A Consellaría de Medio Ambiente sanciona o vertedoiro incontrolado municipal do Casal (Moaña) denunciado por Luita Verde

Despois que o vertedoiro incontrolado de residuos que o Concello de Moaña está a xerar desde hai máis dunha década en varias parcelas dentro de solo rústico de protección agropecuaria segundo o PXOM e anexo ao corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL) no lugar do Casal, fora denunciado o pasado 4 de novembro de 2021 polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, a Valedora do Pobo, trala nosa queixa, informounos recientemente que a xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en base ao informe de data 07-01-2021 da Unidade do Corpo Nacional da Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia confirmando os feitos denunciados , procedeu en data do 27 de decembro de 2021 á imposición dunha sanción.

Mais non sabemos cal é a sanción malia ser Luita Verde, como denunciante, parte interesada no expediente sancionador de acordo coa Lei 27/2006 de 18 de xullo pola que se regulan os dereitos de acceso á información, á xustiza en materia de medio ambiente de participación pública e tamén ao ser Luita Verde titular de intereses lexítimos colectivos en materia de medio ambiente, en base aos artigos 4.1. c e 4.2 dá Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e ao artigo 24.1 dá Constitución Española, polo que está acudida no devandito procedemento en concepto de “interesado”. Polo tanto a Consellería de Medio Ambiente está facendo unha vez máis deixademento de funcións e conculcando conscientemente a lexislación mencionada e por engadido a Lei 40/2015 do 1 de outubro de Réxime Xurídico do Sector Público, sen notificarnos o trámite de audiencia para presentar as pertinentes alegacións antes de resolver.

A realidade é que, máis alá da suposta apertura do expediente sancionador por parte da dita Consellería, o departamento de Servizos do Concello de Moaña segue a verter incontroladamente residuos no lugar sin que a dita Consellería procedera a paralizarlle a dita actividade ilegal e contaminante, que está a infrinxir flagrantemente e de xeito continuado a Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia. Isto está a suceder cando esta actividade ilícita debería dar para unha sanción e ademais exemplarizante xa que o elemento executante de tal ilegalidade e de xeito reiterativo é o propio Concello que, dentro tamén das súas competencias como administración pública en materia de recollida e tratamento de residuos, á parte do evidente impacto paisaxístico e ambiental que está a provocar no lugar, está a dar por outra banda unha actuación “inexemplar” diante da súa veciñanza.

Por outra banda salientamos que este non é o único vertedoiro incontrolado no lugar senón que hai outro a 200 metros de distancia do xerado polo Concello, en terreos propiedade da propia Xunta de Galicia trala súa expropiación pola proxección do vial de enlace do corredor de alta capacidade do Morrazo na súa proximidade. Consistente en grandes cantidades de lixo, entullos, pneumáticos, enseres, madeiras, colchóns,… de autoría privada máis material de obra pública, foi denunciado así mesmo por Luita Verde en decembro do 2020 e setembro do 2021, e malia solicitar o correspondente expediente sancionador e a súa retirada, o vertedoiro incontrolado sigue no lugar e mesmo incrementouse nos últimos meses despois de que a Consellería de Infraestruturas procedera unicamente a instalar unha sinal de proibición das verteduras que, como era de esperar, non representou ningunha solución efectiva.

Á parte, polo outro extremo, tamén hai outros vertedoiros á beira do camiño e da fonte do Redogrés, consistentes sobre todo en plásticos e entullos de obra, incluído restos de fibrocemento de uralita. Nos últimos meses se lle suma as terras e entullos de obra procedentes do arranxo na proximidade da estrada Abelendo-Coiro que ultimamente mesmo se están a verter no propio vertedoiro municipal incontrolado.

Por engadido, a estación de bombeo das augas residuais á rede do saneamento procedentes do campo de futbol municipal e de varias vivendas na proximidade, instalada a escasa distancia do vertedoiro incontrolado de residuos municipal, non está a funcionar correctamente e está a verter tamén incontroladamente augas residuais xunto con xeración de malos cheiros na ribeira de nacemento do río do Redogrés, e dentro do propio corredor ecolóxico segundo o POL.

Luita Verde denuncia que ao final O Casal e a ribeira de nacemento do río do Redogrés está a ser un auténtico punto negro de verteduras incontroladas de residuos, en especial do que se denomina como Residuos de Construción e Demolición (RCD), cun grave deterioro da paisaxe e do medio ambiente, ante a inacción e mesmo a complicidade das administracións públicas competentes. De non tomar medidas efectivas, cesando definitivamente as verteduras e procedendo á retirada inmediata dos vertedoiros incontrolados existentes ao punto limpo da Mancomunidade de Concellos do Morrazo ou a un xestor autorizado, Luita Verde vai ampliar as súas denuncias en Europa, polo grave incumprimento e continuado da Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os residuos, xa que os vertedoiros incontrolados de residuos están terminantemente prohibidos polos seus negativos efectos no medio ambiente e porque está a incumprirse claramente os obxetivos de reciclaxe e reutilización de residuos.

Achegamos fotografías actualizadas onde se observa como o Concello de Moaña segue a verter e soterrar de xeito incontrolado residuos tóxicos e non tóxicos correspondentes a gandes cantidades de terras mesturadas con restos vexetais, lixo e entullos de obra, mesmo dentro dos sacos de obra, sin separar e sin seleccionar, no lugar do Casal, nas parcelas 68, 69, 70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, dentro de solo rústico de protección agropecuaria segundo o PXOM, e anexo ao corredor ecolóxico segundo o POL, na ribeira de nacemento do río do Redogrés, sin as debidas e legais medidas de peche, impermeabilización do solo e de control e canalización de lixiviados. E tamén dos outros vertedoiros incontrolados polos arredores: O existente a 200 metros ao sur do do Concello en terreos expropiados pola Xunta de Galicia na proximidade do enlace do corredor de alta capacidade do Morrazo, o da beira do camiño da fonte do Redogrés, e o de augas residuais procedente da estación de bombeo na ribeira de nacemento do río do Redogrés.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: