Luita Verde denuncia os peches ilegais no sector B da urbanización Residencial Golf Domaio en Moaña

A Valedora do Pobo tras as queixas de Luita Verde, e xa que o Concello non nos responde directamente incumprindo de xeito flagrante e continuado o artigo 4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, informounos recentemente de que o Concello de Moaña o 1 de outubro resolveu, a través dun acordo da alcaldía, que as obras de cerramento de delimitación de perímetro e dos accesos do sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, denunciadas por Luita Verde o 1 de xuño, non están recollidas no estudo de seguridade e saúde presentado no seu día pola promotora e que polo tanto se incoou un expediente de reposición da legalidade urbanística por non contar con título habilitante municipal.

No dito acordo ordéaselle á Junta de Compensación U. E. Residencial Golf Domaio SAU-7 Moaña a suspensión inmediata das obras e dos actos de construción que realiza a cantas persoas interveñan directa ou indirectamente na execución das obras e no prazo de 24 horas retiren os materiais que, no seu caso, teñan preparados para utilizaren, coa advertencia de que en caso de incumprimento, adoptaranse polo Concello as medidas cautelares necesarias para garantir a total interrupción da actividade.

Mais a realidade é outra xa que, tras a lentitude da incoación do expediente de reposición da legalidade urbanística por parte do Concello, consumáronse as obras realizadas e despois dun mes do acordo adoptado pola alcaldía, os peches consolidáronse no lugar malia a súa manifesta ilegalidade. Ou sexa, en vez de paralizar no seu inicio, hai catro meses, as obras dos peche, o Concello de xeito cómplice e a sabendas de que eran ilegais permitíu que estas seguisen a súa realización e cando praticamente estaban rematadas acordou a súa suspensión e reposición da legalidade urbanística que por outra banda non se está a cumprir por parte da seus autores dentro da política de “feitos consumados”.

No escrito presentado por Luita Verde o 1 de xuño dirixido á alcaldesa do Concello de Moaña, á parte de solicitar a comprobación dos feitos, a apertura do correspondente expediente sancionador e a retirada dos bloques de cemento e vallas metálicas -daquela na proximidade das 18 vivendas habitadas- e a paralización das obras dos peches ilegais ao norte e sur do sector B da dita urbanización, deixando expedito o legal e libre acceso a través dos viais e beirarrúas existentes, expoñíase ademais que se estaban a producir insultos e ameazas por parte de persoal residente nas ditas vivendas, creando unha situación de conflitividade social xustificada na base ilegal que toda esa área, incluídos os viais e beirarrúas, é unha propiedade privada.

Nos últimos meses dirixíronse a Luita Verde varias persoas, mesmo doutros concellos e de fóra do Morrazo, queixándose de situacións similares. Temos que salientar que a dita urbanización está situada nas inmediacións do sendeiro municipal dos ríos da Freixa e Miñouba e da contorna natural da Poza da Moura e que xa comezaron a aparecer tamén pintadas contra a urbanización, mesmo nos paneis de información do propio sendeiro. A realidade é que o Concello de Moaña coa súa deliberada lentitude na tramitación do expediente e a súa inacción tras a súa resolución de reposición da legalidade urbanística está a consentir a formación dun auténtico gueto privado ao estilo do xestado no seu momento en Punta Couso, no litoral do concello de Cangas.

Para Luita Verde esta é tan só a última das ilegalidades dentro dun abano moito máis amplo que corresponde ás 50 licenzas ilegais outorgadas no 2001 e as 52 licenzas outorgadas no 2003 polo Concello de Moaña no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio cando gobernaba o PP. As 18 vivendas que están construídas con poboación residente na actualidade carecen da correspondente licenza de primeira ocupación por non ter a condición de solar nin terse cumprido a urbanización simultánea nin presentado o correspondente aval garantindo das obras de todo o Sector B.

Esta é a situación herdada desde o ano 2010, cando en plena crise económica provocada precisamente polo estourido da burbulla inmobiliaria, o goberno bipartito BNG-PSOE presidido polo nacionalista X. M. Millán decidiu caducar o expediente de caducidade das ditas licenzas do 2001 e 2003 incoado inicialmente no 2008 talas solicitudes previas de Luita Verde xa que daquela non se estaba a cumprir as condicións legais para levalas a cabo. As vivendas foron mentras construídas e ocupadas ilegalmente a contagotas ata as 18 existentes sin que nas 84 parcelas restantes se producira a mínima obra desde hai máis dunha década, onde o que prima é a degradación da paisaxe e o medio ambiente, con vivendas a medio facer na ruina do cemento e os andamios ou sen construír, rodeado de mato e vexetación alóctona, pirófita e invasora, en especial eucaliptos e herba da pampa.

Hai pouco nos enteramos pola prensa da nova da puxanza por 5 parcelas da antiga promotora Mirón y Agarvi subastadas pola Axencia Tributaria na Urbanización SAU A-7, das que ademais de xeito totalmente escurantista non se sabe quen as puxa e paradoxicamente os residentes dos chalets construídos e a xunta de compensación din que non teñen nada que ver con eles.

Mais o que si sabe a Xunta de Compensación do Plan Parcial SAU A-7 Residencial Golf Domaio e o Concello de Moaña, xa que hai un membro do grupo de goberno do Concello de Moaña na Xunta de Compensación, é que o fondo voitre Divarian Propiedade SA, constituido polo 80% do fondo voitre norteamericano, Cerberus, especializado en adquisición de activos tóxicos dos bancos españois e un 20% polo BBVA, é propietaria do sector P, do sector H de uso hoteleiro, de mais de 100 vivendas do sector B e que o sector A o reparten entre Divarian Propiedade SA, o complexo societario Inurga SL e Obexcar, propiedade do matrimonio separado legalmente Oubiña-Pacheco e a sua filla Mª Mercedes Oubiña Pacheco, e os herdeiros de Agustín García Villar, propietario a finais dos anos 90 de todas as parcelas edificables do SAU A-7 Residencial Golf Domaio.

O Concello de Moaña, presidido pola nacionalista Leticia Santos, está a dilatar no tempo o cumprimento legal das súas competencias en materia urbanística, por un lado pola responsabilidade patrimonial e posibles indemnizacións que tería que aportarlle ás 18 vivendas construídas e habitadas no sector B da SAU A-7 e polo outro en complicidade coa xunta de compensación da Residencial Golf Domaio, á espera do “milagre” da chegada económica dos “fondos voitre”.

Ata aquí é onde chegou un proxecto que se iniciou a principios da década dos noventa do século pasado na parroquia de Domaio co engano que era para unha plantación de kiwis, ao cabo do tempo convertiuse na recualificación de 91 has. de solo rústico protexido para a construción dun campo de golf e a urbanización anexa de 466 vivendas dividida en catro sectores (A 189 vivendas ailladas), (P 100 vivendas plurifamiliares), (B 177 vivendas ailladas e adosadas) e (H de uso hoteleiro), onde só chegou a construírse finalmente no sector B e onde as 18 vivendas construídas e ocupadas ilegalmente sen a correspondente licenza de primeira ocupación só chega ao 18% da súa promoción, representando o meirande caso de fraude e especulación urbanística no Morrazo e un dos meirandes a nivel galego e do que de momento non se pretende cambiar de modelo malia a súa manifesta insustentabilidade.

Malia isto Luita Verde está á espera do informe do técnico municipal da inspección das obras e a incoación do expediente de caducidade das dúas licenzas das 50 e 52 vivendas no sector B da Unidade de Actuación SAU A-7 Residencial Golf Domaio, requiridas pola Valedora do Pobo tralas nosas queixas e despois de case tres anos que solicitamos ao Concello a súa aplicación. Así mesmo estamos á espera de que se retiren os peches ilegais da dita urbanización e se cumpra de facto coa restauración da legalidade urbanística, do que xa enviamos un escrito de resposta á Valedora do Pobo para que non arquive o expediente mentras non teñamos a resposta directa do Concello, en aplicación do artigo 4 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Adxuntamos as fotografías das obras dos peches ilegais ao norte e ao sur da urbanización a medio facer ou simplemente cos buratos feitos cando denunciamos os feitos o 1 de xuño no Concello de Moaña e, para contrastar, outras actuais onde se observa os peches realizados e consolidados, fiel reflexo de que non se está a cumprir coa reposición da legalidade urbanística resolta polo Concello de Moaña, tralo acordo da alcaldía do 1 de outubro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: