Rexeitamos novamente os polígonos industriais nos Montes do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, cualifica como mediática e electoralista a escasos meses dos novos comicios autonómicos, a proposta da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) de incluír finalmente o polígono empresarial Moaña-Marín e a plataforma loxística Marín-Pontevedra no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

E tamén de irresponsable e incompetente ao intentar darlle cabida agora a proxectos que hai uns meses eran cualificados como inviables e coas peores puntuacións dentro do propio Plan sometido a exposición pública. Lembramos que entre esas baixas puntuacións estaba o elevado e irreversible impacto ambiental que provocaban eses proxectos ou a súa ilocalización como no caso do polígono empresarial Moaña-Marín.

As citadas áreas empresariais, que suman en total arredor dos 2 millóns de m2 de superficie, están proxectadas dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, nos lugares de Cruz da Maceira-Pastoriza no caso do polígono empresarial Moaña-Marín (1.500.000 m2 sumando as propostas dos PXOM de Moaña e Marín) e no monte Pornedo no caso da plataforma loxística Marín-Pontevedra (167.618 m2), cualificados como solo rústico de especial protección de espazos naturais.

Entre as afeccións ao solo rústico de especial protección do espazo natural están a paisaxística por enriba dos 400 metros de altitude entre as rías de Vigo e Pontevedra; a xeolóxica e edáfica incumprindo os desniveis permitidos, por enriba dun 25%, ante unha orografía moi abrupta e complicada; a hidrolóxica en nacementos de regos e regatos; a biolóxica en hábitats naturais de interese comunitario e en áreas naturais de poboacións animais e vexetais con endemismos ibéricos e especies vulnerables ou en vías de extinción; a cultural na área de protección de cuantiosos e cualificados xacementos arqueolóxicos e elementos patrimoniais (mámoas e petróglifos) inventariados ou mesmo catalogados como ben de interese cultural, monte comunal, explotacións forestais e gandeiras, sendeiros ecolóxicos catalogados e sinalizados de pequeno e longo percorrido a nivel municipal e comarcal; a territorial pola necesidade de novas vías asfaltadas de comunicación, …

A ese elevado impacto ambiental habería que lle engadir o conseguinte gasto económico, que en conxunto faría estes proxectos practicamente inviables, como finalmente vén demostrar a propia CMATI cando renuncia a executalos con fondos públicos, deixándoo a expensas de inversións do grande capital privado, o mesmo que insustentablemente nos meteu nesta crise global e financeira do sistema.

A mesma Xunta a través de Xestur no ano 2010 informou que estaban sen ocupar arredor de 1.500.000 m2 de superficie industrial en parques empresariais de nova construción a nivel provincial, sen que a situación probablemente mudara senón, todo o contrario, empeorara dada a forte e enquistada crise financeira e a tamén, por conseguinte, recesión no desenvolvemento empresarial e industrial.

Polo tanto, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera de auténtica tómbola a política que está levar a cabo esta Xunta de Galicia gobernada polo PP a través da CMATI, que da noite para a mañá o que dicía antes con argumentos técnicos deixa de dicilo agora con argumentos totalmente electoralistas e especulativos, demostrando unha falta de ordenación real do territorio, propio dun modelo de desenvolvemento que fluctua segundo os intereses políticos e empresariais de turno, sen lle importar a sustentabilidade das medidas a levar a cabo.

A Plataforma está en contra dos citados parques empresariais, e así llo fixo chegar oficialmente á Xunta o pasado mes de marzo nas alegacións feitas ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, nas que solicitou que fronte ao criterio do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono se teña en consideración o deber de encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e que o resto da oferta de sólo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.


Advertisements

1 comentario

Arquivado en Uncategorized

Unha resposta a “Rexeitamos novamente os polígonos industriais nos Montes do Morrazo

  1. Pingback: CRÍTICAS DE ‘MONTES DO MORRAZO’ POLO MANTEMENTO DOS NOVOS POLÍGONOS « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s