fotos

O parque eólico de Pedras Negras promovido pola empresa italiana Enel Green Power España SL parte dunha área de estudo de 4.300 Has. que afecta a todo o espazo natural dos Montes do Morrazo máis a parte do Carballal de Coiro, os dous espazos naturais protexidos terrestres máis importantes da comarca.

O proxecto escollido inicialmente prevee a instalación de 14 aeroxeneradores de 119 metros de altura de buxe e 112 metros de diámetro de pás, a ocupación dunha explanada de 17 metros² de superficie por cada aeroxenerador, a apertura de novos viais e o ancheado doutros existentes que en total suman 17.302 metros lineais, 15.702 metros de gabias para instalación de cableado eléctrico e comunicacións, e unha subestación eléctrica. Fotos

Afectaría ás áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, entre os 450 m. e os 600 m. de altitude situados na zona máis alta da península do Morrazo e preto dos altos de Monte Faro de Domaio e Coto do Home, as principais cimeiras con máis de 600 m. de altitude.

Estas áreas afectadas están ubicadas integramente dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra e a pouca distancia do LIC da Enseada de San Simón, espazo natural integrado na Rede Natura.

Afectaría ás amplas vistas panorámicas cara ás Rías Baixas entre a ría de Vigo e a de Pontevedra e coas Illas Cíes e Ons integradas no P. N. das Illas Atlánticas no horizonte. A panorámica afectada espállase por un lado cara aos montes do Salnés e a serra do Barbanza e polo outro cara ás serras da Groba, Galiñeiro, Galleiro, Suído e Monte Faro de Avión, estas dúas últimas xa no límite coa provincia de Ourense. Fotos

Afectaría a unha zona de importancia xeolóxica con granitoides hercínicos e de rochas graníticas lindeira con outra de formas metamórficas conformando unha paisaxe exclusiva. Afectaría así mesmo a unha sucesión de releves graníticos en altura con abundancia de bolos e rochas de distintas morfoloxías, e infinidade de pías e cacholas moldeadas polos axentes naturais na pedra dende fases xeolóxicas remotas. Fotos

Afectaría co paso de viais os nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos coa súa desembocadura na Enseada de San Simón. Tamén poderían quedar afectadas charcas estacionais, pasteiros húmidos e brañas existentes. Fotos

Existen pequenos bosques orixinarios de carballo, vexetación arbórea de ribeira principalmente composta por salgueiro e exemplares espallados de sobreiras, acorde coa ubicación xeográfica e natural do lugar, dentro do subclima continental atlántico, influenciado pola entrada de subclima mediterráneo. Fotos

Un rico monte baixo de uces e matogueira debido á abundancia e diversidade de especies de breixos, complementado con carpazas, xestas e toxeira, propios de ambientes nitrófilos, turbosos, e verdadeiros rexeneradores de solos pobres a nivel granítico ou empobrecidos pola acción dos lumes. Fotos

Entre a vexetación, que ficaría afectada polas obras, existe unha variedade de flora que se corresponde coa situación xeográfica e os bioclima atlántico e mediterráneo no que se encadra, con hábitats de interese comunitario e a presenza de especies endémicas do noroeste ibérico. Fotos

Debido a existencia de varios ecosistemas (acuáticos, monte aberto, bosques…) hai unha alta biodiversidade que ser vería afectada, principalmente aves e morcegos, pola presenza dos muíños e a atracción centrífuga das pás dos aeroxeneradores.

Afectaría ao monte mancomunado das parroquias de Santomé de Piñeiro (Marín), San Adrián de Cobres (Vilaboa) e Domaio (Moaña), con xóvenes repoboacións forestais principalmente de Pinus pinaster e Pinus radiata, en substitución de anteriores plantacións de eucalipto, e onde a apertura de pistas e gabias, a construción de cada un dos aeroxeneradores máis a da subestación eléctrica implicarían a tala do arborado existente e a imposibilidade futura de repoboación nas zonas afectadas. Tamén hai que ter en conta a afección do parque forestal de Chan de Arquiña con repoboación de castiñeiros e carballo americano e os corredores verdes con bidueiras, carballos e castiñeiros por Chan de Gagán.

O patrimonio arqueolóxico, que nos Montes do Morrazo é moi rico, variado e abundante, principalmente as mámoas existentes entre as zonas de Chan de Armada e Chan de Arquiña e un petróglifo de Outeiro de Gorgullo no monte Formigoso poderían ficar afectados pola construción de pistas, gabias e o tránsito de maquinaría pesada, non sendo respectada a súa área de protección no estudo do parque eólico. Tampouco se desbota que a parte destes xacementos catalogados puideran ser afectados outros xacementos aínda por descubrir así como algunhas construcións etnográficas que no pasado tiveron un uso silvopastoril. Fotos

Os veciños e veciñas dos núcleos rurais de San Lourenzo (Domaio) e Sobreira (Vilaboa) ficarían enormemente afectados polo impacto acústico e paisaxístico dada a súa proximidade ao parque.

Mais tamén todos os demais cidadáns/ás veremos como outros usos como o social ou o deportivo ficarán tamén afectados. Así a área de lecer do parque forestal de Chan de Arquiña ficaría afectada polo impacto acústico e paisaxístico (ademais das molestias durante a construción do parque como o paso de maquinaria pesada); e prácticas deportivas como o parapente que ten un punto de despegue no monte Gagán onde a existencia de muíños imposibilitaría a súa prática aérea ou o roteiro sinalizado de bicicletas de montaña, que ficaría obstaculizado coas obras. Fotos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s