipal é empregada pola brigada de servizos para “depositar temporalmente” materiais de obra que despois son levados á planta de transferencia da Mancomunidade do Morrazo, ao que Luita Verde alegou que é totalmente falso, xa que é de dominio público que este é na realidade un “vertedoiro” e “ilegal” que se está a producir e de xeito continuado durante varios gobernos municipais desde hai máis dunha década, agravado polo incremento substancial do mesmo nos últimos anos. E que de aquí non se está a trasladar nada do que se está a verter ata as instalacións da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, xa que os residuos, tanto orgánicos -vexetais- como inorgánicos -entullos de obra-, están a ser soterrados no lugar no medio de toneladas de terras ou mesmo area con todo tipo de residuos procedente da “limpeza das praias” como sucedeu nos meses de verán deste ano pasado, denunciado así mesmo por Luita Verde.

Ademais segundo o Concello de Moaña os restos de poda depositados no lugar trátase de materia triturada que se usa como estruturante para o ciclo da compostaxe individual e comunitario que está en marcha, estando ante algo fundamental desde o punto de vista medioambiental e obrigado pola normativa europea, estatal e galega ao que Luita Verde alegou que isto é simplemente unha declaración de cumpridos onde, de xeito totalmente demagóxico e interesado, mete no medio a obriga do cumprimento das distintas normativas e o punto de vista medioambiental que precisamente está a incumprir cando ademais os residuos de poda depositados no lugar son unha minoría, non sempre se trituran, e ao final parte deles son mesturados tamén cos entullos de obra e soterrados incontroladamente no lugar. E segundo o Concello de Moaña existen tamén áridos que son empregados pola brigada de servizos para as distintas obras municipais ao que Luita Verde alegou que sucede outro tanto o expresado no parágrafo anterior.

Ao final Luita Verde alegou que a realidade é que o Concello de Moaña con este vertedoiro incontrolado e ilegal de autoría propia municipal, está a incumprir flagrantemente e de xeito continuado a lexislación autonómica, estatal e europea en materia de residuos.

Estas alegacións foron dirixidas á Valedora do Pobo dentro do plazo dun mes concedido por esta institución para avaliar e valorar a continuación do desenvolvemento das funcións de supervisión e control sobre a Administración Autonómica que a lei da Valedora do Pobo prevé.

Recientemente, o 30 de decembro de 2021, a Valedora do Pobo informounos que ante a falta de resposta requiríu novamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a preceptiva recomendación formulada o 29 de outubro.

Luita Verde lembra que no Casal, á parte do vertedoiro incontrolado municipal, existen outros vertedoiros incontrolados pola contorna dentro de terreos expropiados pola Xunta de Galicia para a construcción do viaduto de enlace do corredor de alta capacidade do Morrazo como o existente con pneumáticos e todo tipo de entullos de obra e enseres a 200 metros ao sur do vertedoiro municipal, denunciado así mesmo por Luita Verde hai xa máis dun ano e que segue a maiores no sitio, ou á beira do camiño da fonte e presa do Redogrés, o que fai deste lugar e a contorna do viaduto un auténtico punto negro de vertedoiros incontrolados cun evidente impacto e degradación paisaxística e ambiental, e unha fiel mostra máis da necesidade que este concello con ao redor de 20.000 habitantes teña o correspondente punto limpo e de xeito controlado onde depositar os residuos vexetais, inertes e tóxicos e perigosos.

Adxuntamos reportaxe fotográfica do vertedoiro municipal do Casal desde decembro de 2020, onde se observa como se foron producindo as distintas verteduras e incrementando o vertedoiro de xeito incontrolado ata a actualidade.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s