Abellas, avespas, bolboretas e outros insectos en perigo de extinción

A Comisión Europea informaba a comezos deste ano da progresiva desaparición de especies dentro do territorio da Unión Europea. A nota, que foi publicitada por distintos medios de comunicación, avisaba de que varias especies de abellas, avespas e bolboretas están ao borde da extinción indicando ademáis que ao redor do 80% das plantas de cultivo e flores silvestres (cartro de cada cinco) dependen da polinización por animais e que polo tanto a perda destes pequenos insectos representa unha das maiores amenazas para a natureza, o benestar humano e a seguridade alimentaria da UE.

A información dada pola Comisión non é para nada novidosa. Existen diversos estudos científicos a nivel internacional que teñen estudado e comprobado a diminición, ata o 40%, durante as últimas décadas dos insectos, alertando da dramática situación dos polinizadores, en especial en Norteamérica e na Europa occidental entre outras áreas planetarias, onde moitos poderían extinguirse nas vindeiras décadas.

Algúns destes estudos, como o realizado na Europa en varios estados de Alemaña entre os anos 2008 e 2017, informan que en tan só unha década algúns espazos naturais pasaron de 100 tipos de bolboretas, abellas, abellóns, libélulas, mosquitos e moscas a tan só 33 especies. Outro estudo, tamén realizado na Alemaña en 63 reservas naturais, concluiu que a biomasa do número de insectos voadores se reduciu un 75% desde o ano 1989 ata o ano 2014.

A nivel estatal un estudo di que no 2020 a presenza de bolboretas na Rede de Parques Nacionais disminuíra un 7 % con respecto á media 2016-2019. Unha outra investigación do ano 2019 informa que, revisando 73 estudos científicos existentes en diversas partes do planeta e publicados nos últimos 13 anos, di que abellas, formigas e escaravellos están a desaparecer a unha tasa 8 veces maior que os mamíferos, aves ou réptiles, e que un tercio de todas as especies de insectos xa se clasifican como en perigo de extinción.

Segundo estes estudos as causas desta disminución débese a varios factores como a mudanza climática, o aumento das temperaturas globais e dos fenómenos metereolóxicos extremos, a perda de hábitats naturais debido a prácticas agrícolas, a urbanización e a deforestación, o uso de pesticidas, directamente a través de insecticidas e funxicidas e indirectamente a través de herbicidas, factores biolóxicos como as especies invasoras e os patóxenos e a influencia da contaminación electromagnética, auditiva e da lumínica.

O Morrazo, desgraciadamente, non é alleo a esta grave problemática ambiental como puidemos comprobar desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo durante os últimos anos nas observacións feitas de campo. Na nosa comarca está a producirse unha drástica diminución de insectos nos distintos espazos naturais especialmente aguda nos meses do verán.

Alén da evidente influencia do cambio climático e o quecemento global que alteran os ciclos estacionais, bioclimáticos, da auga e migratorios tanto nos ecosistemas como na biodiversidade, no Morrazo temos que salientar algunas características propias: A perda de hábitats naturais tanto pola deforestación do arborado autóctono e de ribeira como a forestalización de espazos abertos de matogueira e de zonas húmidas, moi importantes e fundamentais para a presenza de insectos pola súa rica e variada flora. A substitución destes ecosistemas polo monocultivo intensivo de especies forestais, en especial eucaliptos e piñeiros, comporta unha diminución da biodiversidade natural ademais de probabilidade de lumes ao seren esas especies pirófitas e favorecedoras da súa propagación.

O progresivo abandono do rural, do agro e das actividades agropecuarias fai que estes espazos abertos, moi importantes tamén para moitas especies da fauna invertebrada, vaian desaparecendo e ocupando o seu espazo o mato alto ou especies arbóreas alóctonas invasoras, en especial as acacias, outras das grandes lacras para a biodiversidade local e así mesmo propagadoras dos lumes. Pola contra nos espazos nos que aínda se segue a cultivar utilizase xeralmente productos químicos insecticidas e funxicidas de xeito sistémico e causa preocupación o incremento do uso do glisofato como herbicida tanto en gabias como no propio agro ou mesmo no monte, a nivel forestal.

Por último, cómpre salientar o factor biolóxico que ten a presenza de especies exóticas e invasoras, tanto de flora como de fauna, onde destaca a avespa asiática ou velutina. A súa grande e progresiva presenza desde a última década, engadido ao seu grande e pernicioso potencial depredador, supón unha grande afección no só para a abella domesticada e a actividade económica relacionada co mel senón para unha grande parte da comunidade de fauna invertebrada silvestre a nivel local polo seu hábito polífago. Como dixemos, nos últimos veráns, incluido este no que estamos, pódese observar unha grande diminución de insectos en xeral en toda a comarca, ocupando case que en exclusiva a velutina moitos deses espazos, na vexetación en floración, na procura incansable de novas presas.

A Comisión Europea considera urxente reverter a situación mellorando a conservación de especies e hábitats a través do protexido pola Directiva Hábitats e unha rede de corredores ecolóxicos para as especies polinizadoras, a restauración de hábitats en paisaxes agrícolas promentendo axudar a agricultura respectuosa cos polinizadores e a mitigación do impacto do uso de pesticidas.

Esta Plataforma considera urxente tomar medidas que palien as consecuencias xa evidentes no medio e parécenlle interesantes moitas das propostas feitas pola Comisión. Mais sendo realistas e coñecedores da situación actual de falta de protección ambiental no Morrazo con menos do 5% de do seu territorio correspondente á Rede Natura e o insignificante 0,01% recollido no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia, cremos que estas medidas e menos aínda na súa integridade, non se van implantar a curto prazo.

A isto se lle engade a escasa representación dos insectos dentro dos listados de fauna silvestre a protexer a nivel europeo a través da propia Directiva Hábitats como a nivel estatal ou autonómico a través dos correspondentes Catálogos de Especies Ameazadas, a consolidación e mesmo incremento dos monocultivos forestais, en especial do eucalipto, incumpríndose mesmo a moratoria proposta hai dous anos pola Xunta a novas plantacións con esta especie, a grande implantación do uso de agrotóxicos e biocidas e a pouca superficie adicada á agricultura ecolóxica existente, o control en grande medida ineficaz do control da presenza de especies exóticas e invasoras, tanto vexetais, en especial das acacias, como animais e en especial da avespa asiática, cunha reducida senón nula implicación pública e institucional, deixando en moitas das veces que se realice de xeito puntual e en precario a través do voluntariado, e por último, a subxacente especulación de solo urbanístico e industrial contemplada tanto nas planificacións municipais como na autonómica dentro do insustentable modelo de crecemento continuado vixente e dentro del das telecomunicacións e do transporte motorizado.

Para rematar achegamos unha reportaxe fotográfica, mostra da importante fauna invertebrada relacionada directa e indirectamente coa polinización e a existencia das distintas especies vexetais silvestres presente ao longo da península morracense, salientando así mesmo que moitas especies desta fauna non só destacan pola súa importante colaboración como polinizadoras dentro da reprodución do reino vexetal ou do fúnxico senón porque forman parte fundamental tamén na base da rede trófica como sustento alimentario para moitas especies da fauna vertebrada -mamíferos, aves, réptiles e anfibios- no reino animal que polo tanto e no seu conxunto tamén está a ser afectada pola diminución constatada desa outra fauna ademais de favorecer o incremento das especies oportunistas en detrimento das especializadas. Representada por especies do ámbito paleártico e europeo, e dentro del algunhas delas do ámbito ibérico ou mesmo mediterráneo, moitas das especies da fauna invertebrada dependen unhas das doutras por procesos de mimetismo, parasitismo ou porque forman parte entre elas das súas dietas, tendo así mesmo unha interesante e fundamental función ecolóxica como controladoras de posibles pragas.

A sensación de abundancia é de todas as maneiras ficticia polo arriba relatado e porque a fauna invertebrada é a máis numerosa dentro do reino animal xa que representa sobre o 75% do total da fauna existente e, ao mesmo tempo, a que menos atención adoita ter polo ser humano, agás aquelas especies máis chamativas ou as que teñen para a nosa especie un interese económico e comercial.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑