Europa investiga o vertedoiro municipal incontrolado do Casal (Moaña) denunciado por Luita Verde

A Presidenta da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo informou ao Colectivo Ecoloxista Luita Verde, en escrito asinado o 23 de marzo deste 2022, que examinada a súa petición admitíu a queixa presentada por este colectivo o pasado 4 de novembro de 2021 contra do vertedoiro incontrolado de residuos que desde hai máis dunha década está a xerar o Concello de Moaña no lugar do Casal xa que entra dentro dos ámbitos de actuación da Unión Europea e pedíu á Comisión Europea que leve a cabo unha investigación preliminar sobre este asunto e que, tendo en conta do asunto que se trata, remitíu tamén a súa petición á Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria do Parlamento Europeo.

Luita Verde solicitara no seu escrito do 4 de novembro de 2021 a paralización definitiva do vertedoiro incontrolado municipal do Concello de Moaña no lugar do Casal por contravir a Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello sobre os residuos e da que emanan a Lei 22/2011 de residuos e solos contaminados do Estado español e a Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia.

Baseárase en que despois de case un ano, coa primeira denuncia en decembro do ano 2020, a Xunta de Galicia que é a que ten delegadas a nivel estatal as competencias en materia de residuos a través da Lei 6/2021 de residuos e solos contaminados de Galicia, non as está a executar por inacción e está a permitir que o Concello de Moaña a través do Departamento de Servizos e Obras siga vertendo de xeito incontrolado e ilícito residuos sen as debidas e legais medidas de impermeabilización do solo e de control e canalización de lixiviados nas parcelas 68, 69, 70, 71 e 76 do polígono 55 segundo a cartografía catastral, dentro de solo rústico de protección agropecuaria, anexo ao de augas e ao de infraestruturas segundo o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Moaña, e dentro de corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL) de Galicia.

Expusera que os residuos tóxicos e non tóxicos nunha superficie aproximada de 50 metros de lonxitude, 40 metros de ancho e 3 metros de altura, en continuado incremento, van desde grandes cantidades de terras, restos vexetais de corta e poda a entullos de obra de todo tipo -cemento, asfalto, lousas de cerámica esmaltada, cartón, tubarías, cableado, envolturas plásticas e roupa usada con polietileno, poliester e policloruro de vinilo, pezas metálicas de fontanería, inodoros, caldeiras, electrodomésticos, restos de láminas de fibrocemento de uralita e la aillante con amianto, e en moitos casos todo xunto sen ningunha separación selectiva dentro dos propios sacos de obra-.

E que en setembro de 2021, ante a falta de resposta aos escritos e solicitudes Luita Verde, volveu a presentar unha segunda denuncia porque o Concello de Moaña estaba a verter por engadido area, xunto con algas e outros residuos orgánicos e inorgánicos procedentes das praias do municipio xunto con outros -pneumáticos, mobiliario de madeira, cadeiras plásticas, sacos de obra con entullos, tubarías…- enriba do bosque de ribeira e manancial anexo a dito vertedoiro, correspondente á conca de nacemento do río do Redogrés, daí a afección tamén ao corredor ecolóxico denro do POL, do que así mesmo volveu a atoparse posteriormente coa falta de resposta da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Por outra banda Luita Verde, a sabendas de que a Consellería de Medio Ambiente abríu finalmente un expediente sancionador ao Concello de Moaña o pasado 27 de decembro de 2021 en base ao informe de data 07-01-2021 da Unidade do Corpo Nacional da Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e que o 16-03-2022 remítenos un escrito a través da sede electrónico que dí “En relación á petición de Luita Verde do 09-02-2022 referente a vertidos no barrio do Casal en Moaña ao abeiro do disposto na Lei 1912013 de 9 de decembro de Transparencia e bo goberno infórmolle do seguinte A raiz da súa denuncia sobre vertidos, instruiuse o oportuno expediente sancionador contra o Concello de Moaña. Dito expediente se atopa en fase de recurso de alzada”, Luita Verde finalmente respondeu que “Esta resposta da Conselleria de Medio Ambiente mantén a ilegal interdicción da arbitrariedade ao seguir obviando o concepto de interesado que ten Luita Verde amparado pola ampla lexislación existente e que vimos reclamando nas sucesivas denuncias presentadas, en canto á solicitude do 09-022022 era entre outras a lei 27/12/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente e solicitábase; d- Copia do expediente sancionador incoado ao Concello de Moaña polos verquidos ilegais no barrio do Casal, B.- informe de data 07-01-2021 da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Que Luita Verde de acordo co art. 4.1. c da Lei 39/2015 do I de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, é parte interesada no procedemento sancionador incoado ao Concello de Moaña polos prexuízos que está a causar ao medio ambiente amplamente demostrado nas reiteradas denuncias presentadas nesa Consellería, denuncias motivadas polos fins acreditados nos seus estatutos de promover, defender e asegurar en Galicia a conservación da fauna, flora, paisaxe, as augas, o chan e demáis recursos naturais. así como o Patrimonio Cultural Histórico Artístico.

Por todo o exposto, solicitou este pasado 21 de marzo de 2022 á dita Consellería de Medio Ambiente: 1.- A proposta da Resolución do expediente sancionador notificada ao Concello de Moaña. 2.- O Recurso de Alzada presentado polo Concello de Moaña.

Luita Verde salienta que o Concello de Moaña estivo ata agora a a mentir e falsear continuamente a realidade, dicindo que este vertedoiro é temporal, que os residuos vexetais son destinados á compostaxe ou que os inertes son destinados ao seu procesado na planta medioambiental da Mancomunidade de Concellos do Morrazo na Portela, e diso temos probas feacientes que non é certo como as fotográficas achegadas ao tanto desde este colectivo ao longo destes últimos dous anos e presentadas así mesmo diante da Consellería de Medio Ambiente e da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

Como proba a maiores achegamos así mesmo as fotos actualizadas onde se observa que o Concello de Moaña segue a verter incontroladamente no lugar xunto coas verteduras de todo tipo de residuos -láminas de poliester, cachotería de planchas de fibrocemento, inodoros, electrodomésticos, tarimas sintéticas, envolturas plásticas, tubarías, sacos de obra, restos vexetais, area con algas …- que persisten no lugar sin a previa selección e separación e postrior transporte a un punto limpo para a súa reciclaxe e reutilización ou o tratamento en instalacións autorizadas como no caso do fibrocemento, nos noiros de varios metros de altura entre bidueiros, salgueiros, loureiros, carballos e castiñeiros e a vexetación, na ribeira alta do río do Redogrés e dentro do corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral.

Luita Verde salienta así mesmo que este non é o úneco vertedoiro incontrolado de residuos no dito lugar xa que a 200 metros ao sur do de xestión municipal existe outro con verteduras de obra e de voluminosos e inertes de xestión privada en terreos propiedade da Xunta de Galicia expropiados trala construcción do enlace do corredor de alta capacidade do Morrazo na proximidade, denunciado tamén por Luita Verde en decembro de 2020 e en setembro de 2021 ante a Consellería de Medio Ambiente, solicitando tamén a súa paralización e a retirada inmediata das verteduras e que ao final a úneca medida adoptada pola Xunta foi a de colocar unha sinal de prohibición das verteduras e na actualidade estas persisten e mesmo incrementadas no mesmo lugar.

Por engadido, no último ano producíronse novos focos preto da fonte e do camiño do Redogrés ao que se lle suma o procedente das obras de remodelación da estrada de Abelendo a Coiro que se está a acumular en grandes cantidades debaixo do propio viaduto de enlace do corredor de alta capacidade.

Luita Verde solicitou xa varias veces nas últimas denuncias ante o propio Concello e a Consellería de Medio Ambiente que Moaña ten que conseguir o correspondente punto limpo municipal debidamente pechado e impermeabilizado para tratar os residuos vexetais, inertes e tóxicos e perigosos xerados por unha poboación achegada ás 20.000 habitantes xa que o úneco punto limpo existente, en propiedade da Mancomunidade de Concellos do Morrazo e ubicado na Portela, no Concello de Cangas, á parte de estar alonxado, non cubre as necesidades de toda a poboación comarcal próxima ás 60.000 habitantes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: