Arquivo por etiquetas: Marín

Luita Verde denuncia a forestalización e urbanización dos espazos naturais e arqueolóxicos do Morrazo

Movemento de terras para plantación forestal en Cobres-Vilaboa

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde alerta que mentres está a encherse a maioría do territorio morracense con monocultivos forestais e enerxéticos e construción de pistas a “diestro e siniestro” para o paso de maquinaria pesada, as áreas naturais mellor conservadas están a ser presa dos impactos directos e colaterais que están a provocar os proxectos de “parques forestais” e as “musealizacións” dos xacementos arqueolóxicos en espazos naturais e patrimoniais no territorio morracense, o que está a comportar a “forestalización” xeral do medio natural e a súa biodiversidade máis a súa “urbanización”, masificándoo e desnaturalizándoo con mobiliario, ao igual que está a suceder coa contorna física e ambiental dos elementos do patrimonio cultural en terreos de monte comunal e privado.

Aínda sendo conscientes de que é unha práctica que se está a levar a cabo desde hai un tempo, acrecentouse nos últimos anos e mesmo nos meses que levamos de pandemia onde, con fondos públicos, estanse a beneficiar economicamente empresas privadas a nivel local, autonómico e incluso estatal, e algunhas pódese dicir que afíns a determinadas formacións ou gobernos políticos.

Malia que transcorreran os anos o modelo segue sen mudar, consistindo na custosa e impactante instalación, pola súa aparatosidade, de paneis informativos e pasarelas de madeira ou metálicos que ao cabo do tempo rematan por degradarse, sendo incluso ilexibles, pola falta de mantemento, do desgaste das inclemencias da metereoloxía, dos incendios forestais ou directamente por efecto do vandalismo.

Na fase final pode dicirse que ademais acaban facendo a función de residuo co que iso implica para o medio. No mesmo lugar poden concentrarse mobiliario moi degradado de intervencións anteriores con outro de nova instalación e mesmo contradicirse no contido, que ás veces non se corresponde tampouco coa realidade.

Por engadido, e partindo de que non adoita existir unha ordenación dos recursos naturais, en moitos dos casos os espazos naturais ou elementos culturais e arqueolóxicos aos que se refiren non están nas condicións de conservación óptimas da súa contorna, rodeados de verteduras incontroladas, monocultivos intensivos a nivel forestal e vexetación alóctona, invasora e mesmo pirófita, en especial, piñeiros, eucaliptos e acacias, polo que a suposta “posta en valor”, “mellora” ou “recuperación” do patrimonio natural e cultural queda ao final de xeito “virtual” e “propagandístico” no improvisado mobiliario a expensas da intemperie

Por outra banda, están a considerarse como parque forestal e actuar como se fose unha plantación co que iso implica- cortas das copas e desbroces do sotobosque abusivas, tratamento ornamental,… – o que son espazos naturais, en especial carballeiras creadas de xeito natural e climácico a través da sucesión ecolóxica secundaria tras o abandono da intervención secular humana da roza e o silvopastoreo.

Están así mesmo a considerarse estas carballeiras como “masas protectoras” contra os lumes cando deberían estar clasificadas como “masas protexidas” a nivel ambiental e en tal caso o que tería é que eliminarse progresivamente boa parte das plantacións con monocultivos forestais de piñeiros e eucaliptos que imperan pola contorna, substituíndoas por especies frondosas caducifolias autóctonas.

Para exemplos temos:

Nun dos escasos espazos naturais protexidos da comarca, o da Zona de Especial Conservación de Cabo Udra na Rede Natura, na parroquia bueuense de Beluso, na reducida franxa terrestre protexida e onde paradoxicamente o que predomina é o monte baixo e a matogueira costeira atlántica aprobouse un “parque forestal” que ao final supuso o impacto da construción de novos viais, un deles ata a pequena praia dos Moscallos, outro ao carón e invadindo o bosque ribeireño e humidal da Escorregadoira xunto co encoramento das súas augas, e finalmente a corta a matarrasa da matogueira no propio cabo.

Na contorna do monte da Paralaia, en Moaña, en solo rústico de protección de espazos naturais e onde existe unha das carballeiras climácicas máis importantes do Morrazo, aprobouse outro “parque forestal” onde, falseando a información ao indicar que un dos atractivos do lugar é a existencia do GR-59 como “ruta de mountainbike”, na actualidade é un auténtico parque de atracción rodada, motorizada e humana, onde se mestura a presenza incontrolada e impactante de bicis de montaña, con motos e todoterreos polo medio das carballeiras, dos camiños e das pistas, e, desde que instalaron un banco de madeira na parte máis alta, o é tamén de punto de encontro de grupos numerosos e familiares de persoas, o que en tempos de pandemia significa tamén unha probabilidade alta de transmisión do coronavirus.

A escasa distancia deste “parque forestal” chega desde o veciño concello de Bueu e a través doutra importante carballeira, así mesmo en solo rústico de protección de espazos naturais, a ruta sinalizada “Hermelo, cerne do Morrazo”, onde parte da súa sinalización xa está degradada por actos vandálicos e pola falta de mantemento.

Pola parte meridional tamén está a chegar a nova ruta que está a promover o Concello de Cangas a través da importante carballeira de Coiro, tamén en solo rústico de protección de espazos naturais, abondando en mobiliario e xa veremos canto lle dura, habida conta de que este xa está a ser afectado polo vandalismo noutras sendas similares dentro deste mesmo municipio.

Nos montes da parroquia moañesa de Meira, en solo rústico de protección de espazos naturais a museaelización dunha parte do seu patrimonio cultural e arqueolóxico a través da senda municipal “Patrimonio de Moaña” ten a contorna rodeada de verteduras incontroladas de lixo e entullos e piñeiros, eucaliptos e acacias invaden as propias parcelas onde están ubicados os distintos elementos arqueolóxicos, basicamente petróglifos con gravados rupestres, cando deberían ter unha franxa perimetral sen arborado ao seu redor para a súa mellor protección e visualización e a súa contorna de xeito naturalizado con especies autóctonas.

Na mesma parroquia na proximidade da Pedra Morcegueira e no seo da carballeira máis importante a nivel local, persiste unha impactante pasarela de madeira de acceso en desnivel que foi afectada por un incendio forestal no ano 2015 e que na actualidade, á parte do impacto, non deixa de ser tamén un claro exemplo de inseguridade para o uso humano. Máis abaixo vense varios paneis informativos da comunidade de montes nun lamentable estado de conservación.

Na contorna natural da Poza da Moura, en solo rústico de protección de espazos naturais, na parroquia moañesa de Domaio, procedeuse á instalación de abondante mobiliario e sinalización e está a procederse ao desbroce continuado e de xeito lesivo da breixeira húmida atlántica, hábitat natural prioritario, ata o propio leito do rego da Miñouba.

Na contorna de Chan de Gagán, nos montes da parroquia marinense de Santo Tomé de Piñeiro, e en solo rústico de protección de espazos naturais, previo a que se solicitara a aprobación do parque forestal de Lagucheiros, procedeuse á plantación de especies exóticas na ribeira do rego Neibó, e a contorna está a completarse con plantacións de coníferas e mesmo eucaliptos que está a desnaturalizar a contorna na proximidade dunha das carballeiras máis importantes do municipio e tamén morracense.

No lugar de Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa, dentro de solo rústico de protección de espazos naturais e onde chegou a solicitarse outro parque forestal preto do Monte das Barreiras estase a facer movementos de terras e novas repoboacións ao redor das carballeiras e sobreirais da conca alta do rego do Portiño.

En Chan de Castiñeiras, ao redor da lagoa, entre os concellos de Marín e Vilaboa e no que precisamente ten as características de parque forestal, pola abundancia de especies foráneas e ornamentais de plantación e a urbanización con viais asfaltados, cementados e areas recreativas ao seu redor, preténdese aprobar erroneamente un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) mais no que contraditoriamente chegou a instalarse tamén mobiliario riba dos poucos valores ambientais de interese que lle queda, as brañas.

Para Luita Verde os verdadeiros ENIL e coa correcta zonificación e ordenación dos usos e recursos naturais, deberían ser as carballeiras citadas dentro de solo rústico de protección de espazos naturais correspondentes aos antigos espazos naturais protexidos do Carballal de Coiro, Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo as abolidas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra, e as postas en valor e musealizacións do seu patrimonio ao menor impacto cun menor gasto en mobiliario e maior en conservación, mellora e mantemento dos seus auténticos valores paisaxísticos, ambientais e culturais.

Deixar un comentario

Arquivado en concellos