Arquivo da categoría: Luita Verde

Luita Verde denuncia a existencia dunha granxa de visóns americanos en Vilaboa

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou este pasado 13 de xaneiro denuncias ao rexistro dirixidas ao Concello de Vilaboa e ás xefaturas provinciais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, onde expuso:

No lugar de Abadín, parroquia de Santa Cristina de Cobres, concello de Vilaboa e dentro de solo rústico de protección de espazos naturais segundo o PXOM, está situada unha granxa de visóns americanos (Neovison vison) que verte augas residuais ao exterior, entre o arborado e a matogueira, na valgada pertencente á conca do rego do Portiño.

As verteduras ao exterior suceden a través de pequenas rellas e tubería instaladas na parte inferior do muro de bloques de peche, no extremo sur da parcela obxecto da explotación e preto da última fila de gaiolas metálicas onde están instalados os visóns.

Isto contravén o disposto no parágrafo primeiro da Disposición Sexta de Instalacións ou explotacións industriais ou comerciais que alberguen especies incluídas no catálogo do RD 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras (RDEEI), onde di “As administracións competentes esixirán aos titulares das instalacións ou explotacións industriais ou comerciais… a adopción de medidas preventivas apropiadas e suficientes, incluíndo a regulación da súa ubicación, para previr escapes, liberacións e verteduras…”.

Feitos recentes en Holanda e Dinamarca veñen alertar, por engadido, da posible vía de contaxio do coronavirus COVID-19 a través dos visóns das granxas como hospedadores, polo que estas verteduras, ademais dunha problemática ambiental poderían ser tamén unha ameaza para a saúde humana e a biodiversidade.

Segundo o RDEEI, desde o 13 de decembro de 2011 están prohibidas novas explotacións de granxas de visóns ou ampliacións das existentes.

A explotación intensiva de visóns americanos co destino da industria peleteira é un exemplo claro de maltrato animal e só hai que ver o ateigamento existente deles nesta granxa ao que hai que engadir que, tras escasos seis meses de vida, adoitan ser sacrificados finalmente pola vía do gaseamento.

O seu escape ou liberación no medio natural, que sempre pende sobre estas explotacións, é, por outra banda, unha grave problemática ambiental pola voracidade e alta competitividade desta especie alóctona e invasora con respecto á biodiversidade e fauna autóctona e exemplos temos dabondo no territorio galego nas últimas décadas.

O máis ético e legal é que no inmediato futuro desaparezan definitivamente estas explotacións a nivel estatal, como xa está a suceder e por lei en varios países europeos e a nivel internacional.

Polo exposto solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador e o peche da granxa de visóns americanos.

Adxuntamos fotografías dos feitos salientando ao mesmo tempo que esta é unha das 31 granxas que existen en Galicia e que, por engadido, representan o 90% das granxas existentes a nivel estatal.

Deixar un comentario

Arquivado en concellos, Luita Verde

Luita Verde denuncia vertedoiros de lixo e entullos en Meira (Moaña)

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou senllas denuncias a rexistro dirixidas á alcaldesa do Concello de Moaña e ás xefaturas provinciais das Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura en Pontevedra da presenza de varios focos incontrolados de verteduras de lixo e entullos de obra nos lugares das Cidades, da Devesa e de Reibón, na parroquia de Meira, concello de Moaña, dentro de solo rústico de protección de espazos naturais, da área de protección de cautela dos xacementos arqueolóxicos do Castro das Cidades e dos petróglifo de Pozo Garrido máis dos desplazados da Devesa do Rei e do Viveiro, e en Espazo de Interese (EI) segundo o Plan de Ordenación do Litoral (POL), contravindo flagrantemente a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Nas denuncias expúxose que á beira de viais forestais e preto dos enlaces coa autovía do Morrazo, verteuse desde envolturas e botellas plásticas a latas metálicas de bebidas, botellas de vidro, CD, mobles vellos con revestimentos sintéticos, caixas de poliestireno expandido, cerámica esmaltada, bloques de cemento, inodoros, electrodomésticos, tuberías plásticas, tuberías metálicas, envolturas de aluminio, revestimentos de poliestireno aillante e ata aerosoles inflamables.

Que a autoría parece ser de pequenas empresas da construción e/ou de particulares.

Polo exposto, solicitouse a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador á autoría e que se proceda á retirada e eliminación das verteduras, repoñendo os lugares ao seu estado anterior.

Que o Concello de Moaña proceda á búsqueda de terreos para a consecución dun punto limpo municipal que disuada e evite a proliferación das verteduras incontroladas de entullos, residuos vexetais, inertes e tóxicos e perigosos no medio ambiente deste municipio.

Luita Verde lembra que o propio Concello de Moaña está a verter desde hai anos grandes cantidades de terras e entullos sen control no lugar do Casal, contravindo tamén a lei de residuos, e que as verteduras incontroladas de Meira están a afectar tamén a contorna natural e patrimonial por onde transcorre o sendeiro sinalizado de reciente creación que, a nome de “Patrimonio de Moaña”,  promoveu o mesmo Concello de Moaña coa colaboración de varios organismos autonómicos, estatais e fondos LEADER europeos.

Luita Verde esíxelle por outra banda ao concelleiro de urbanismo e medio ambiente do Concello de Moaña que deixe de xustificarse ante as nosas denuncias ambientais coa reciente consecución da “bandeira verde” por parte deste concello xa que no fondo ese recoñecemento autonómico non deixa de ser sesgado e puro “formalismo institucional” e, na realidade, non se corresponde coa correcta xestión ambiental que está a levar en moitos dos casos na actualidade este municipio no seu territorio, comezando pola xestión dos residuos mais tamén coa aplicación efectiva da legalidade urbanística ou a protección e conservación dos ecosistemas, polo que o conmina a que pase xa dunha vez aos feitos.

Deixar un comentario

Arquivado en Luita Verde, Moaña