
O incumprimento das Recomendacións da Valedora do Pobo así como as Resolucións da Comisión da Transparencia de Galicia (que achegamos) por parte da Alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, demostra un total desprezo cara a estas institucións, unha clara falta de dignidade política e un elevado déficit democrático, tendo en conta que as ditas Recomendacións e Resolucións son produto da denuncia urbanística na que se solicitaba a caducidade das licenzas concedidas ilegalmente no ano 2001 (50 licenzas) e no 2003 (52 licenzas), no sector B do SAU A-7 Residencial Golf Domaio sen facer efectivo o pago do aproveitamento urbanístico, nin ter urbanizado, nin presentado o aval garantizado das obras de urbanización.
Desde os anos 90 do pasado século, o Colectivo Ecoloxista Luita Verde posicionouse abertamente en contra do proxecto do campo de golf e urbanización, por representar unha agresión medioambiental de consecuencias irreversibles e estar baseado na especulación e a fraude.


O tempo deunos a razón, despois de máis de 30 anos que o PSOE e o PP modificasen e eliminasen a protección dunha parte do espazo natural dos Montes do Morrazo para construír o campo de golf e a urbanización anexa, a paisaxe que ofrece o sector B obxecto da caducidade de licenzas é deprimente, con construcións ruinosas rodeadas de vexetación exuberante e invasora, só hai que dar un paseo polo lugar para comprobalo.
Por outra banda, a maioría das parcelas están embargadas ou son propiedade do fondo voitre Divarian Propiedade SA, constituído polo 80% doutro fondo voitre norteamericano, Cerberus, especializado en adquisición de activos tóxicos dos bancos españois, e un 20% polo BBVA, quizais por iso a alcaldesa actual do BNG do Concello de Moaña se vexa presionada e faga deixamento de funcións e finalmente non incoe o expediente de caducidade das licenzas de xeito evidente ilegais.
Este é o Concello que hai escasas datas a Xunta de Galicia lle outorgou unha “bandeira verde”, entre outros motivos pola “protección da paisaxe e o patrimonio natural” ou “actividades relacionadas coa ordenación territorial”.
Pola nosa banda seguiremos utilizando todos os medios ao noso alcance, mesmo os xurídicos penais, para a restitución da legalidade urbanística que está a boicotear o Concello de Moaña.
Resolucións da Valedora do Pobo:
Deixar unha resposta