Nas últimas semanas sucedéronse nos distintos concellos da comarca do Morrazo o debate e propostas de mocións en contra os proxectos de parques eólicos que se pretenden instalar nos montes do Morrazo.
No caso do concello de Bueu algún medio de comunicación chegou a publicar que a moción que se debateu e ao final se aprobou o pasado 19 de xaneiro por parte da corporación municipal foi a instancia da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo (PDMM), cando na realidade esta plataforma non está a promover ningunha iniciativa deste tipo. A moción foi presentada polo BNG que goberna nesa vila baixo o encabezamento “en defensa dos montes do Morrazo”, cuestión que puido causar a confusión.
Con respecto ao texto e ao debate desta moción presentada e aprobada, desde a PDMM podemos estar de acordo e coincidir en determinadas cuestións das que se fala pero noutras non, polo que queremos facer as seguintes consideracións:
Na Galiza, despois de case tres décadas, o debate sobre as enerxías renovables, e no caso da eólica, segue a xirar, como sucedeu nesta moción, ao redor do modelo único e industrial de parques eólicos. Un modelo a todas luces insustentable desde hai tempo na Galiza tanto pola cantidade de aeroxeradores como polo modo de implantación dos parques desenvolvidos. Os ao redor de 150 parques eólicos e máis de 4.000 aeroxeradores xunto cos viais de acceso, as liñas de evacuación e subestacións eléctricas que se construíron desde mediados dos noventa do século pasado ata a actualidade demostraron ter un enorme impacto ambiental, social e económico, onde os perxuízos superaron amplamente os beneficios.
O debate está agora a xirar ao redor do número de aeroxeradores e do tamaño que se proxectan en cada parque para describilo en función deste como un desastre. Está claro que cantos máis aeroxeradores se instalen maior impacto terá no medio o parque eólico, pero aínda que se instalase un só aeroxerador -cada vez meirandes con iso de non afectar tanto en superficie- o impacto deste sería tamén enorme tanto para a paisaxe como para o medio e a veciñanza. Polo que non ten xustificación o lema “eólicos si pero non deste xeito” que mesmo se chegou a escoitar no debate desta moción por parte de quen posteriormente votou a favor da mesma.
Unha cousa son as enerxías renovables como recurso -a eólica- para producir electricidade e outra é o modelo de explotación -os eólicos- a grande escala para xerar beneficios a grandes empresas privadas a costa da afección, mesmo irreversible do medio, dos recursos e do acceso a estes por parte da veciñanza.
A realidade é que Galiza na actualidade produce ao redor do dobre da enerxía da que precisa como demanda. Máis do 80% procede de enerxías renovables e preto da metade expórtase a outros territorios do Estado. Por outra banda a cota de enerxías renovables que lle corresponde a cada territorio a nivel europeo ata o ano 2030 xa está cuberta con máis do 32% no territorio galego. Xa que logo, cómpre paralizar xa todos os proxectos e parques eólicos que se están a levar a cabo ou tramitar nestes momentos.
Polo tanto non cómpre xa debater sobre o modelo de implantación de parques eólicos, tarefa xa estéril, senón que cómpre rexeitar de xeito contundente, sen partidismos, localismos nin ambigüidades, calquera novo proxecto de parque eólico e botar abaixo na súa totalidade a planificación eólica existente na actualidade no territorio galego, nomeadamente o Plan Sectorial Eólico de Galiza. Un plan que, á parte de obsoleto, non ten a suficiente cobertura xurídica e carece das legais e correspondentes avaliacións de impacto no seu conxunto.
En consecuencia, no Morrazo, ademais de rexeitar calquera proxecto futuro de parque eólico, cómpre botar abaixo a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE), incluída dentro do citado Plan Sectorial Eólico de Galiza, que nas súas 4.300 has. de terreo a desenvolver, no seu momento, a inicios da década pasada, deu sustento ao finalmente desestimado parque eólico de Pedras Negras. No futuro podería dar acollida a calquera outro proxecto de parque eólico, como o que se está a xestar pola empresa ACS nos montes de Ardán, Cela e Ermelo, entre os concellos de Marín e Bueu ou os dous fraccionados presentados no concello de Moaña pola empresa Aratel.
O rexeitamento á dita Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo non aparece citada na moción presentada e aprobada cos votos a favor de BNG, PSOE e ACB no concello de Bueu, e representa a proba de que esa moción non ten consistencia e no fondo non está en contra dos parques eólicos no futuro nos nosos montes, senón demagoxicamente contra os parques eólicos que se están a proxectar na actualidade co goberno autonómico do PP, aproveitándose do malestar e oposición social aos distintos proxectos de parques eólicos que se están a xestar na nosa comarca. Unha proba feacente témola cando no punto cuarto da dita moción aprobada se insta a Xunta de Galiza a que por rango de lei “se establezan as medidas para a autorización de novos parques que se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no país”.
E esta parece que vai ser a tónica imperante nas mocións dos restantes concellos polos partidos políticos que forman parte das distintas corporacións municipais no Morrazo. Xa que logo, todos os partidos políticos, en maior ou menor medida, coinciden en claudicar ante a presión empresarial do sector e da industria en xeral, en especial cando lles toca gobernar e desde máis arriba. Basta non só con observar a xestión actual do PP na Consellaría de Industria, senón a anterior do BNG cando no bipartito co PSOE creou un concurso eólico a maiores do proxectado na época do goberno do PP de Manuel Fraga. Pódese comprobar tamén coa xestión actual do PSOE a través do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do goberno estatal con UP con proxectos de parques eólicos de maiores extensións e potencia que afectan tamén o territorio galego.
Malia os evidentes síntomas do cambio climático e as súas negativas consecuencias, ningún dos partidos políticos que nos representan parece apostar de xeito claro e efectivo por alternativas verdadeiramente viables como son as do decrecemento, a redución do consumo, a autosuficiencia enerxética con enerxías renovables a pequena escala, a reciclaxe e reutilización dos residuos e o transporte público e colectivo. Seguen apostando por un modelo desenvolvementista e industrial totalmente insustentable, disfrazado agora baixo a etiqueta de “transición enerxética ou verde”, que está a consumir case dúas veces os recursos que o planeta nos pode dar e a causar a sexta extinción masiva da súa biodiversidade.
A lexislación existente en materia de medio e de procedemento administrativo para cumprir coa tramitación dos proxectos dos parques eólicos que tanto lle gusta xustificar ao PP, é unha trampa xa que se basea na desprotección ambiental dunha maioría do territorio, na da propia propiedade ante a declaración de utilidade pública dos terreos afectados, e na simplificación da información pública en favor das empresas solicitantes dos proxectos, promovido a través de varias leis polo goberno autonómico nos últimos anos.
A proposta así mesmo do PP de Bueu da creación dunha mesa de traballo en base a que hai unha parte da poboación que está a favor e outra en contra dos parques eólicos é realizada de forma totalmente interesada en favor dos lobbies empresariais do sector enerxético e da construción e chega tarde, fóra de contexto e de lugar, xa que esta tiña que terse producido hai dúas décadas nas áreas con maior potencial eólico -Mariña luguesa, Costa da Morte e Dorsal galega- onde ao final, baixo a imposición institucional e a golpe de talonario, se cubriron e sacrificaron con parques eólicos extensas partes do territorio cun grande valor ambiental, cultural e socioeconómico, parte delas dentro da Rede Natura.
Por outra banda rexeitamos o descaro e desvergoña con que a Xunta de Galiza do PP estivo a proceder recentemente coa información pública dos parques eólicos dos Cotos, nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, e Merendón, na serra da Groba, nos concellos de Oia e O Rosal, en pleno Nadal. Unha mostra de como pode proceder en calquera momento con proxectos de parques eólicos no Morrazo, declarándoos simplemente de interese “económico”, evitando así a moratoria de ano e medio que a propia Xunta aprobou a finais do ano pasado.
Para a PDMM polo tanto só queda seguir coa mobilización social e que esta vaia moito máis alá da propiedade privada e comunal dos terreos afectados, para frear definitivamente calquera proxecto de parque eólico e a ADE do Morrazo, xa que ao final, dentro dunha península e cos núcleos de poboación preto dos montes, somos todos e todas afectados.




Deixar unha resposta