Luita Verde denuncia o perigoso deterioramento da carballeira co cerquido de Temperáns

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllos escritos de denuncia dirixidos á alcaldía do Concello de Cangas e á xefatura territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, onde expuso:

Na contorna da praia de Temperáns, na parroquia do Hío, concello de Cangas, clasificada como solo non urbanizable de protección dos espazos naturais e anexa a solo non urbanizable das costas mariñas dentro das vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento do municipio, estase a producir un deterioramento da comunidade arbórea que rodea o dito areeiro, consistente en exemplares de cerquiño ou carballo cerqueiro (Quercus pyrenaica) en combinación cos de carballo (Quercus robur), que están a secar e quebrar no seu toro, ao que está a colaborar a instalación de cordas na súa ramaxe coa función de bambán.

Algún dos toros de árbore leva tempo caído no propio areeiro e outro está a piques de romper xusto por onde colga unha corda de bambearse, co que ademais representa un serio perigo para a seguridade das persoas que se acheguen ao lugar, tendo en conta ademais que esta praia está dentro da ruta sinalizada da senda costeira municipal que vai desde Cangas ata Donón.

O deterioro desta comunidade arbórea representa ademais unha problemática paisaxística e ambiental, onde á parte da merma na súa función de osixenación da atmosfera, suxeición do solo en pendente co seu aparato radicular e de refuxio e acubillo para a flora e fauna, está a afectar sobre todo os cerquiños de maior porte e idade existentes na comarca xa que esta especie, orixinaria do suroeste de Europa e o norte de África, é moi escasa e espallada no Morrazo, distribuida na súa maioría por lugares concretos do litoral e que aquí corresponde á contorna que vai da praia de Temperáns ata a praia das Moscas, na que conforma unha exclusiva e particular orla arbórea e arbustiva ramificada e coa folla pilosa e marcescente, que bordea os terreos areosos e o propio cantil trala enseada de Liméns e de camiño á Punta dos Castros, na marxe norte da ría de Vigo.

Malia ser un excelente creador de solos, a madeira do cerquiño é máis deformábel e de pior cualidade ca do carballo (Quercus robur), especie coa que comparte espazo no lugar.

E polo exposto solicitou:

A comprobación dos feitos, a retirada do toro de cerquiño roto e depositado no areeiro, a corta ou poda do toro a piques de quebrar e afectado polas cordas de bambear, procedendo así mesmo a súa retirada e a sinalización da prohibición de bambearse nas árbores existentes.

A realización dun estudo para comprobar o estado fitosanitario das árbores existentes, en especial dos cerquiños, das contornas das praias de Temperáns e das Moscas, e a aplicación dos tratamentos correspondentes de comprobarse que houbese a afección por algún factor patóxeno máis alá dos posibles efectos por factores biolóxicos, climáticos, edáficos ou da dinámica litoral e da influenza do ambiente marítimo.

Luita Verde con estes escritos reclama polo tanto unha maior implicación por parte das administracións públicas e un maior respecto por parte da cidadanía en relación coa conservación desta pequena xoia botánica do litoral morracense e, por engadido, xermolo da rexeneración ambiental do propio Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas xa que a comunidade de cerquiños ou cerquido de Temperáns, situada ao carón das ruínas da antiga fábrica de salgadura do século XIX e na proximidade do xacemento arqueolóxico moderno-contemporáneo do castelo do monte da Granda, foi a escollida tamén na década dos oitenta do pasado século XX para a recolleita de moitas das sementes que posteriormente se trasladaron e plantaron nas Illas Cíes na labor de restauración con esta especie da vexetación autóctona no lugar.

Achegamos fotografías recientes onde se observa o toro de cerquiño caído no areeiro, do toro de cerquiño a piques de quebrar coas cordas de bambear colgando na súa superficie e do deterioro na base do toro doutros existentes na contorna da praia de Temperáns

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: