Aclaracións con respecto á tramitación AIA do desdobramento do corredor do Morrazo

P2080470A resposta dada desde a Xunta de Galiza e a Consellaría de Infraestruturas esta fin de semana, antes as queixas da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo polas verteduras de terras das obras do corredor do Morrazo deixan en evidencia que ou ben son uns verdadeiros incompetentes ou miran para outro lado.

Manifestar que o actual trazado en construción supuxo unha redución do impacto ambiental e do movemento de terras con respecto ao proxectado inicialmente, e vistas as consecuencias denunciadas en moitas notas de prensa por esta plataforma, é unha auténtica tomadura de pelo.

Por outra banda, a pobre resposta dada aos medios para xustificar a súa decisión de non realizar a legal e correspondente Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) do desdobramento non se sustenta, se temos en conta que partimos dunha obra que se realizou baixo o amparo dunha dunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001 que só tiña unha calzada de dous sentidos, e que non contaba coas obras que serían necesarios para a conversión en deste en dúas calzadas, que sería a definición do corredor actual na Lei 4/1994 de Estradas de Galiza.

P2080677En base a isto e, segundo o anexo I do Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental, a avaliación ambiental tiña que se realizar obrigatoriamente ao se tratar neste caso dunha vía existente (de tipo vía rápida) que se modifica o seu trazado para convertilo en autovía (novo trazado, accesos, novos tuneis, viadutos e afección sao longo de máis de 10km).

Ao enteder desta plataforma, que non se realizase a correspondente AIA forma parte dunha estratexia premeditada pola Xunta de Galiza, incumprindo coa propia lexislación ambiental, para salvar a obra do desdobramento, pois de se chegar a realizar a avaliación do proxecto tal e como está, con toda probabilidade, o desdobramento non podería ser aprobado nin realizarse.

P2080708Cómpre sinalar, que o trazado foi modificado en varias ocasións cara ao sur, cando inicialmente o desdobramento iría cara ao norte e por subtramos. Estas modificación non responden a ningunha cuestión medioambiental como a posible redución do impacto, senón que teñen a ver máis con cuestións económicas, como non ter que gastar máis diñeiro en reducir o impacto que provocou a propia construción do mal denominado corredor, e por outra banda para non facer a súa ampliación con tuneis en boa parte do seu trazado.

Na realidade o que se está a facer co desdobramento en curso, é un calco do que se fixo mal na construción do propio corredor, reproducindo e aumentando o impacto producido no seu momento por este, co agravante do incumprimento das correccións de impacto que contiña a DIA do 2001. Todo isto, tendo en conta ademais esta DIA é a mesma que utilizou a Xunta para non realizar a legal e correspondente AIA do desdobramento.

DSC07536O corredor lonxe de suponer unha revolución na mobilidade para as comunicación viarias do sur do Morrazo, como se afirma nos medios, no futuro o que comportará a súa entrada en funcionamento, serán máis colapsos e unha maior perda de accesibilidade para a poboación nas estradas da comarca. Esta suposta mobilidade traducirase no futuro nunha maior dependencia do automóbil privado, das enerxías fósiles contaminantes e escasas e unha depauperación do transporte público colectivo.

Con estes e outros argumentos similares pretendeuse convencer a toda a comarca das bondades do propio corredor, mais ao pouco tempo xa se comezaron a ver as consecuencias da entrada en funcionamento desta infraestrutura. Incremento do parque automovilístico, atascos e accidentes sobre todo no verán cando a xente de fóra da comarca vén as praias do Morrazo.

DSC07628Hai que ter en conta ademais que este corredor non desemboca noutro corredor ou autovía, senón que remata na rede primaria e secundaria, de moita menos capacidade de absorción do tráfico nunha península sen máis saída que o mar, provocando un efecto funil ou boca de embotellamento.

Desde hai anos existen varios estudos a nivel estatal e internacional que veñen corroborar o que está a suceder agora aquí, onde se amosa que a máis e máis grandes estradas, maiores colapsos, dentro dun círculo vicioso e sen saída.

Por último, malia que a Xunta xustificou no seu momento que o desdobramento ía saír máis económico do inicialmente presupostado, o proxecto pasou dos case 42 millóns de euros orzamentados nun principio, aos 50 millóns de euros actuáis. Este gasto e o seu desfase están a hipotecar os investimentos noutras alternativas máis necesarias e sustentábles como a vertebración, a humanización e a mellora da rede viaria existente, a potenciación do transporte colectivo e intermodal, as sendas peonís e de bici ou a consecución de infraestruturas sociais, culturais, sanitarias,… a nivel municipal e comarcal que fagan que a poboación local reduza a dependencia e quilometraxe do automóbil privado nos seus desprazamentos por estrada.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Verteduras incontroladas de terras das obras do corredor do Morrazo acaban nos regos e na ría

rego Barranco do Faro coas verteduras

Rego do Barranco do Faro

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar publicamente as verteduras incontroladas que acaban nos cursos fluviais e finalmente na ría por mor das obras de desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo. Estas verteduras están a sedimentar os seus fondos e a afectar a biodiversidade acuática e mariña ademais do patrimonio asociado á ribeira dos ríos.

Neste sentido, este pasado xoves 1 de febreiro, a primeira hora da tarde, o rego do Barranco do Faro baixaba coas súas augas dunha cor marrón e mesmo escura polos áridos procedentes dos grandes movementos de terras que se están a levar a cabo debaixo do viaduto da Mó sen as correspondentes as barreiras de contención.

lavadoiro afectado polas verteduras á beira do rego Barranco do Faro

entrada e interior de muíño sedimentado á beira do rego Barranco do FaroEstas verteduras non son as únicas que se produciron até agora neste rego, xa que estes feitos repítense practicamente desde o comezo da obra. Proba disto é a evidente sedimentación no seu leito, na ribeira, no patrimonio cultural, arqueolóxico e etnográfico próximo ao seu curso –muíños, lavadoiros, contorna do petróglifo da Poza da Cachadiña- até a desembocadura do rego na marisma da enseada de Meira. Espazo, este último, dun grande valor ambiental e marisqueiro.

obras no viaduto da Mó e vertedura de terras sen control ao rego Barranco do Faro

Obras no viaduto da Mó e verteduras incontraladas ao rego Barranco do Faro

Por desgraza, este non é o único rego afectado polas obras xa que, en maior ou menor medida, todos os regos que están ao longo do trazado do desdobramento do corredor – Miñouva, A Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, A Fraga, O Inferno- están a verse afectados tamén polos movementos de terras. De feito, a finais do ano pasado e a comezos deste, co paso dos restos do furacán Ana e as sucesivas borrascas, houbo tamén varios episodios de verteduras incontroladas no rego da Fraga, desde o viaduto da Fraga até a súa desembocadura no intermareal da Xunqueira – outro espazo natural de grande valor ambiental e marisqueiro-, no rego Miñouva, desde o viaduto da Moura até a súa desembocadura na enseada de San Simón – dentro da Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000-.

embocadura do rego Barranco do Faro coas verteduras na enseada de Meira

Desembocadura en Meira do rego Barranco do Faro

Estas verteduras que xa se produciron con anterioridade coas obras do propio corredor, reiteran os efectos perxudiciais que implica a ocupación para o medio e a súa biota, afectando a ictiofauna e as comunidades de vertebrados e invertebrados dos fondos fluviais e un maior risco de inundacións para as súas ribeiras. Por outra banda, están a provocar unha maior sedimentación da ría como val fluvial cuberto polo mar, cunha maior alteración da súa dinámica litoral, eutrofización e afección a maiores da súa fauna e flora peláxica e bentónica, incluídas as especies extractivas como recurso.

Se temos en conta que aínda estamos en febreiro, e aínda han chegar novas frontes de borrascas, estas verteduras de seguro que se repetirán agravando aínda máis os efectos prexudiciais para o medio.

Por outra banda, a Plataforma alerta tamén do enorme perigo ambiental para a biodiversidade que supón a utilización de especies alóctonas e invasoras para a fixación dos noiros do desdobramento do corredor. Neste senso, cómpre lembrar a grave afección que xa supuxeron para os nosos montes a utilización como pantalla vexetal de especies como a Acacia melanoxylon e en especial da Acacia mearnsii.

Esta última especie introducíuse no Morrazo por primeira vez coas obras do corredor, e en menos dunha década espallouse de xeito totalmente incontrolado ao longo do seu trazado desde Domaio até a Serra da Madalena, afectando en sobremaneira os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro. Alén da ameaza para a biodiversidade, estas especies son pirrófitas e, polo tanto, supoñen un perigo porque espallan os lumes con facilidade. Outra especie invasora que se introduciu tamén nalguhas zonas foi a herba da pampa (Cortadella seoana).

Hai que salientar ademais o enorme impacto paisaxístico e ambiental dos novos cortes na rocha de ducias de metros de altura a golpe de barreno por todo o trazado, en especial na Costa do Cabido, no alto da Borna e no alto do Caeiro que é perfectamente visíbel desde boa parte do concello de Moaña e da ría e que está a crear mesmo inseguridade na poboación. E o tremendo impacto que, ao mesmo tempo, se está a producir nas capas freáticas do subsolo e as augas nelas integrados ademais da perda de solo fértil e de sumidoiro de CO2.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembra que o desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo está a realizarse sen a legal e correspondente fase de Avaliación de Impacto Ambiental, a través dunha Declaración de Impacto Ambiental do ano 2001 realizada para unha estrada de dous carrís e incumprindo ademais moitas das medidas de corrección contempladas no seu Estudo de Impacto Ambiental. E que os impactos non van rematar coa finalización da obra, senón que continuarán e aumentarán posteriormente coa súa entrada en funcionamento para o transporte privado, co incremento da contaminación atmosférica, acústica e mesmo hídrica.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Os problemas colaterais do desdobramento do corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo leva sinalando desde hai anos que o modelo de infraestruturas viarias que representan obras como a do desdobramento do corredor do Morrazo en autovía son incompatíbeis con outro tipo de alternativas de transporte máis sustentábeis.

Podémolo comprobar co que sucede co transporte colectivo coa contínua perda de liñas, a baixada da súa calidade, o seu deficit económico e a súa persistente deficiencia. Xunto con isto, este modelo tamén repercute no abandono e na falta de vertebración da rede primaria de estradas. Unha rede que absorve boa parte do tráfico rodado, que sumado á mala sinalización das estradas e a neglixente condución, fai que acumule uns índices de sinistralidade moi elevados.

A entrada en funcionamento do corredor fixo que se incrementase notablemente o tráfico na comarca, sobre todo no verán, cando a xente doutros puntos da ría veñen ás praias do Morrazo, producíndose ademais grandes atascos, o que contradi un dos principais fins que xustificaron a construción deste corredor . Mais este incremento do tráfico e as súas consecuencias fixéronse tamén máis evidentes a nivel comarcal o resto do ano, e como claro exemplo disto temos o que está sucedendo co peche do corredor desde o comezo das obras de desdobramento que, sexa puntual ou prolongado, está a colapsar de xeito continuado e en horas punta a PO-551, a estrada que segue a ser a principal vertebradora da comarca.

Este grande incremento do tráfico por mor da posta en funcionamento do corredor no seu día elevou aínda máis a sinistralidade tanto no propio corredor como nas demais estradas da comarca sen que nunca houbese responsabilidades políticas nin técnicas polas súas deficiencias.

Os accidentes de tráfico están entre as primeiras causas de morte no Estado español, superando sempre o millar de vítimas cada ano, producíndose ademais un repunte nestes dous últimos anos mudando a tendencia a baixar o número de vítimas. E todo isto sucede malia as numerosas campañas de sensibilización que realizan os organismos públicos, o sistema de puntos, as multas e outras medidas que toma a DXT.

Ademais das vítimas mortais, os accidentes de tráfico deixan a outras moitas persoas con problemas de mobilidade, mutilacións e outras patoloxías que darían para cualificar os accidentes de tráfico como unha epidemia.

Alén das consecuencias máis visíbeis do tráfico, hai outros efectos que tamén son moi nocivos para a saúde das persoas como poden ser as patoloxías producidas pola contaminación ambiental, acústica e atmosférica (NO2, SO2, partículas de pó en suspensión…) derivadas da combustión dos motores dos vehículos.

Esta contaminación tamén ten consecuencias negativas para o medio que nos rodea, a biodiversidade en xeral e o propio planeta a través da mudanza climática, onde as altas emisións de gases de efecto estufa do transporte por estrada son un dos principais responsábeis do seu incremento.

A PDMM celebra que tanto desde o movemento veciñal como do goberno municipal de Moaña nestes últimos días se lle achegase á Xunta de Galiza unha serie de propostas e medidas para mitigar a alta sinistralidade que padece a estrada PO-551 ao seu paso polo concello de Moaña.

Malia os efectos positivos que poidan ter estas medidas (rotondas, pasos intelixentes, camiños seguros…), e dependendo de como se executen finalmente, non deixan de ser actuacións centradas na súa maioría no uso do automóbil privado e, a longo prazo, non deixan de ser un parche, pois a proposta debería ser integral e afectar ao mesmo tempo a toda a estrada ao seu paso polos outros concellos da comarca -Cangas, Bueu e Marín-.

Cómpre actuar urxentemente tamén nas estradas PO-331 e PO-315, peor dotadas que a PO-551 mais cuns niveis de tráfico viario importantes, especialmente nos veráns, e, en colaboración coa Deputación, tamén nas estradas secundarias que, por outra banda, son as que en peor estado está o seu pavimento, non teñen apenas sinalización nin beirarrúas e en moitos casos pola falta de limpeza e mantemento nin beiravías.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos lembrar que o proxecto de desdobramento do corredor estivo en exposición pública ao mesmo tempo que o Plan de Mobilidade Viaria da península do Morrazo. E que neste plan estaban incluídas a mellora e seguridade viaria nas principais estradas comarcais, ou dito doutro xeito, o plan tiña que vertebrar e mellorar de xeito integral as comunicacións viarias da comarca.

O dito Plan de Mobilidade Viaria da península do Morrazo foi aprobado pola Xunta en abril de 2013 e, tal e como alegaramos en setembro do 2012, a maioría dos investimentos deste plan foron parar ao proxecto de desdobramento do corredor. Un proxecto que, por outra banda, veu incrementado os seus orzamentos inicialmente previstos. E todo isto en detrimento doutras alternativas máis sustentábeis como a potenciación do transporte colectivo e intermodal, a propia e necesaria vertebración, mellora e humanización de toda a rede de estradas comarcais ou a construción de carrís bici e sendas peonís de xeito integral e non seccionado como está sucedendo.

Para a Plataforma a ampliación do corredor en autovía á parte do grave e irreversible impacto ambiental, cultural e paisaxístico que está a implicar no territorio, nos espazos naturais e nos montes da comarca, está a ser unha obra moi custosa e inútil que vai xenerar máis contaminación e grandes atascos nas estradas comarcais polo seu efecto funíl, non vai solucionar o problema da accidentabilidade e a siniestralidade, xa que a maior tráfico por lóxica máis probabilidade de accidentes e de siniestros e, por engadido, está a hipotecar as inversións na súa xusta medida en alternativas máis racionais e sustentabeis que deben partir do fundamento base da desincentivación do uso do transporte privado.

 

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Roteiro pola protección dos montes Sobareiro e da Cova

cartel andaina monte sobareiro e da covaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 21 de xaneiro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes Sobareiro e da Cova, catalogados como solo rústico de especial protección de costas e forestal nas parroquias de Seixo e Ardán, no concello de Marín.

O roteiro, primeiro deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá desde a Casa da Cultura de Seixo (aquí), para chegar ás 14 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por corredoiras, viais forestais e rurais, coincidindo en tramos co sendeiro municipal das praias de Marín, polos lugares de Montecelo, Loira, praia de Loira, Monte Sobareiro, Monte da Cova, A Teoira, praia da Ribeira Pequena, praia da Ribeira, Illa do Santo, Casás, A Teoira, As Bouzas, Moledo, Loira, Montecelo e Casa da Cultura de Seixo.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada PO-551 até o núcleo urbano de Seixo para finalmente baixar pola Rúa Ángel Araújo Escribano.

Recomendamos que de se chegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época invernal.

Roteiro pola protección dos montes de Sobareiro e da Cova

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

  • Montecelo, con amplas panorámicas da ría de Pontevedra.

 

  • A praia de Loira, onde emboca o rego do mesmo nome, coa súa fronte dunar rica en sedimentos e avifauna acuática e mariña.

 

  • O monte Sobareiro, fitónimo con referencia á presenza pasada da sobreira neste lugar, e o monte da Cova, orónimo que fai referencia a unha pequena cala ou raxa en forma de entrante. Ambos os dous conteñen unha liña contínua de cantís, penedías e abrigueiros rochosos con fortes pendentes e extraordinarias panorámicas da ría até Cabo Udra e Cabicastro, coas Illas Ons entre ambos, no horizonte.

    Ademais de pola súa importancia litolóxica e paisaxística, este espazo é importante polo hábitat de interese comunitario de cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas e o hábitat natural prioritario de breixeiras secas atlánticas costeiras. Por outra banda tamén é de importancia a súa extensión a través do litoral, tanto a nivel biolóxico como socioeconómico derivado da extracción dos recursos mariños.

 

  • A praia pequena de coídos e area da Ribeira Pequena ou Esqueiriño, fronte ao illote Pinela, está a continuación dos cantís dos montes Sobareiro e da Cova. Con respecto aos coídos cómpre salientar que son o rastro de hai 120.000 anos, no penúltimo periodo interglaciar, cando dentro do Cuaternario o nivel do mar estaba por riba do nivel actual. Así mesmo nos últimos anostamén se acharon nesta praia restos de utensilios líticos do Paleolítico.

 

  • A praia da Ribeira ou do Santo, é un hidrónimo que fai referencia á beira do mar onde emboca o rego Teoira, tamén chamado de Malvido ou de Casás na súa parte final, aínda que tamén e por outra banda, fai referencia á súa situación fronte á Illa do Santo, á que se une por un tómbolo de área que emerxe coas mareas baixas. Con presenza así mesmo de coídos, este espazo ten un enorme interese natural e paisaxístico que se amplía coa prolongación cara ao sur das praias da Coviña e Lapamán, illotes e cons, xa no límite coa parroquia buenense de Cela, tras sucesivas puntas litorais.

 

  • A Illa do Santo, de grande importancia natural e paisaxística, por outra banda, acolle na parte sur os vestixios culturais dun asentamento castrexo da Idade do Ferro, e dun xacemento medieval na parte norte, vencellado coa pasada advocación relixiosa a San Clemente ou Santo do Mar, que dá nome á illa, do que fai referencia no século XIII o xograr Nuno Treez nunhas cantigas de amigo e do que se conservan os restos abandonados dunha ermida reedificada posteriormente no século XVIII.

 

  • Os lugares de Loira, Moledo, As Bouzas, A Teoira e Casás, dentro de solo rústico ordinario, con exemplos de arquitectura popular -rúas, casas, hórreos, fontes, lavadoiros,…- ao redor de solo rústico de especial protección agropecuaria. Así mesmo é de importancia a casona, terreos e embarcadoiro do antigo almacén de salgadura de Punta Loira e a edificación dunha antiga carpinteiría de ribeira en Casás. A nivel relixioso cómpre salientar a presenza dalgúns cruceiros coma o de Malvido ou o antigo cemiterio protestante de Seixo.

 

  • Os muíños do tramo baixo dos regos Loira e Teoira, co seu hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, dentro do solo rústico de especial protección de augas.

Roteiro pola protección dos montes de Sobareiro e da Cova (2)

As principais afeccións para os montes Sobareiro e da Cova e a súa contorna nas últimas décadas foron os monoultivos forestais, a eucaliptización, os incendios forestais, o urbanismo incontrolado, as verteduras incontroladas de terras e lixo, o espallamento de especies invasoras e a ameaza de proxectos de parques empresariais na súa proximidade.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza en abril do 2016 a declaración de Lugar de Especial Importancia Paisaxística (LEIP) para o Montes Sobareiro e da Cova, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza. Por outra banda, posúe as características para ser declarado así mesmo como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ou, no seu caso, de Espazo Privado de Interese Natural (EPIN).

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

A PDMM rexeita o polígono industrial na Pastoriza

área afectada de Pastoriza desde Outeiro da Carballosa

Área afectada da Pastoriza desde o outeiro da Carballosa

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar publicamente a súa satisfacción pola recente sentenza que lle ordena retirar ao Concello de Marín do seu PXOM o polígono industrial no monte Pornedo. E quere ao mesmo tempo darlle os seus parabéns á Asociación Defende o Monte Pituco polo seu enorme traballo nesta nova vitoria xudicial.

No entanto, malia esta vitoria, a Plataforma quere amosar a súa preocupación e rexeitamento ante a alternativa de facer o polígono industrial na Pastoriza que parece estar collendo forza nos últimos tempos da man da corporación local conformada polo PP, PSOE, BNG e a Marea Veciñal de Marín.

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembramos que esta zona xa estivo incluída no seu momento na tramitación inicial do dito PXOM, aínda que foi retirada por distintos motivos para nada aleatorios.

Un dos principais motivos desta retirada do PXOM foi o seu afastamento da variante de Marín, VG 4.4, – ao redor duns cinco kilómetros- á que tería que acceder a través da estrada PO-313 Marín-Moaña, atravesando os lugares de Pardavila, O Cadro, Silvestre, A Troncosa e Miñán.

área forestal de Monte Furcos

Área forestal en Monte Furcos

A construción deste polígono comportaría – como no caso do da Cruz da Maceira con Moaña- a ampliación da estrada PO-313 e a afección de vivendas e propiedades que están á súa beira nos lugares citados dentro de solo rústico ordinario, rústico de especial protección de espazos naturais, agropecuario, forestal e de augas, para facilitar o paso de vehículos pesados ademais do impacto acústico e ambiental engadido. Algo que a propia Xunta de Galiza xa pretendeu a finais da década pasada dentro da proxección viaria do Plan Vigo Integra e que finalmente non se realizou debido, entre outras cousas, ao grande rexeitamento que provocou na veciñanza.

carballeira en Pedra da Pousa

Carballeira en Pedra da Pousa

O proxecto do Polígono da Pastoriza incluído no seu momento no PXOM ocupaba os lugares de Pedra da Pousa, Monte Furcos, Porteliña, A Telleira e Mingarella na parte máis alta do concello – ao redor dos 400 metros sobre o nivel do mar- dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais – espazo natural dos Montes do Morrazo-, forestal, de augas e patrimonial.

breixeira húmida atlántica do rego das Gorgadas

Breixeira húmida atlántica do rego das Gorgadas

Nesta zona de alto valor ambiental e social podemos atopar desde o nacemento dos regos Maceiras e das Gorgadas, ambos afluentes do rego Loira, con hábitats de interese comunitario e prioritario, ata fauna e flora salvaxe endémica e vulnerable, plantacións forestais, mámoas megalíticas, o GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo, o sendeiro de curto percorrido de Chans ou o sendeiro municipal de BTT e na proximidade o núcleo rural e agropecuario de Pastoriza.

GR-59

GR-59

Ademais de todo o anterior, este polígono estaría situado nas proximidades da Cruz da Maceira, onde o Concello de Moaña ten planificada outra área empresarial por riba da conca de nacemento do rego da Fraga e tamén incluída dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo. Esta área que está aprobada e integrada no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG) acaba de ser modificada e está na actualidade en fase de información pública.

mámoa de Forno das Arcas

Mámoa de Forno das Arcas

De se levar a cabo esta área industrial provocaría un enorme e irreversible impacto paisaxístico e ambiental na zona e na contorna que ocupen. Por iso desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos a promover que a veciñanza alegue masivamente contra esta modificación do parque empresarial de Moaña dentro do PSOAEG.

Ademais das graves consecuencias paisaxísticas, ambientais e socioeconómicas na zona – Regadantes, Pozo da Maceira e Campo Labrado-, a consolidación desta área dentro do PSOAEG podería comportar no futuro que se pudese incluír tamén o proxecto do polígono da Pastoriza ao seu carón tralos altos de Cruceiro, Baladiño e Outeiro da Carballosa, co cal aínda se multiplicarían as graves consecuencias para o medio.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo non debe de primar unha visión localista senón unha máis racional, onde primeiro ten que ocuparse as parcelas baleiras en parques empresariais existentes ao redor desta comarca -en Castiñeiras (Bueu) e na Portela (Cangas) hai cadanseu polígono na proximidade do corredor de alta capacidade do Morrazo-, na cercana área de Pontevedra e na provincia, coas súas debidas infraestruturas de acceso, sen esquecer que no propio concello de Marín hai pequenas áreas empresariais sen ocupar na súa totalidade.

Por outra banda, ten que rematar a estratexia de planificar áreas empresariais no chan rústico de especial protección, en altura e afastado dos núcleos de poboación, provocando un grave e irreversible impacto paisaxístico e ambiental en áreas naturais de grande valor, negativas consecuencias que poden afectar en fases críticas as partes medias e baixas do territorio até a ría, e un maior custe ambiental, enerxético e económico, xa que logo estamos en Galiza e non na meseta castellana.

As razóns paisaxísticas, orográficas, ambientais e culturais polas que o TSXG informou desfavorablemente ao polígono industrial no monte Pornedo dentro do PXOM marinense e anteriormente con respecto a súa inclusión no PSOAEG, son perfectamente asimilables ao parque empresarial de Moaña, na Cruz da Maceira, e á pretendida ubicación alternativa do de Marín, en Pastoriza.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Alegación á modificación no PSOAEG do parque empresarial de Moaña

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo redactou unha pequena alegación para que todas aquelas persoas ou colectivos que quixeren, podan amosar o seu rexeitamento á modificación no PSOAEG do parque empresarial de Moaña.

Esta alegación unha vez cuberta cos datos da persoa ou colectivo que a asine pode ser enviada por correo postal ao Instituto Galego da Vivenda e Solo ou entregada en calquera rexistro da Xunta ou portelo único dos concellos antes do 10 de decembro, data na que remata o periodo de alegacións.

Desde a PDMM alén de animar a veciñanza de Moaña e da comarca do Morrazo en xeral a entregar esta alegación contra a modificación do parque empresarial de Moaña, tamén agradeceriamos que quen a cubrise lla faga chegar aos seus contactos.

Alegación modificación do PSOAEG

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Valoración das I Xornadas pola protección e a posta en valor do patrimonio de San Xián

IMG_9732A parroquia de San Xián ten os mellores petróglifos, os máis singulares e coas mellores localizacións en beleza paisaxística”, afirmou o investigador e divulgador Antonio Costa nas ‘Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’. Esta iniciativa da Asociación Monte Pituco e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo deparou novos achados no legado arqueolóxico desta parroquia marinense: a representación dunha punta de alabarda no grupo número 4 do xacemento da Carrasca e a figura doutra arma no grupo 6 dese mesmo conxunto rupestre, ademais da localización de restos de cerámica preto do asentamento prehistórico de Pelagartos cuxa orixe -castrexa ou medieval- terán que determinar os expertos.

A ‘barferencia’ que impartiu Antonio Costa na Adega A Capeleira permitiu descubrir elementos “inéditos” nos gravados rupestres catalogados en San Xián grazas á técnica da reconstitución dixital en tres dimensións. Costa ten rexistrado con esta metodoloxía arredor dun cento de petróglifos, principalmente no Morrazo, tomando unha media de 100 fotografías de cada un que logo son procesados durante horas cun novidoso sistema informático baseado nun “modelo de puntos”.

Nesta ocasión, a súa intervención centrouse principalmente na análise dos complexos rupestres da Carrasca e de Champás, dos que a Asociación Monte Pituco e a Plataforma Montes do Morrazo solicítanlles á Comunidade de Montes de San Xián e ao Concello de Marín a súa incorporación ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e a conexión desta ruta co Lago de Castiñeiras.

Así, o material gráfico proxectado por Antonio Costa na súa charla e as “sorpresas” que xurdiron nalgunas desas imaxes, foron un anticipo da ruta de sendeirismo realizada ao día seguinte dende a igrexa parroquial ata os xacementos comentados na charla. Guiada por Cándido Martínez, da Plataforma Montes do Morrazo, e polo experto en patrimonio Paulo Troitiño, destacou a visita a un novo petróglifo reticular descuberto por este último na zona da Carrasca; o único destas características do que hai constancia en toda a bisbarra.

Ás actividades programadas nestas Xornadas asistiron representantes do Colectivo A Rula de Compostela, Irmandade Illa de Tambo, A Pedra Foxám, Vaipolorío, Ronsel, Queremos Galego Marín, Alén das Olas e A Forneiriña, entre outros. Precisamente, dende esta última organización lamentouse que a Xunta só dedicou “nos últimos catro anos oito euros a cada estación de arte rupestre”, segundo os datos obtidos da Administración galega.

IMG_9755Tamén se cuestionou a xestión do Goberno local de Marín en materia de protección e conservación do patrimonio, en tanto “só se promocionan os petroglifos de Mogor, o castro da Subidá e agora semella que tamén a pedrafita de Currás”, sinalou Antonio Costa, cando no ámbito municipal hai documentados máis de medio cento de gravados rupestres, os máis deles na parroquia de San Xián, nunha situación de total abandono.

A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo fan unha valoración moi satisfactoria destas Xornadas, que terán continuidade no futuro. As descubertas realizadas no grupo rupestre da Carrasca logo de sometelo á técnica da reconstitución dixital seranlle notificadas á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e á Concellería de Cultura de Marín para que as novidades detectadas sexan contrastadas polos técnicos e incorporadas aos inventarios oficiais

Coas ‘Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’ rematou a campaña de actividades impulsada dende a Rede do Patrimonio Cultural, da que forma parte a Asociación Monte Pituco, arredor do Día Mundial do Patrimonio, e na que colaboraron unha trintena de entidades de toda Galicia organizando máis de corenta accións de divulgación, promoción e sensibilización.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized