A ameaza da nova proxección eólica no Morrazo

A recente negativa en pleno do goberno municipal do PP de Marín ao seu rexeitamento con respecto ao novo proxecto de parque eólico As de Guía que promove o Grupo Empresarial Arena Power entre os concellos de Marín, Moaña e Vilaboa e, por engadido, á Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) do Morrazo que o sostén a través do Plan Sectorial Eólico de Galiza, vén amosar que algo se está a xestar polo baixo, na sombra, en favor da proxección eólica no Morrazo, e, de feito, tampouco hai que esquecer que foi no concello de Marín onde a comunidade de montes da parroquia de Ardán se posicionou baixo asemblea no ano 2021 a favor de negociar co grande empresariado do sector a proxección dun parque eólico no lugar.

Pode que o PP coincida e tranquilamente cos intereses da directiva da dita comunidade de montes e sobre todo cos do empresariado do sector, daquela ACS e agora Arena Power, mais tampouco hai que esquecer que o bipartito PSOE-BNG na Xunta de Galiza, e a segunda formación política coa xestión directa da Consellería de Industria, non foron quen de parar no seu momento, a finais da década do 2000, a proxección eólica contemplada no daquela xa obsoleto Plan Sectorial Eólico de Galiza, incumprindo a súa promesa electoral de que non se construiría ningún novo parque eólico no territorio galego, a sabendas que o dito Plan Sectorial incumpría xa daquela a lexislación en materia de avaliación ambiental estratéxica e, por engadido, foron quen de crear un concurso eólico que posteriormente baixo goberno do PP servíu de base para a proxección no Morrazo do parque eólico de Pedras Negras, e no momento actual son tamén quen de facer “excepcións” con respecto á proxección eólica mentras dea servizo a proxectos industriais que “xeren riqueza e emprego para o país”.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vén reivindicando dende o seu inicio a retirada da dita ADE do Morrazo, de 4.300 Has. de extensión e adxudicada inicialmente a Endesa, que no seu momento sostivo oficialmente o proxecto do parque eólico de Pedras Negras promovido por Enel Green Power España -pertencente a Enel e dentro dela a Endesa-, posteriormente o oficioso que promovía ACS e Aratel Renovables, e na actualidade o proxecto oficial do parque eólico As de Guía promovido polo Grupo Empesarial Arena Power, e onde entre Enel Green Power España e o Grupo Empesarial Arena Power, primeiro e último promotor, existe ademais o precedente asociado de compraventas de proxectos nos últimos anos.

A Plataforma vén así mesmo reivindicando que a área na que se localiza a dita ADE, que abrangue o territorio correspondente aos espazos naturais dos Montes do Morrazo, de Coto Redondo e da Carballeira de Coiro segundo as antigas normas subsidiarias e complementarias de planeamento da provincia de Pontevedra, pasen a ter oficialmente a clasificación de espazos naturais protexidos xa que a clasificación actual de solo rústico de especial protección de espazos naturais non é efectiva xa que non está integrada dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e na realidade non se lle pode aplicar a Lei de Patrimonio Natural.

Ao tanto, no seu momento, xa se lle solicitou dende esta Plataforma á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) baixo o nome de Montes e Carballeiras do Morrazo que abranguería o terreo correspondente aos ditos espazos naturais e outros ampliables, pasando o terreo ambientalmente protexido a preto dun terzo do existente na península do Morrazo que, á parte de zonificar e promover unha efectiva ordenación dos recursos naturais, blindaría o dito territorio con respecto á proxección industrial, incluída a eólica, e a mineira. Tamén debe ter unha protección paisaxística, na actualidade inexistente, a través da súa inclusión no Catálogo das Paisaxes de Galiza tal como lle solicitou no seu momento esta Plataforma á Xunta de Galiza.

Para a Plataforma os proxectos non se paralizan só con alegacións e recursos que na actualidade nalgúns casos poden ser efectivos pero que en calquera momento pode ser o contrario dada a falta de protección ambiental existente en Galiza e na península do Morrazo -non chega ao 12 % do territorio na primeira e ao 5 % no caso da segunda-, a interpretación ambigua da lexislación e as presións dos lobbies económicos e empresariais. Na realidade os proxectos paralizanse por riba de todo grazas á mobilización social como se ten comprobado en multitude de loitas dende o pasado ata a actualidade e sen máis a realizada no pasado a través desta Plataforma contra o ao final fallido proxecto do parque eólico de Pedras Negras.

O actual modelo de extracción, produción e consumo de recursos é totalmente insustentable xa que hai tempo que extraemos e consumimos moito máis do que o planeta nos pode ofrecer e ademais as enerxías renovables non son quen de suplir os insustentábeis niveis de consumo das enerxías fósiles.

Europa e, en especial os países máis desenvolvidos do norte, pasaron de proxectar de xeito neocolonial e intensivo as enerxías renovables no norte de África, como era a súa pretensión hai máis dunha década, a proxectar de xeito tamén neocolonial no sur do propio continente e en especial na península ibérica, acrecentado polos intereses xeoestratéxicos e enerxéticos a costa do conflito bélico entre Rusia e Ucraína,

Galiza é excedente dende hai anos en produción de electricidade, a maioría dela procedente de enerxías renovables e supera ademais o tope de aeroxeradores por territorio e habitante que a propia Unión Europea programou para os seus Estados membros ata o ano 2030.

A maioría da “enerxía renovable” que se quere producir no futuro preténdese destinar ao consumo das contaminantes e grandes consumidoras industrias electrointensivas e de encrave, ou a través do custoso e grande consumidor enerxético método da electrólise para a produción e transporte do “hidróxeno verde” con destino ao consumo do transporte globalizado e dos países e rexións máis desenvolvidas do continente. Tamén queremos alertar polo engano que se pode producir a través das denominadas “comunidades enerxéticas”.

Dende o Morrazo a sociedade temos que deixarlle claro aos Concellos, á Xunta de Galiza, ao Estado español e á propia Europa que rexeitamos ese modelo e apostamos por outro modelo baseado no decrecemento, no aforro e eficiencia enerxética, na reciclaxe e na autoxestión dos recursos a baixa escada a nivel local e respetuosa co medio natural.

Para rematar achegamos fotografías das zonas afectadas polo novo proxecto de parque eolico As de Guía que con 15 aeroxeradores, dúas subestacións eléctricas e torres de medición eólica, pretende proxectar o Grupo de empresas Arena Power, entre os 450 m. e os 600 m. e as rías de Vigo e Pontevedra, nos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa, na península do Morrazo.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑