Nesta entrada reproducimos o escrito que o Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou ante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e uiniversidade de Pontevedra e os Concellos de Cangas e Bueu denunciando que:
Na parte alta ou croa, dentro da área de protección integral do Castro do Monte Liboreiro (GA36008040), adscrito culturalmente á Idade do Bronce-Idade do Ferro-Romanidade-Medievo, integrado dentro do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección polas Normas Subsidiarias de Planeamento de Cangas, estase a mover e utilizar lousas de pedra das ruínas da estrutura castrexa para asentos e como circundado para prender fogueiras coa biomasa vexetal existente nos arredores, o que está a infrinxir flagrantemente a Lei 5/2016, de 4 de maio de patrimonio cultural de Galicia e así mesmo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Isto está a suceder sen que exista ningunha indicación á cidadanía no lugar, localizado no linde entre as parroquias de Darbo e Aldán (Cangas) e de Bueu (Bueu, no que conta no seu catálogo como Castro Liboreiro e petróglifos coa clave GA36004006), informando sobre a existencia e catalogación patrimonial do lugar e as obrigas do respecto e coidado da súa contorna, xa que malia estar este monte e xacemento dentro do sendeiro circular de pequeno percorrido da Serra da Madalena, creado hai un ano polo Concello de Cangas coa colaboración da Comunidade de Montes da parroquia de Darbo, a única información sobre o castro está nun panel a 500 metros do monte Liboreiro.
Tanto a área de protección integral do Castro como en especial a do seu contorno está ocupada a nivel forestal por plantacións intensivas con piñeiro de repoboación (Pinus radiata) e de eucalipto (Eucaliptus globulus), que non están a ser tratados a nivel silvícola sen as correspondentes podas e aclareo, e coa biomasa colgando das árbores e polo solo, polo que supoñen un risco potencial de propagación de incendios forestais, tendo en conta ademais que este mes de xaneiro está a ser moi seco e con varios incendios forestais dentro do propio territorio galego. A isto se lle engade a falta desbroce e xestión da biomasa vexetal no estrato arbustivo e subarbustivo na plataforma de rodadura e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía forestal que da acceso ao dito monte do Liboreiro e forma parte tamén do sendeiro circular de pequeno percorrido da Serra da Madalena, polo que tamén se está a incumprir o artigo 21 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia nos espazos previamente definidos como redes terciarias de faixas de xestión de biomasa nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito. A isto se lle suma a presenza de especies pirófitas e invasoras como a acacia de madeira negra (Acacia melanoxylon) e a mimosa (Acacia mearnsii).
Salientamos que o dito Castro do Monte Liboreiro, de grande valor dentro da cultura material e inmaterial, cuxo alto está sobre os 334 m. de altitude sobre o nivel do mar e con extraordinarias panorámicas do val do río Orxas, da enseada de Aldán e da ría de Pontevedra, consta dunha zona habitacional distribuída en catro terrazas e parapeto defensivo na zona baixa, documentándose a primeiros do século pasado a presenza de varios chans de vivenda, cerámica castrexa e instrumentos de bronce e pedra pulida e cerámicas comúns romanas, sigillatas e outros obxectos da cultura romana como moedas e fíbulas máis tres aras votivas, unha adicada ao deus Verore ou Aerno. Tamén contén varias pedras con gravados rupestres consistentes en cruciformes, coviñas, cadrados e podomorfos. É de lamentar por outra banda as distintas afeccións que á parte das mencionadas tivo no pasado como a espoliación de materiais e a afección da estrutura castrexa con excavacións furtivas ou a construcción na base do monte do corredor de alta capacidade do morrazo.
Polo exposto, solicitamos:
A comprobación dos feitos, a apertura se procede dun expediente sancionador e a prohibición de mover as estruturas do recinto castrexo en aplicación da Lei 5/2016, de 4 de maio de patrimonio cultural de Galicia e de facer fogueiras en aplicación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na área de protección integral do Castro do Monte Liboreiro.
A xestión da biomasa tanto na área de protección integral como no contorno de protección do Castro do Monte Liboreiro, en aplicación do artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas e do artigo 24. Silvicultura preventiva da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
A posta en valor do dito xacemento onde, en colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, os Concellos de Cangas e Bueu, e a propiedade privada e comunal pertencente as parroquias de Darbo, Aldán e Bueu, se proceda á correspondente excavación e reconstrucción arqueolóxica na medida do posible do recinto castrexo, dos gravados rupestres e dos bens mobles e inmobles correspondentes ás distintas fases prehistóricas e históricas, xunto cunha mellor ambientación paisaxística e estrutural, coa corta da biomasa forestal e arbórea existente na croa e por extensión a correspondente a toda a área de protección integral.
Que dacordo coa Lei 93/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, sexa considerado ao Colectivo Ecoloxista Luita Verde como interesado no procedemento e se nos informe puntualmente das actuacións levadas a cabo.
Achegamos fotografías dos feitos, tanto da afección co movemento e morea de lousas de pedra da estrutura castrexa para asentos e lumieira na área de protección integral como da falta de xestión da biomasa no contorno e na vía forestal de acceso ao Castro do Monte Liboreiro.









Deixar unha resposta