Comunicado. Non á mina de Touro.

Máis de cen colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar, sindicais e de defensa do patrimonio rexeitan o novo proxecto de mina de Touro polos seus impactos ambientais inasumíbeis.

Tildan o proxecto presentado como unha “copia barata” do anterior, que xa foi chumbado en 2020 ao recibir unha Declaración de Impacto Ambiental negativa.

Denuncian a ocultación desde o mes de xaneiro pola Xunta do trámite de declaración como proxecto industrial estratéxico con fins electorais.

Máis dun cento de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar, sindicais e de defensa do patrimonio cultural e do Camiño de Santiago veñen de mostrar o seu máis rotundo rexeitamento á nova tentativa de Atalaya Mining de forzar a aprobación da abertura da mina de Touro, censurando ademais que a Xunta ocultara, con fins electorais, a súa tramitación como proxecto industrial estratéxico. Sinalan que o novo proxecto de explotación e estudo de impacto ambiental, presentados o 23 de xaneiro deste ano, semanas antes das eleccións, é unha “copia barata” do chumbado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsíbeis impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla.
Lonxe de enmendar o proxecto anterior, Atalaya Mining e a súa filial Cobre San Rafael volven a pór enriba da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago. O depósito de residuos está a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente. De feito, a instalación proposta sería ilegal en países como Brasil, Ecuador ou China. Segundo os colectivos asinantes, o único que cambiou nos últimos 4 anos foi a cantidade de diñeiro ‘invertido’ pola mineira en propaganda e campañas de desinformación sobre a realidade do proxecto, que ocuparía máis de 800 hectáreas.
Por iso, anuncian unha mobilización masiva e sen precedentes para impedir o fraude que supón declarar como proxecto industrial estratéxico unha proposta que xa foi declarada ambientalmente inviábel. A declaración como proxecto estratéxico suporía reducir á metade os prazos da tramitación, a non suxeción aos títulos habilitantes urbanísticos, a declaración de interese social a efectos expropiatorios e a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva, co que se pretende unha tramitación exprés que impida a participación pública e que os organismos sectoriais non dispoñan de tempo suficiente para emitir os seus informes. Debe terse en conta que o proxecto está composto por millares de páxinas e centos de documentos anexos.
Os colectivos lembran que o proxecto que volve a presentarse xa foi denegado por non acreditar a ausencia de afeccións significativas sobre o ciclo hídrico e sobre as masas de auga afectadas, nin acreditar a integridade do Sistema fluvial Ulla-Deza, espazo da Rede Natura 2000 e base do modo de vida de decenas de millares de persoas do Baixo Ulla e Ría de Arousa. A estes impáctos súmase o efecto devastador que o efecto tería para a economía das comarcas, particularmente sobre o sector agrogandeiro e agroalimentario así como para o Camiño de Santiago, que xeran emprego sustentábel e respectuoso co medio ambiente e a cultura local.
Apuntan a que nos últimos catro anos Cobre San Rafael, a filial de Atalaya, demostrou a súa absoluta ineptitude á hora de evitar a contaminación por metais pesados que continúa xerando a súa concesión mineira, o que evidencia a súa incapacidade técnica para un proxecto de tales dimensións. De feito, a empresa titular da concesión ven sendo repetidamente sancionada por Augas de Galicia polos danos ecolóxicos aos ríos Lañas e Brandelos, a pesar dos suspostos sistemas de tratamento.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑